06-07-2023

A Mocidade Activa de Fene, Mugardos e Neda xa está en marcha

Este martes botou a andar o programa Mocidade Activa que están a desenvolver as áreas de Benestar e Igualdade dos Concellos de Fene, Mugardos e Ares. A actividade enmarcase nun proxecto de prevención de condutas aditivas no eido local que se realiza coa colaboración coa Consellería de Sanidade. Mocidade Activa vai dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 11 e os 16 anos. Dende os Servizos Sociais de Fene informan de que quedan dispoñibles dúas prazas libres que, no caso de que haxa persoas interesadas en participar, se cubriran por orde de inscrición. As solicitudes enviaranse ao correo electrónico: servizos.sociais@fene.gal
29-06-2023

Amplíase o prazo de inscrición no programa Mocidade Activa até o venres 30 de xuño

As Áreas de Benestar e Igualdade dos Concellos de Fene, Mugardos e Neda anuncian a ampliación do prazo de inscrición para participar no programa Mocidade Activa, dirixido á rapazada de 11 a 16 anos, no marco do proxecto de prevención de condutas adictivas que están a desenvolver coa colaboración da Consellería de Sanidade. As prazas (10 por grupo) repartiranse entre os catro grupos que se pretenden poñer en marcha: dous en Fene, un en Mugardos e outro en Neda, cunha duración quincenal en cada quenda.
21-06-2023

No verán.... a Mocidade Activa

Área de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene abre o prazo para inscribirse nas actividades dirixidas á mocidade con idade comprendida entre os 11 e ata os 16 anos.

Neste espazo dinámico as actividades a abordar, entre outras son: rutas guiadas, obradoiros ao aire libre relacionados co medioambiente, deportes locais, tradicionais e acuáticos, xogos colaborativos, radio, fotografía…. Todo isto abordarase tendo en conta as emocións e necesidades que nos espertan, valorando así o noso benestar a través do uso saudable do ocio.
Ofértanse catro grupos, dous en Fene, un en Mugardos e outro en Neda, cunha duración quincenal en cada quenda.
As prazas están limitadas a 10 persoas por grupo para poder garantir un espazo dinámico e participativo, buscando a interacción.

O período de inscrición está aberto ata o 28 de xuño ou ata que se cubran as prazas por orde de inscrición.

As solicitudes formalizaranse achegando o formulario de inscrición cuberto ao enderezo electrónico: servizos.sociais@fene.gal
20-06-2023

Fin de curso do Serán Activo

O concello de Fene dende a concellaría de Benestar social e igualdade, desenvolveu  de outubro a xuño o programa de Envellecemento Activo, no que se enmarca “ SERÁNS ACTIVOS” 

Obradoiros que se realizaron de forma itinerante polas diferentes parroquias do concello, a través das entidades veciñais e culturais, e a igual que o resto de escolas municipais coa chegada da tempada estival chega ao seu fin.
 
12-06-2023

Dereitos Sanitarios: Eutanasia e Testamento Vital

A Concellería de Benestar e Igualdade do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación Por + Vida, convídanos á charla-coloquio sobre "Eutanasia e Testamento Vital" impartida por Miguel Anxo García Álvarez, presidente da Asociación Dereito a Morrer Dignamente de Galicia (DMD) que terá lugar o vindeiro 15 de Xuño ás 19.00 h na Casa da Cultura.
09-06-2023

Coidados porta a porta

A unidade móbil de “Coidados porta a porta” instalarase en Fene na zona situada entre o Pavillón polideportivo de San Valentín e o Colexio da Xunqueira os días 14, 15 e 16 de xuño. A atención dos profesionais na unidade móbil será en horario de 09:00 da mañá a 20:00 horas.
A cita previa pode solicitarse nos teléfonos 622 748 283 e 623 546 992 ou no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal
Como actividade complementaria aos servizos “Porta a Porta”, o salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Fene acollerá o 14 de xuño, ás 19:00 horas, unha charla sobre os coidados do oídos.
Esta charla, con entrada de balde até completar aforo, correrá a cargo do/a profesional de audioloxía da unidade móbil.
 
 
05-06-2023

O Concello de Fene e AFAL promoven dúas xornadas de formación sobre a Atención especializada no Alzhéimer e outras demencias

Serán os día 8 e 9 de xuño, na Casa da Cultura de Fene. A sesións tratarán aspectos como a aboradaxe terapéutica nas demencias e as mobilizacións e transferencia das persoas dependentes.

As persoas interesadas en asistir deberán de inscribirse previamente:
CENTRO MUNICIPAL DE SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE FENE
R/ Avda. do Mar, bloque 1-baixo
15500 San Velentín-Fene
Teléfonos: 981492706/981342607
05-06-2023

O Concello de Fene únese ao “apagón” para concienciar sobre o cambio climático

Unha ducia de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade únense este luns, 5 de xuño, ao apagón simbólico convocado pola entidade con motivo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se centra na contaminación por plásticos. Así, hoxe, a partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, torres e outros monumentos co fin de concienciar sobre o consumo de enerxía. A acción encádrase no proxecto europeo People and Planet, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático. No caso do Concello de Fene, o apagón afectará á Praza do alcalde Ramón José Souto González a partir das once da noite. 
05-06-2023

Concentración de condea e rexeitamento polo asesinato por violencia machista en Oia

Dende a Concellaría de Benestar e Igualdade do Concello de Fene, convócase para hoxe luns 5 de xuño de 2023 ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa ás 12:00 h na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DE ANA VANESSA SERÉN de 44 anos e veciña de Oia (Pontevedra)
Ana Vanessa foi violentamente asasinada pola súa ex parella, Víctor G.D., este sábado no seu lugar de traballo no municipio pontevedrés de Oia en presenza de varios menores que xogaban preto do lugar, pagando coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecemos todas as mulleres polo mero feito de ser mulleres.

Ana Vanessa é a segunda vítima mortal da violencia machista en Galicia no 2023 sendo 21 as mulleres asasinadas en España no que levamos de ano (Fonte: MInisterio de Igualdade)
Agradecemos de antemán a vosa asistencia como xesto de condea, repulsa e solidariedade.
01-06-2023

O papel da familia na prevención das adiccións

Aínda podes inscribirte na xornada sobre o papel da familia na prevención das adiccións que se desenvolverá o vindeiro mércores día 7 de xuño ás 18.30 h na Casa da Cutura de Fene.

Xornada enmarcada no programa familiar “Máis que un teito”, subvencionado pola Consellería de Sanidade e promovidas polo concello de Fene e a agrupación de concellos de Mugardos e Neda; encamiñadas a sensibilizar, mellorar e complementar a información sobre a prevención familiar das condutas adictivas de maneira precisa e axeitada.