11-03-2025

Servizos Sociais de Fene, Mugardos e Neda anuncian unha charla sobre preadolescencia e adolescencia, dirixida a familias, Anpas e entidades sociais

No marco do programa de prevención de condutas aditivas “Máis que un teito” que están a desenvolver conxuntamente, os Concellos de Fene, Mugardos e Neda dan un paso máis e complementarán os obradoiros que imparten en distintos centros escolares cun encontro aberto dirixido ás familias, Anpas e representantes de entidades sociais.
A sesión, prevista para o luns 17 de marzo ás 18.30 horas na Casa da Cultura de Fene, abordará o tema da “Preadolescencia e adolescencia: entender para poder conectar” e estará dirixida pola psicóloga e educadora de disciplina positiva Andrea Bechlian.
07-03-2025

Gran acollida das actividades previas ao 8M desenvolvidas polo Concello de Fene

O Concello de Fene adiantou a hoxe a conmemoración do Día Internacional da Muller cunha intensa programación na que a veciñanza e as entidades locais foron protagonistas. O acto central da xornada foi o despregamento da faixa conmemorativa na fachada da Casa do Concello, elaborada en gancho por un grupo de veciñas, e que simboliza un compromiso firme coa igualdade e coa loita polos dereitos das mulleres.
A concelleira de igualdade, Sandra Permuy, expresou o seu agradecemento pola gran acollida da iniciativa, e destacou a importancia de continuar impulsando accións que dean visibilidade ao traballo e á memoria das mulleres. “Hoxe demostramos que a unión e a implicación social son ferramentas clave para construír un futuro máis xusto. Queremos recoñecer e poñer en valor a historia das mulleres de Fene, que co seu esforzo e dedicación fixeron e seguen facendo avanzar a nosa sociedade”.
27-02-2025

O Concello de Fene prepárase para o 8M cunha programación especial baixo o lema “Elas, escríbese en feminino”

O Concello de Fene, a través da área de Igualdade que dirixe Sandra Permuy, está a ultimar a programación especial do 8 de Marzo -Día Internacional da Muller- cunha campaña que leva por lema “Elas, escríbese en feminino”. A iniciativa busca recoñecer e visibilizar o papel fundamental das mulleres na historia, na sociedade e no desenvolvemento comunitario, poñendo o foco na súa memoria, traballo e loita pola igualdade.
A concelleira de Igualdade, Sandra Permuy, destacou que “este ano queremos facer unha homenaxe especial ás mulleres das nosas sociedades e entidades veciñais, verdadeiros motores incansábeis que demostran que o crecemento persoal e colectivo pasa pola unión de esforzos cara un obxectivo común. O seu compromiso merece ser recoñecido e posto en valor”.
05-02-2025

Non pasa nada, pasa algo

Mellorar a información sobre as adiccións, de maneira precisa e axeitada, debido a baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de substancias e comportamentos aditivos é o principal obxectivo do programa "Non pasa nada, pasa algo?" que botou a andar esta semana no CPI A Xunqueira e no IES de Fene. Organizado pola Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, coa colaboración dos Concellos de Neda e Mugardos (cos que está a desenvolver un proxecto de prevención de condutas aditivas, financiado pola Consellería de Sanidade).
17-01-2025

"Non pasa nada, pasa algo? no programa de emprego Inicia VIII

O alumnado  do grupo de garantía xuvenil da especialidade de fabricación e montaxe de instalacións de Tubaxe Industrial participará no programa "Non pasa nada, pasa algo?", subvencionado pola Consellería de Sanidade.
Esta actuación, que se realizará no mes de febreiro na nave de Servizos do Concello de Fene, está encamiñada a mellorar a información sobre as adiccións, de maneira precisa e axeitada debido a baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de substancias e comportamentos aditivos, de aí que adquira sentido informar para axudar a entender as características xerais do fenómeno que nos ocupa, as súas implicacións na sociedade e a desterrar prexuízos, así como a establecer un maior coñecemento nesta materia.
19-12-2024

Clausúrase a primeira edición do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ en Ferrolterra cun encontro participativo

O Auditorio Municipal de Narón acolleu o día 18 de decembro un acto ao que asistiron persoal político e técnico, docentes e estudantado dos seis concellos participantes, ademais da Deputada de Igualdade da Deputación da Coruña e o equipo promotor de Rexenerando S. Coop.
O LAB LGBT+ abordou a cuestión da diversidade sexual dun xeito innovador, incorporando ferramentas de xestión e facilitación de grupos e dando espazo á experiencia, motivación e necesidades da mocidade.
A este encontro final do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ 2024 asistiron as traballadoras da cooperativa Rexenerando, promotora do proxecto, a Deputada de Igualdade, Soledad Agra, como representante da administración financiadora, técnicas e concelleiras das áreas de igualdade de Fene, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño. Ademais, contou con representación de estudantado e docentes dos centros educativos participantes nesta primeira edición: o IES de Fene, o IES Catabois, o IES Terra de Trasancos, o IES Fernando Esquío e o CPI San Sadurniño e CPI Atios.
25-11-2024

Manifesto 25N Concello de Fene 2024

Hoxe é un día, como dicen as nosas nais, moi sinalado, un día no que non podemos esquencer a todas as vítimas da violencia machista, tanto as galegas, como calquera muller ou nena do mundo, que agora mesmo está a sufir esta violencia.
 
Tamén é unha data sinalada para acelerar o motor e continuar a eliminar a violencia contra ás mulleres aplicando as políticas de igualdade necesarias, e incidindo sobre todo no problema estructural dunha sociedade que segue sendo profundamente machista.
 
20-11-2024

Fene reafírmase no 25N: feminismo en acción contra a violencia machista

O Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa igualdade e a loita contra a violencia machista cunha programación especial polo Día Internacional contra a Violencia Machista, baixo o lema “Fene facendo a revolución, feminismo en acción”. Segundo destacou a concelleira de igualdade, Sandra Permuy, “queremos ir máis aló dunha simple conmemoración, mobilizando á veciñanza a apostando por accións que promovan o coñecemento, a reflexión e o cambio social”.
11-11-2024

Subvencións ás familias para a adquisición dos agasallos de Nadal

O Concello vén de convocar as subvencións dirixidas ás familias para a adquisición de agasallos para a festividade de Reis. A publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia do 11 de novembro establece a apertura do prazo de presentación de solicitudes dende mañá, e por un prazo de 15 días hábiles.
29-10-2024

Unha peixería que ofrece lixo sorprenderá á veciñanza de Fene este mércores 30 de outubro na praza verde de Fene ás 12:30 horas.

Non é produto do Samaín, aínda que ben podería selo. Son os mozos e mozas de 4º do IES de Fene que queren denunciar ante a veciñanza do Concello que o mar está cheo de lixo e contaminación. Para facelo montarán na Praza Verde este mércores unha peixería na que en lugar de vender pescadas, sardiñas, ou xurel, o que ofrecerán será lixo. Lixo de proximidade e ben fresquiño xa que está recollido por eles mesmos nas praias e no propio concello.
O alumnado fenés ideou esta acción, tras o paso por un obradoiro previo de comunicación de guerrilla, coa finalidade de concienciar á súa veciñanza sobre como  lixo e a contaminación que hai nos océanos pon en perigo a supervivencia dalgunhas especies emblemáticas para a nosa gastronomía. A veciñanza que se pasee por esta “peixería do lixo” atopará información sobre o estado de conservación vulnerable de algunhas especies como o polbo, a ameixa, o berbercho ou o bacallau, afectados directamente pola contaminación, a sobrepesca ou co quentamento global.