Novas

08-11-2023

Airiños de Fene homenaxea este sábado a Pancho Álvarez na súa tradicional Xuntanza de Gaiteiros

A Sociedade Agarimo de Sillobre acolle este sábado, 11 de novembro, ás 20.00 horas a XXXV Xuntanza de Gaiteiros/as, actividade que Airiños de Fene organiza todos os anos desde 1988. Neste encontro, amais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, realízase unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional. Na Xuntanza deste ano, a banda de gaitas fenesa homenaxeará a Pancho Álvarez.
07-11-2023

Aprobada a concesión das subvencións a entidades sen fins de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, do exercicio de 2023.

Se no pasado mes de outubre asináronse os convenios das subvencións Nominativas para entidades Culturais e Deportivas do Concello de Fene, neste mes de novembro, o Concello de Fene ven de aprobar a concesión das subvencións a entidades sen fins de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, do exercicio de 2023.

Isto é o resultado da prioridades políticas do Concello de Fene: fomentar a participación da cidadanía como xeito de contribuír á democratización da sociedade e impulsar a extensión do uso social do galego, contribuíndo á normalización do seu uso en todos os ámbitos; e dende esta perspectiva, o apoio ao movemento asociativo no seu normal funcionamento e no desenvolvemento das actividades que lle son propias, constitúe un dos piares da actuación municipal. 
30-10-2023

Xosé Carlos Carracedo Porto gañador da XXXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Xosé Carlos Carracedo Porto, nado en Santiago de Compostela en 1990, obtivo a XXXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.

O xurado escolleu o libro de Carracedo Porto, titulado Utensilios de cociña e algúns xantares caleidoscópicos de entre 64 obras presentadas a concurso este ano.

Trátase da XXXVI edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
27-10-2023

Asinados os convenios de colaboración das Subvencións Nominativas para entidades Culturais e Deportivas do Concello de Fene

O alcalde de Fene e representantes de varias sociedades culturais e deportivas do termo municipal asinaron este mediodía os convenios das Subvencións Nominativas do ano 2023. Convenios que ascenden a un total de 50.000€, dos cales 38.500€ son para as entidades culturais, 6.500€ para as ANPAS e 5.000€ para as entidades deportivas. Con anterioridade, xa foran asinados os convenios coas sociedades Felicia Asociación Cultural e AC Centolos (para o Felipop Festival e o Fenerock, por un importe de 11.000 € para cada un deles)
09-10-2023

A conferencia do doutor en Física Héctor Álvarez Pol abrirá en novembro a terceira edición de Contando Ciencia

Organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino do Concello de Fene, volve Contando Ciencia, un programa que botou andar hai dous anos e que retoma a súa actividade co inicio do curso escolar “co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto ao público en xeral, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta. O ciclo principiará o xoves 16 de novembro co relatorio “Do corazón da materia ao interior das estrelas”, a cargo do doutor en Física Héctor Álvarez Pol. 
26-09-2023

Contacontos e dinamización da lectura para recibir o outono na Biblioteca Xosemaría Perez Parallé de Fene

A compañía Moc Moc MeRe Clown trae este xoves á biblioteca municipal de Fene “A verdadeira historia de Hamelín”, función programada pola Concellería de Cultura no marco do programa de dinamización da lectura “Ler conta moito”, da Xunta de Galicia. O ciclo terá continuidade os días 5 de outubro, con “Toupiciencia”, de A Xanela do Maxín, e o 19 de outubro, co espectáculo “Procúra-se Pepa a Loba”, de Cristina Collazo. Todas as funcións serán no salón de actos da Casa da Cultura de Fene ás 18 horas con entrada libre e de balde.
20-09-2023

Blues e punk no Paseo Marítimo de San Valentín o sábado 23 de setembro con Thee Blind Crows

A banda pontevedresa Thee blind crows actúa este sábado ás 13:30 h no Paseo Marítimo de San Valentín. O concerto, con entrada libre e gratuíta, enmárcase nas actuacións programadas ao abeiro da Rede Cultural da Deputación e desenvolverase no mesmo escenario no que vai ter lugar o Fenerock. Na súa cita fenesa, o grupo ofrecerá o seu característico “son crú e frenético” que fará vibrar aos asistentes nunha viaxe que os levará de Mississippi a Detroit a través dos son máis primitivos e pantanosos.
19-09-2023

O V Festival Internacional Entes Animados 2023 volta a Fene e a outros sete concellos da contorna

Con presenza dos/as concelleiros/as e técnicos/as de Cultura dalgúns dos Concellos participantes, a Casa da Cultura de Fene acolleu este mediodía a presentación do 5º Festival Internacional Entes Animados que se celebrará a vindeira fin de semana, do 22 ao 24 de setembro. Ao longo destas tres xornadas, cinco compañías procedentes de Italia, Portugal e Alemania achegaranse até os concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Neda e Valdoviño para presentar os seus espectáculos que abranguen “desde o teatro de títeres de luva até a narrativa teatral máis engaiolante”. As compañías convidadas nesta nova edición de Festea son: Bambabambin (Italia), Fio d`Azite (Portugal), Historioscópio (Portugal), Luis Manitha (Portugal) e Marimbondo (Alemania/Portugal). En total ofrecerán 19 funcións, con entrada libre e de balde, nas que cada grupo amosará “a súa perspectiva única da arte teatral de títeres, achegando o público a un universo de emocións e reflexións”.
15-09-2023

O Concello de Fene abrirá o mércores 4 de outubro o prazo de matrícula para as escolas municipais de música

As inscricións realizaranse do 4 ao 6 de outubro, nas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín. Para poder matricularse será imprescindible solicitar cita previa os días 3 e 4 de outubro nos teléfonos 981 492 804 ou 607 626 812 entre as 8:30 e as 14:00. Unha vez concertada a cita, procederase á asignación de horarios de matrícula entre o mércores 4 en horario de tarde (16:00 a 19:00) e os días 5 e 6 en horario de mañá (de 8:30 a 14:00 h). O curso 2023-24 prolongarase nas escolas culturais municipais do 16 de outubro ao 31 de maio. A incorporación do alumnado farase no primeiro día fixado para cada actividade.
14-09-2023

As entidades sen fins de lucro de Fene poderán solicitar desde mañá as subvencións de concorrencia competitiva para 2023

Publicado no BOP núm. 176, do 14.09.2023, o extracto das bases reguladoras da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen fins de lucro para o ano 2023. O obxecto da convocatoria é apoiar ás entidades municipais sen ánimo de lucro no desenvolvemento e actividades culturais, deportivas e educativas que favorezan a participación entre a veciñanza e, así mesmo, contribuír ao financiamento dos gastos de funcionamento, necesarios para o cumprimento dos fins propios das asociacións e para o desenvolvemento das actividades obxecto da subvención. A contía máxima das subvencións por entidade ascenderá a 15.000 € no caso das entidades deportivas, a 12.000 € nas culturais e 1.500 ás ANPAS. Unha vez publicado o estrato da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, o prazo de presentación de solicitudes prolongarase desde o venres 15 de setembro ate o luns 25 de setembro, ás 14.00 horas.