Novas

21-03-2024

Este venres cambia o horario da Biblioteca, Museo do Humor Xaquín Marín e Casa da Cultura de Fene

Coa chegada Semana Santa, a Concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, dende o venres 22 de marzo e até o vindeiro 1 de abril, o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Os sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada.
20-03-2024

Nova sesión do Club de lectura da Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé

Con máis de sesenta mil exemplares vendidos da súa obra e co recente Premio Xerais acadado pola súa última novela, Nadie contará la verdad, o autor Pedro Feijoo consolídase coma un dos autores máis sólidos da narrativa galega. E esta tarde, de 18.00 a 19.30 horas será o protagonista dunha nova sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene.
13-03-2024

Presentación de Cinza na Casa da Cultura de Fene

O ilustrador e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e o escritor Xavier Alcalá, volven a Fene este venres para presentar na Casa da Cultura Cinza, novela gráfica inspirada na obra de Alcalá A nosa cinza. O acto, organizado pola Concellería de Cultura, comezará o venres ás 19.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo.
12-03-2024

María del Mar Tomás fala este xoves sobre a resistencia aos antibióticos no ciclo Contando Ciencia

Innovación para vencer a resistencia antimicrobiana, é o tema da penúltima sesión do ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A convidada nesta ocasión é a doutora en Medicina María del Mar Tomás Carmona. Falará este xoves, 14 de marzo, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Entrada libre e de balde até completar o aforo.
28-02-2024

Presentación na Casa da Cultura de Fene do novo libro do escritor Manuel Díaz Vázquez

Tananarive. Pequeño atlas literario (TerraIgnota Ed.), de Manuel Díaz Vázquez, “é un exercizo de imaxinación con non poucas doses de humor, e que pretende, tácita e expresamente, rendir homenaxe a algúns escritores que inspiraron ao autor a semellante práctica, co risco de acabar entre reixas”. Así se define a nova obra do escritor ferrolán que se presenta este xoves, 29 de febreiro, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Fene.. No acto, o autor asinará exemplares da obra aos/ás asistentes.
 
27-02-2024

Segunda xuntanza do Club de Lectura da biblioteca de Fene con presenza do autor protagonista, Rober H.L. Cagiao

Sobre o libro Entroido, de Rober H.L. Cagiao, xirará este mércores a segunda sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene. A xuntanza desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura, de 17.00 a 18.30 horas. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) terán oportunidade de conversar co autor neste novo encontro.
20-02-2024

Teño cancro, pode ser hereditario?

O ciclo que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae esta semana a Fene á doutora en Medicina Begoña Graña Suárez. A conferencia da especialista en Oncoloxía Médica terá lugar este xoves, 22 de febreiro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.
19-02-2024

Día de Rosalía 2024

Sumándose ao chamamento que todos os anos fai por estas datas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Concello de Fene festexará este xoves, 22 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro cun espectáculo familiar co que se pretende achegar ás novas xeracións a figura da nosa autora máis internacional. Contando con Rosalía, de Marisa Irimia, representarase o xoves ás 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Función recomendada para nenos/as de 4 a 11 anos.
09-02-2024

Conta atrás para o Entroido en Fene!

As comparsas Os Colludos, Os Argalleiros, As emocións dos nenos e nenas da ANPA Belén, As Xoaniñas de Chao, A Canteira do Puntal, Paso a Paso, Os Parrandolos, Os Scratchados, A Revolta de Trasancos, Os Eco-Heroes de Centieiras, Carnaval feneciano, Santa Compaña e OJE Ferrol son as 13 agrupacións que se inscribiron este ano para participar no desfile e posterior festival de comparsas que terá lugar o mércores da vindeira semana, Mércores de Cinza e día grande do Entroido fenés. Tal e como se establece nas bases, o próximo luns, 12 de febreiro, publicarase antes das 15.00 horas a orde do desfile das comparsas.
02-02-2024

A biblioteca municipal de Fene informa da posta en marcha da nova aplicación da Rede de Bibliotecas de Galicia

Os/as usuarios/as da biblioteca municipal de Fene ou de calquera dos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia xa poden descargar a nova app que permite levar no móbil o carné dixital da biblioteca co cal, a partir de agora, xa non é preciso presentar a tarxeta física para facer préstamos, renovacións ou empregar calquera servizo destes centros. De todos os xeitos, as persoas que desexen seguir empregando o carné físico, poderán facelo.