13-04-2022

Nova edición do espazo de encontro entre mulleres, INDIRA

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha o vindeiro 21 de abril o Proxecto Indira V, espazo de encontro entre mulleres. Dita actividade vai dirixida a mulleres que queiran mellorar a súa autoestima, coñecerse, respectarse, crecer persoalmente, potenciar o seu autocoidado a nivel emocional e psicolóxico e, sobre todo, empoderarse.
 
08-04-2022

O Concello de Fene reafirma o seu compromiso co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no seu 25º aniversario

Os proxectos de cooperación internacional, a “localización” da Axenda 2030 e a loita contra o cambio climático centran o Plan de Actividades 2022 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que conmemora este ano o seu 25º aniversario. Representantes das deputacións e concellos socios, entre eles o de Fene, aprobaron por unanimidade todos os puntos da orde do día na Asemblea Xeral celebrada este xoves na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, coincidindo co Día Mundial da Saúde.
06-04-2022

O programa Coidados porta a porta chegará a Fene no mes de maio

A Concellería de Servizos Sociais de Fene anuncia que o programa de Coidados porta a porta da Xunta de Galicia recalará en Fene (Paseo de San Valentín) os días 25, 26, 27 e 30 de maio para ofrecer consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria á veciñanza. Destes servizos poderán beneficiarse gratuitamente todas as persoas maiores de 55 anos, con cita previa. A reserva de praza pode realizarse no teléfono 622 748 283 ou no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.
05-04-2022

Non pasa nada, pasa algo?

Mellorar a información sobre as adiccións, de maneira precisa e axeitada, debido a baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de substancias e comportamentos aditivos. É o principal obxectivo do programa "Non pasa nada, pasa algo?" que botou a andar este martes no CPI A Xunqueira de San Valentín, organizado pola Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, coa colaboración dos Concellos de Neda e Mugardos (cos que está a desenvolver un proxecto de prevención de condutas aditivas, financiado pola Consellería de Sanidade). Logo desta primeira xornada, entre os meses de abril e maio realizaranse diversas charlas, tanto no CPI A Xunqueira, coma no IES Fene e no CPR Jorge Juan. Cada centro elexiu os cursos destinatarios cos que se desenvolverán un total de tres sesións por grupo, ata chegar ás 12 horas por centro.
14-03-2022

Invisibles

Hoxe, 14 de marzo a partir das 19:30h, a casa da Cultura acollerá, con entrada libre, a representación da obra "Invisibles". Trátase dnha adaptación do libro homónimo da xornalista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. A peza, producida por RedRum Teatro, está protagonizada por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre. 
07-03-2022

Fene inicia os actos do 8M cunha homenaxe ás traballadoras do SAF e do servizo de limpeza

O programa co gallo do Día Internacional da Muller xa está en marcha no concello de Fene. O pleno do pasado xoves deulle o visto e prace por unanimidade a unha Declaración Institucional con quince puntos que, entre outras cuestións, pon o acento sobre a invisibilidade feminina en sectores tan fundamentais coma o dos coidados ou a limpeza. Neste sentido, o Concello homenaxeou onte no salón de plenos ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e da limpeza das instalacións municipais, en recoñecemento polo labor que desenvolven día a día e, sobre todo, pola súa contribución nos momentos máis duros da pandemia.
08-02-2022

Non pasa nada, pasa algo?

O alumnado do obradoiro dual de emprego Reinicia VIII participará ao longo desta semana no programa  “Non pasa nada, pasa algo?”, subvencionado pola Consellería de Sanidade. Trátase dunha actividade encamiñada a manexar unha información obxectiva e veraz que lles axude a adoptar decisións autónomas e responsables en beneficio propio e no ámbito laboral, reforzando actuacións preventivas.


Programa enmarcado no proxecto de prevención de condutas adictivas, realizado conxuntamente coa agrupación de concellos de Neda e Mugardos e  subvencionado pola Consellería de Sanidade.
27-12-2021

O Concello de Fene publica un documento con consellos para o acompañamento dixital das familias e entidades

No marco do proxecto de prevención de condutas adictivas no eido local, os Concellos de Fene, Mugardos e Neda veñen de publicar un manual con recomendacións para familias e entidades sobre un uso seguro das TRIC (Tecnoloxías da relación, información e comunicación) e recursos de interese. O documento, que xa se pode descargar na web municipal,  pretende abordar a educación dos menores nun uso positivo e responsable das TRIC: evitando usos innecesarios ou evitando que empecen antes de tempo co uso dalgunhas aplicacións ou dispositivos; pautando horarios de conexións e usos; valorando o uso de dispositivos de control parental, etc.
23-12-2021

O Concello de Fene vén de ser seleccionado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para desenvolver un proxecto integral a nivel municipal

Dende o mes de setembro o Concello está traballando na elaboración dun Plan Municipal para a implementación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). O programa ten como obxectivo coñecer a situación do Concello respecto á súa contribución cos ODS e coa Axenda 2030, así como tamén artellar unha folla de ruta para mellorar o seu aliñamento con esta planificación a nivel global.
10-12-2021

Prevención de adicións ás TIC. Redes sociais e videoxogos: virtudes e perigos

A área de Benestar Social e Igualdade desenvolverá a vindeira semana unha sesión formativa, dirixida ás familias, no eido da prevención das conductas adictivas. Formación que complementa as sesións xa realizadas nos centros educativos de Fene.