Fene ofrece máis dun centenar de propostas de ocio para disfrutar do municipio neste segundo semestre

Inicio   Fene hoxe  

O Concello, a través das Concellerías de Promoción Turística e Económica, recupera “Vén a Fene”, unha completa programación de actos e actividades de lecer que se celebrará neste segundo semestre de ano en todas e cada unha das parroquias. Todas elas, máis dun centenar, están recollidas na guía presentada onte pola tarde no salón de plenos da consistorial nun acto no que tomaron a palabra o alcalde, Gumersindo Galego; o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, e Económica, César Castro, e no que participaron veciños e representantes do tecido asociativo. Precisamente, a guía –que comezou a editarse na anterior lexislatura e que tras un parón de dous anos se recupera agora- aglutina non só a programación organizada polo Concello senón que tamén recolle aquelas actividades que promoven as diferentes asociacións e entidades do municipio. O obxectivo, segundo Juan José Franco, é apoiar e potenciar todo o seu traballo, dándolle difusión.


Distribuiranse unhas 5.000 guías, tanto na Oficina Municipal de Turismo como nos establecementos hosteleiros e comercio e entidades sociais e veciñais. Entre as actividades máis novidosas, o edil avanzou a celebración do que será o primeiro homenaxe que Fene rende ó popular e querido cantante Sito Sedes, natural de Sillobre, parroquia que acollerá o acto. Nel estará a formación ó completo de Los Satélites e xa teñen confirmada tamén asistencia numerosos compañeiros do mundo do espectáculo. Tamén por primeira vez actuará no municipio, neste caso en Perlío, a reputada compañía Kukas, que traerá a obra “Encoro enmeigado” coas Fragas do Eume como protagonista. Outro veciño ilustre de Fene, o escritor Ramón Loureiro, protagonizará un dos actos destacados da programación: a presentación da súa última obra, na que Fene está moi presente. Será nun acto no que tamén se lle rendirá homenaxe.


Tras anos sen celebrarse, o Concello recupera a Romaría de Santa Ana. Será este mesmo mes en Fene, e en Maniños, porase en marcha por primeira vez a Ruta Indiana, cun percorrido teatralizado polas principais construccións impulsadas polos emigrantes alén de mar. Tamén unha ruta, pero polos muíños, se realizará no municipio e, máis concretamente, en Magalofes. A mesma parroquia acollerá unha sentida homenaxe póstuma ó párroco don Elías Seoane Ramírez. Maniños será escenario da presentación da Guía de Artes e Especies Fene Mar Vivo e, por primeira vez, Barallobre celebrará o Festival das Ondas. En canto ás actuacións musicais, festivais xa consagrados como o Festival Felicia (Felipop) en Limodre ou o Fenerock terán este ano festas de presentación especiais previas.


En definitiva, unha completa programación coa que o Concello e as entidades queren convidar a vir a Fene á cidadanía para disfrutar dun municipio cargado de propostas ata finais de ano. Por último, Juan José Franco avanzou que o departamento que dirixe xa está a traballar tamén na elaboración da próxima guía, que recollerá as actividades e eventos a celebrar durante o primeiro semestre de 2019.