Novas

13-12-2023

Contos e cantos con Vero Rilo e Luís Iglesias este venres na Casa da Cultura

“Cacho animalada” é o espectáculo de narración oral que este venres, ás 18 horas, presentan na Casa da Cultura Vero Rilo e Luís Iglesias. A función vai dirixida a público infantil e familiar, con entrada libre e de balde ate completar o aforo. En “Cacho animalada” a narradora Vero Rilo acompáñase desta vez da guitarra, da voz (e outros trebellos) do multifacético Luis Iglesias. Xuntos aventúranse nun camiño diverso, transitado por contos da nosa tradición oral, versións libres e revisitadas dos Contos de Fadas de Ángela Carter, contos de autoría que xa son clásicos da literatura e álbum ilustrado infantil… Todo o repertorio vai da man da música, da alegría, dos animais e, por que non?, de certas animaladas…
11-12-2023

A segunda conferencia do ciclo Contando Ciencia xirará este xoves en torno á “Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa”

A doutora en Medicina Inés Sánchez Sellero é a nova convidada ao ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino. A conferencia, que leva por título “Sumisión química: máis aló dos titulares de prensa”, terá lugar este xoves, 14 de decembro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.
11-12-2023

O espectáculo “Cucú, musical para bebés” inaugura este xoves a programación cultural de Nadal

Ás 16 horas deste luns 11 de decembro abre o prazo para apuntarse ao espectáculo “Cucú, musical para bebés” que María Faltri e Jorge Juan presentarán o xoves 14 de decembro, ás 18 horas, na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé. A función está dirixida a nenos/as de ata 4 anos e o aforo é limitado. Inscricións na propia biblioteca ou por teléfono (981 34 23 02) do 11 ao 13 de decembro en horario de apertura da instalación, de 16.00 a 21.00 horas.
04-12-2023

Contos e música para festexar o Nadal no Concello de Fene

Tralo acendido das luces de Nadal e logo do anuncio dunha nova Festa de Fin de Ano, o Concello de Fene desvela hoxe as principais citas culturais para as festas que comezan nuns días. Cinco espectáculos para público infantil ou familiar, a visita do Apalpador aos centros de ensino de Infantil e Primaria ou o Festival de Panxoliñas, son algúns dos atractivos dun programa ao que porá o colofón, como é tradicional, a Cabalgata e a recepción real das SSMM Os Reis Magos de Oriente. Os nenos/as (entre 6 e 12 anos cumpridos) que queiran participar como paxes reais na Cabalgata, poderán apuntarse do 18 ao 29 de decembro no Rexistro Xeral do Concello (folla de inscrición dispoñible en www.fene.gal). O aforo é moi limitado e a inscrición realizarase por orde de solicitude. Por outro lado, desde a Concellería de Cultura tamén avanzan que, do 18 de decembro de 2023 ao 5 de xaneiro de 2024 estará instalada a Caixa de Correo Real na entrada da Casa do Concello.
13-11-2023

A conferencia do doutor en Física Héctor Álvarez Pol inaugura este xoves a terceira edición de Contando Ciencia

Co relatorio “Do corazón da materia ao interior das estrelas”, a cargo do doutor en Física Héctor Álvarez Pol, comeza este xoves, 16 de novembro, unha nova edición do ciclo Contando Ciencia, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. O programa botou andar hai dous anos e retoma agora a súa actividade “co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía”. Aberto ao público en xeral, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.
08-11-2023

Airiños de Fene homenaxea este sábado a Pancho Álvarez na súa tradicional Xuntanza de Gaiteiros

A Sociedade Agarimo de Sillobre acolle este sábado, 11 de novembro, ás 20.00 horas a XXXV Xuntanza de Gaiteiros/as, actividade que Airiños de Fene organiza todos os anos desde 1988. Neste encontro, amais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, realízase unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional. Na Xuntanza deste ano, a banda de gaitas fenesa homenaxeará a Pancho Álvarez.
07-11-2023

Aprobada a concesión das subvencións a entidades sen fins de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, do exercicio de 2023.

Se no pasado mes de outubre asináronse os convenios das subvencións Nominativas para entidades Culturais e Deportivas do Concello de Fene, neste mes de novembro, o Concello de Fene ven de aprobar a concesión das subvencións a entidades sen fins de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, do exercicio de 2023.

Isto é o resultado da prioridades políticas do Concello de Fene: fomentar a participación da cidadanía como xeito de contribuír á democratización da sociedade e impulsar a extensión do uso social do galego, contribuíndo á normalización do seu uso en todos os ámbitos; e dende esta perspectiva, o apoio ao movemento asociativo no seu normal funcionamento e no desenvolvemento das actividades que lle son propias, constitúe un dos piares da actuación municipal. 
30-10-2023

Xosé Carlos Carracedo Porto gañador da XXXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Xosé Carlos Carracedo Porto, nado en Santiago de Compostela en 1990, obtivo a XXXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.

O xurado escolleu o libro de Carracedo Porto, titulado Utensilios de cociña e algúns xantares caleidoscópicos de entre 64 obras presentadas a concurso este ano.

Trátase da XXXVI edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
27-10-2023

Asinados os convenios de colaboración das Subvencións Nominativas para entidades Culturais e Deportivas do Concello de Fene

O alcalde de Fene e representantes de varias sociedades culturais e deportivas do termo municipal asinaron este mediodía os convenios das Subvencións Nominativas do ano 2023. Convenios que ascenden a un total de 50.000€, dos cales 38.500€ son para as entidades culturais, 6.500€ para as ANPAS e 5.000€ para as entidades deportivas. Con anterioridade, xa foran asinados os convenios coas sociedades Felicia Asociación Cultural e AC Centolos (para o Felipop Festival e o Fenerock, por un importe de 11.000 € para cada un deles)
09-10-2023

A conferencia do doutor en Física Héctor Álvarez Pol abrirá en novembro a terceira edición de Contando Ciencia

Organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino do Concello de Fene, volve Contando Ciencia, un programa que botou andar hai dous anos e que retoma a súa actividade co inicio do curso escolar “co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto ao público en xeral, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta. O ciclo principiará o xoves 16 de novembro co relatorio “Do corazón da materia ao interior das estrelas”, a cargo do doutor en Física Héctor Álvarez Pol.