O Pavillón Municipal da Xunqueira acollerá mañá, partir das 16.30 horas, a VI Exhibición solidaria de baile moderno e bailes de salón, na que participarán 11 agrupacións da comarca. O evento está organizado polo Concello de Fene e maila asociación xuvenil Fene Movemento, coa colaboración da floraría Loto. Nel reuniranse máis de 400 deportistas que mostrarán a súa arte cunha finalidade solidaria. Se ben a entrada é gratuíta, desde o Concello solicítase que o público asistente achegue alimentos cun longo periodo de conservación -cereais, pastas, arroces, conservas, etc.- cos que despois se farán lotes para distribuílos entre as familias do municipio con menos recursos.