21-11-2022

A Casa da Cultura  acolle este serán a representación de "#2Pilgrims", dentro da programación do 25N

Hoxe, 21 de novembro, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a partir das 19:00h. a representación de "#2Pilgrims", protagonizada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo. O Camiño de Santiago é espazo para unha auto-ficción na que ambos protagonistas -ela coñecida por ter participado na serie Acacias 38 e el por ser o neno de Pratos Combinados- tentan buscar a maneira de relanzar as súas carreiras artísticas.  Nesa procura vital vanse tocando temas como a igualdade, o feminismo, as novas masculinidades e a importancia actual das redes sociais. A obra producida por Redrum Teatro chega a Fene a través do programa da Xunta O teu Xacobeo. Vai dirixida a público adolescente e adulto e a entrada é gratuíta.
14-11-2022

O programa “Coidados porta a porta” da Consellería de Política Social estará este mes en Fene

Proposta dirixida ás persoas maiores de 55 anos na que lles ofrece unha serie de recursos de atención sen que teñan que desprazarse fóra da cidade: revisións, valoracións auditivas, servizos de podoloxía, probas de valoración cognitiva, exercicios de estimulación para previr o Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

Para utilizar algún destes servizos hai que solicitar cita previa no 622748283/623546992 ou escribindo a coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. A unidade móbil estará situada en San Valentín os días 23, 24 e 25 de novembro en horario de 9:00 a 20:00 h.
 
08-11-2022

Fene inicia este mércores os actos co gallo do 25N

O Concello de Fene izará este mércores ás 10:00h a bandeira violeta que identifica non só a reivindicación plena de dereitos para a Muller, senón tamén a necesaria erradicación das violencias machistas de todo tipo. O departamento municipal de Igualdade inicia deste modo simbólico un ciclo de actividades con motivo do 25 de Novembro -Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres e nenas-que se completa coa adhesión de Fene, un ano máis, á campaña provincial "De fronte á violencia de xénero", cuxo programa se dará a coñecer nestes días. O Concello distribuirá o material da campaña -cartelería e códigos QR do Punto Violeta- entre o comercio e a hostalaría, ademais de organizar charlas para a adolescencia e dúas citas escénicas. 
31-10-2022

Subvencións ás familias para a adquisición dos agasallos do Nadal

O Concello ven de convocar as subvencións dirixidas ás familias para a adquisición de agasallos para a festividade de Nadal.

A publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia do 31 de outubro establece a apertura do prazo de presentación de solicitudes por un prazo de 15 días hábiles. Isto é, do 2 ao 22 de novembro, ambos inclusive.

Van dirixidas ás familias con nenos e nenas nados/as haxan nados/as no ano 2005 e posteriores, ou maiores desta idade e nados/as no ano 2004 e posteriores sempre que teñan o recoñecemento oficial de minusvalía ou grao de discapacidade.

Coas subvencións cubriranse os gastos derivados da adquisición de agasallos para a festividade de Nadal, a saber: xoguetes, xogos, libros, material didáctico e outros obsequios que correspondan coa idade do ou da menor a quen vai dirixida a axuda, sempre que estes sexan adquiridos no período comprendido entre o día de apertura da presente convocatoria e o día 6 de xaneiro de 2023.

Con carácter xeral poderase xustificar a subvención con gasto relativo á adquisición de roupa, calzado ou material deportivo sempre que o importe total do gasto realizado non supere o 75% da axuda concedida.
21-10-2022

Fene súmase á conmemoración do 25º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora hoxe os seus 25 anos de andaina cun gran acto no que se recoñece o labor dos concellos fundadores -entre os que se atopa o de Fene- e das entidades que impulsaron esta rede na que un cento de municipios e tres deputacións comparten un firme compromiso cos Dereitos Humanos e coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global. Representantes da administración local, da Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno participan neste evento no que os países do Sur están representados polo presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos. 
20-10-2022

Taller de defensa persoal, autoconfianza e empoderamento para rapazas entre 13 e 18 anos

A Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Fene abre o prazo para participar no taller “Defensa persoal, autoconfianza e empoderamento” que se desenvolverá durante 9 meses, de novembro de 2022 a xuño de 2023, os martes e xoves de 18:30 a 19:45 horas nas instalacións do C.M.I. Unidade de Fene. A actividade é gratuita e vai dirixida a mulleres de entre 13 e 18 anos co obxectivo de "formalas en defensa persoal e así mellorar a confianza en sí mesmas, tendendo ao seu empoderamento". Así, as participantes aprenderán a defenderse empregando técnicas de distintas disciplinas como Kicboxing ou Taekwondo.
10-10-2022

21 familias participan no programa "Educando en familia"

Esta semana botou a andar o programa "Educando en familia" organizado pola Concellaría de Servizos Sociais de Fene. A través de encontros semanais guiados pola terapeuta Virginia Castro, as 21 familias participantes terán a oportunidade de aprender de aquí a xuño distintas técnicas relacionadas coa xestión de conflitos e a educación emocional, pero tamén recomendacións sobre pautas e límites que se deben marcar no núcleo familiar co obxectivo de establecer relacións de confianza que favorezan o correcto desenvolvemento durante a etapa infantil e a adolescencia.

Servizos Sociais dividiu a actividade en dous grupos, un os martes de 16:30 a 18:00h e outro os venres entre as 9:30 e as 11:00h., coa finalidade de que as persoas participantes puidesen conciliar a asistencia co traballo ou outras obrigas.
07-10-2022

O paseo marítimo de San Valentín acolleu esta mañá o obradoiro de debuxo urbano People and Planet

Alumnado de 2 de bacharelato do IES de Fene participou na xornada de hoxe nun obradoiro de debuxo urbano, buscando coa actividade a súa sensibilización sobre a emerxencia climática e a necesidade de protección cara o medioambiente a través do debuxo. 

O curso, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais de Fene encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’ cuxo obxectivo é empoderar e mobilizar á xente nova na loita contra o cambio climático, ligando cuestións locais con problemáticas globais que teñen impacto na vida das persoas en calquera lugar do mundo.
As obras que realizaron os/as participantes terán unha vida posterior tanto online como offline. Por unha parte, exporanse fisicamente nun espazo facilitado polo concello, complementándoas do xeito que sexa necesario para espallar a sensibilización. Doutra banda, dixitalizaranse para difundir a través da páxina web do proxecto, redes sociais, etc. a xeito de exposición virtual. Ademais, da actividade xurdirá un “tool kit” que permitirá replicala noutros lugares.

#PeopleAndPlanet
 
05-10-2022

Servizos Sociais pon en marcha un curso de empoderamento e autodefensa persoal para mulleres

Esta mañá comezou nos ximnasio da Casa da Cultura o curso "Empoderamento e autodefensa persoal" organizado pola Concellaría de Servizos Sociais co obxectivo de facilitarlles ás mulleres participantes técnicas básicas para repeler unha posible agresión e, máis que nada, o adestramento emocional necesario para manter a calma e pedir axuda o antes posible. Na actividade, que se desenvolverá até o mes de xuño, inscribíronse 13 veciñas de Fene, ás que cómpre engadirlles outras 7 en lista de agarda. O obradoiro váiselles ofrecer tamén a mozas de entre 13 e 18 anos nas tardes dos martes e xoves cos mesmos contidos. Poden anotarse até o 18 de outubro no 981 493 706 ou en servizos.sociais@fene.gal. As sesións de defensa persoal, autoconfianza e empoderamento que arrancaron hoxe están programadas para os martes e xoves en horario de 9:30 a 11:00h. Unha hora e media de actividade que se reparte entre o quecemento inicial e a aprendizaxe de técnicas de taekwondo e kickboxing que poden ser de grande axuda para ganar tempo ante unha eventual agresión, sexa dentro ou fóra da casa. 
04-10-2022

Talleres de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes no medio rural

O Concello e a Fundación Mujeres –coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña- desenvolverán en Fene un  obradoiro presencial de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes no medio rural.

Os talleres terán lugar na Casa da Cultura de Fene, en horario de 16.00 a 18.00 horas, os mércores 2, 9, 16 e 23 de novembro.