O Auditorio Municipal de Narón acolleu o día 18 de decembro un acto ao que asistiron persoal político e técnico, docentes e estudantado dos seis concellos participantes, ademais da Deputada de Igualdade da Deputación da Coruña e o equipo promotor de Rexenerando S. Coop.
O LAB LGBT+ abordou a cuestión da diversidade sexual dun xeito innovador, incorporando ferramentas de xestión e facilitación de grupos e dando espazo á experiencia, motivación e necesidades da mocidade.
A este encontro final do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ 2024 asistiron as traballadoras da cooperativa Rexenerando, promotora do proxecto, a Deputada de Igualdade, Soledad Agra, como representante da administración financiadora, técnicas e concelleiras das áreas de igualdade de Fene, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño. Ademais, contou con representación de estudantado e docentes dos centros educativos participantes nesta primeira edición: o IES de Fene, o IES Catabois, o IES Terra de Trasancos, o IES Fernando Esquío e o CPI San Sadurniño e CPI Atios.