Novas

10-05-2023

Fran Amil actúa este sábado na presentación do libro gañador do Premio de poesía Pérez Parallé 2022

No marco da presentación do libro gañador do XXXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, o CMI Unidade de Fene acollerá este sábado a actuación de Fran Amil (voz solista e guitarra acústica) e Fernando Román (saxo tenor), co espectáculo “Popsía”.

A actuación está organizada pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da
Deputación da Coruña (Rede Cultural). Será o sábado 13 de maio a partir das 20.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo.
09-05-2023

Abre o prazo para apuntarse á actuación de Leo Leíño na Biblioteca Municipal de Fene

En vísperas da conmemoración do Día das Letras Galegas, a biblioteca Xosemaría Pérez Parallé de Fene abre nesta xornada o prazo de reserva para asistir ao espectáculo “Habelas Hainas” que a maga Leo Leíño ofrecerá o martes 16 de maio, ás 18.00 horas. A función, dirixida a nenos e nenas de 6 anos en diante, xira ao redor das lendas e tradicións da nosa terra (Santa Compaña, San Andrés de Teixido, Celtas e druídas, a lenda do Apostol, romarías, etc. ), facendo uso da maxia e do humor. Para asistir, cómpre anotarse a partir deste martes 9 de maio, ben por teléfono (981342302) ou presencialmente na biblioteca, de luns a venres de 16.00 a 21.00 horas e sábados de 10.00 a 13.00 horas.
08-05-2023

“Contando Ciencia” pecha este martes cunha conferencia de María Canosa

“Máis vale maña que forza” é o título da derradeira sesión do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A protagonista desta última charla do ciclo 2022-23 será a escritora e enxeñeira de Camiños, Canais e Portos María Canosa. A cita será este martes, 9 de maio, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e de balde até completar o aforo.
21-04-2023

A Biblioteca Municipal convídanos a festexar o Día do Libro

A Biblioteca Municipal convídanos a festexar o Día do Libro cun espectáculo a cargo de Ghazafelhos Teatro. Será o xoves 27 de abril, ás 18.00 h, na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé.
A entrada é libre con inscrición preciva até completar aforo. As inscricións realízanse na propia biblioteca, presencialmente ou por teléfono (981 342 302), de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas ou os sábados de 10.00 a 13.00 horas.
17-04-2023

O ciclo Contando Ciencia aborda este xoves o cambio climático en Galicia

A meteoróloga e divulgadora científica Bea Hervella é a protagonista da penúltima sesión do Ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A cita será o xoves, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e de balde até completar o aforo. O tema a tratar desta vez será o do “Cambio climático en Galicia”.
12-04-2023

A viaxe de volta de Bieito Cupeiro

A filla do mestre e escritor fenés Bieito Cupeiro (Barallobre, 1914 – Bos Aires, 1993) reuniuse esta mañá co alcalde de Fene, Juventino Trigo, e co concelleiro de Cultura, Justo Ardá, aos que solicitou a colaboración do Concello para que traer de volta e que repousen en Fene os restos mortais do seu pai. Aproveitando a súa estadía en Galicia, Marina Cupeiro achegouse a Fene para coñecer a terra natal do seu proxenitor e o paseo que leva o seu nome na ribeira de Barallobre. “O motivo da visita é saldar unha débeda pendente xa que o meu pai en vida non puido voltar e gustaríame que puidera descansar en paz na súa terra de orixe que tanto añorou porque a morriña o perseguiu toda a vida”, afirmou.
30-03-2023

Cambio de horario na Casa da Cultura de Fene durante a Semana Santa

A concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais) durante a Semana Santa.
Neste período, o horario da instalación será o seguinte:
  • Sábado 1 e domingo 2 de abril: pechado
  • Luns 3, martes 4, mércores 5 de abril: de 10.00 a 14.15 horas
  • Do xoves 6 ao domingo 9 de abril: pechado
  • Luns 10 de abril: de 10.00 a 14.15 horas
O horario habitual da Casa da Cultura de Fene retomarase o martes 11 de abril
29-03-2023

A Concellería de Cultura avanza algúns dos concertos, monólogos e espectáculos infantís e familiares previstos para 2023

O Concello de Fene ven de acollerse á convocatoria da Rede Cultural da Deputación e solicitar 15 espectáculos que, xunto coas actividades contratadas con fondos propios e os que poida contratar ao abeiro do programa de AGADIC “Cultura no Camiño”, conformarán a programación municipal para os vindeiros meses. Os 15 espectáculos solicitados ao abeiro da Rede Cultural abranguen diferentes xéneros e están dirixidos ao público en xeral. Trátase dun amplo abano de propostas pensadas para todos os gustos. No eido musical, salientan os concertos programados de Fran Amil, Fillas de Cassandra, Ataque Escampe, Familia Caamagno e Thee Blind Crows. Tamén actuarán este ano en Fene os humoristas Touriñán, David Perdomo, Oswaldo Digón, Isi, Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro. En canto aos contacontos e outros espectáculos para bebés e público familiar contratados, a Concellería de Cultura avanza nomes coma Fantoches Baj, María e Jorge, Vero Rilo ou Trémola Teatro. E no eido dos títeres e monicreques, o Concello de Fene volverá participar de novo este ano no certame Festea (Festival de Entes Animados). A programación complétase co espectáculo de danza Frida.
07-03-2023

O doutor en Xeoloxía Fran Canosa fala este xoves en Fene sobre “Galicia, un paraíso xeolítico”

O ciclo Contando Ciencia, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene, continúa esta semana cunha nova conferencia a cargo do doutor en Xeoloxía e director do proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal, Fran Canosa. A cita será o xoves, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e de balde até completar o aforo.
23-02-2023

Día de Rosalía

O Concello de Fene súmase á iniciativa da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e fai un chamamento á veciñanza a conmemorar o “Día de Rosalía” neste 23 de febreiro, agasallando cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas e a espallar nas redes sociais, co lema #cumpriuseaxustiza, a obra de Rosalía. Asemade, súmase á conmemoración  publicando o manifesto que a AELG lle encargou este ano á escritora Carme Adán e que se pode descargar dende esta páxina.