Fene convida a visitar Barallobre para degustar 21 pratos na Festa Mariñeira e gozar da música do Festival das Ondas

Inicio   Fene hoxe  

A sexta edición da Festa Mariñeira celebrarase este sábado e poderanse degustar ata 21 pratos de mar elaborados con produtos da Confraría

O II Festival das Ondas traerá as actuacións de Hidrogenesse, Boyanka Kostova, Linda Guilala e A Tribo das Flores. Comezarán ás 21:00 horas.


O Concello de Fene convida a veciños e visitantes a acudir o vindeiro sábado, 7 de setembro, ao Peirao de Barallobre, onde se celebrarán a VI Festa Mariñeira e o II Festival das Ondas. Dous eventos que foron presentados esta mañá na Confraría de Barallobre nun acto no que participaron o alcalde de Fene, Gumersindo Galego; o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco; e o patrón maior, Jorge López.

O alcalde sinalou que a Festa Mariñeira se ten consolidado xa no calendario festivo de Fene. Foi unha festa que foi medrando ano a ano dende 2014 e, segundo indicou Gumersindo Galego, ten importancia pola promoción que supón para os produtos da ría e o traballo da Confraría de Barallobre, e tamén pola implicación de todo o tecido asociativo do Concello de Fene, que se implica en cada edición para colaborar nesta festa.

Jorge López, o patrón maior da Confraría, defendeu a calidade dos produtos que se servirán na Festa Mariñeira, procedentes da ría de Ferrol e capturados polos mariscadores a pé e a flote de Barallobre e vendidos directamente na lonxa.

O concelleiro de Turismo, Juan José Franco, detallou que son ata 21 pratos os que se poderán degustar na VI Festa Mariñeira e que serán elaborados por seis asociacións de Fene. A festa comezará ás 12:00 horas do sábado e contempla unha proposta moi variada que estará, segundo o edil, espectacular. Así, serviranse a prezos populares produtos de primeira calidade e que terán como ingrediente principal produtos como mexillóns, chocos, ameixas, berberechos, sardiñas, zamburiñas, xoubas, navallas ou polbo, entre outros. Haberá empanadas de mexillóns, zamburiñas e xoubas; paella; varios produtos preparados á prancha e mesmo tortillas ou salpicón con diferentes mariscos.


II FESTIVAL DAS ONDAS

O concelleiro de Turismo aludiu tamén ao Festival das Ondas, un proxecto que comezou o ano pasado e que ten continuidade este 2019. Será tamén o sábado, 7 de setembro, no Peirao de Barallobre, e traerá a música de catro grupos Hidrogenesse, Boyanka Kostova, Linda Guilala e A Tribo das Flores.

O festival arrancará ás 21:00 horas coa actuación do grupo local A Tribo das Flores, cunha proposta que van dende o folk ata o pop, e que ofrece música tabernaria e de romaría de verán.

Ás 22:00 horas actuará a banda pontevedresa Linda Guilala. Fai parada en Fene nunha xira que os está a levar por diferentes cidades de España e de Europa coa súa proposta pop.

Dende Barcelona chega Hydrogenesse, que se define como un dúo de art-rock electrónico e que terá en Fene a súa única parada en Galicia na xira que os ten levado a diferentes cidades de España e de Europa. O concerto será ás 23:00 horas.

Pechará o II Festival das Ondas Boyanka Kostova, un dúo coñecido como o pioneiro do trap galego e que chega dende Santiago de Compostela coa súa proposta musical, orixinal e cun toque rural.

Segundo Juan José Franco, a segunda edición do Festival das Ondas rematará á 1 da madrugada. Convidou ás persoas interesadas a chegar cedo para poder degustar unha cea a base de marisco, xa que durante algunhas horas este festival de música coincide no tempo coa Festa Mariñeira.