Romaría do Pote

Inicio   Que facer   Festas e festivais   Romaría do Pote

Celébrase en Maniños o último domingo do mes de agosto. Organizada pola A.C.R.D. O Pote.

A Romaría do Pote ven celebrándose ininterrompidamente dende o ano 1933, exceptuando os anos da Guerra Civil. Trátase dunha das romarías pioneiras de Galiza, tendo como particularidade o seu carácter laico, ao non ser consagrada a ningún santo.

A primeira Romaría do Pote tivo lugar o 17 de setembro de 1933. Naquela ocasión actuou o grupo Toxos e Flores de Ferrol, que inaugurou o palco do campo da festa de Maniños. Máis tarde trasladouse á casa do doutor Borrás onde se izou a bandeira republicana e lle ofreceron unha recepción. Na torre rematou naquela ocasión esta histórica romaría.

A primeira Romaría do Pote foi un éxito de participación. Tras a popularidade da primeira edición da romaría preparouse a segunda. En xuño de 1934 a asemblea de socios acorda apoiar a continuidade desta festa,trasladándoa para o mes de xullo.

Nos anos 50, 60 e 70 ao Pote achegábase xente de toda Galiza, formando espectaculares merendas de máis de duascentas persoas. Algún ano a comisión organizadora chegou a traer trece grupos musicais para participar na romaría. A esta festa ten acudido xente de toda Galiza, configurándose como unha das principais romarías do país nos últimos anos do franquismo.

As merendas son unha da particularidade da Romaría do Pote, dende unhas semanas antes do festexo que habitualmente coincide co último domingo de agosto, mozos de Maniños e doutras parroquias comezan a montar con toxos, xestas e felgos as súas cabanas nos arredores do local do Pote. Ben fornecidos de comidas e bebidas, os máis novos pasarán os días e noites anteriores ao Pote acubillados nas ´casoupas´, preparando o día grande.