Cun monólogo de Pepe Capelán pecha este venres o "Novembro, mes do humor" do Museo do Humor

Inicio   Fene hoy  

Para asistir á función será preciso recoller as invitacións o mesmo día do espectáculo, a partir das 18.30 horas

Pepe Capelán sempre chega tarde. Parafraseando aos grandes Faemino e Cansado, poderiamos dicir que Pepe Capelán é un home impuntual. “Chegou tarde ao seu propio nacemento, xa que chegou ao mundo logo de case dez meses de xestación. E despois dunha longa vida de impuntualidades, tamén chegou tarde ao mundo da comedia e da interpretación”.

O humorista, que actúa este venres na derradeira sesión do ciclo “Novembro, mes do humor”, deuse a coñecer hai anos no programa Bamboleo, da TVG, coma un aspirante a artista que acabou converténdose nun personaxe fixo do mesmo. Tamén participou noutros espazos da canle galega como “Laretando” ou “No mellor da vida”. Na actualidade, “o que fai Pepe é compartir en clave de humor as experiencias da súa propia vida, a dun mozo de aldea con aspiracións de triunfar no mundo do espectáculo”.

A actuación de Pepe Capelán en Fene será este venres, 24 de novembro, a partir das 20 horas, no salón de actos da Casa da Cultura - Museo do Humor. A entrada será de balde aínda que, como o aforo é limitado (120 persoas), as persoas que desen asistir deberán recoller as súas invitacións (máximo dúas por persoa) o mesmo día do espectáculo a partir das 18.30 horas na conserxería da Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Ciclo recomendado para público adulto.

Con esta función chega ao seu fin o Novembro, mes do humor, ciclo que organiza a Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural) e que trouxo a Fene nesta edición a grandes humoristas como David Noya, Isabel Risco, Fran Rei, Pedro Brandariz ou Celso Fernández Sanmartín.