Novas

10-09-2026

Mulleres da Reconversión chega este venres á Filmoteca de Galicia

O documental Mulleres da Reconversión continúa ampliando o seu percorrido por Galicia e chega este venres 11 de setembro á Filmoteca de Galicia, na Coruña, onde se proxectará ás 18.00 horas con entrada gratuíta. Na sesión participarán a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o director do proxecto, Iago Varela, que intervirán tamén nun coloquio posterior coa asistencia.
A proxección supón un novo paso na difusión dun proxecto nacido no Concello de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña co obxectivo de recuperar e poñer en valor a memoria das mulleres que viviron a reconversión naval de ASTANO.
04-09-2026

Convocadas as subvencións de concorrencia competitiva para o ano 2026.

As sociedades sen fins de lucro, de alta no rexistro de entidades do Concello de Fene, poderán solicitar desde mañá a subvención de concorrencia competitiva para o ano 2026.Poderán optar a estas subvencións as entidades que, no momento de presentar a solicitude de subvención, carezan de ánimo de lucro, teñan sede e desenvolvan as súas actividades no Concello de Fene, estean inscritas e actualizadas no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais.
21-08-2026

Exposición Ramón Otero Pedrayo

A Casa da Cultura acollerá do 25 e agosto ao 11 de setembro unha exposición sobre Ramón Otero Pedrayo, (1888 - 1976). Poderá visitarse de 10.00 a 14.15 h na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene.
A exposición foi producida pola Editorial Galaxia para a Fundación Penzol e a Cátedra Otero Pedrayo da USC e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
A mostra, de carácter divulgativo, percorre a vida e os fitos máis salientables nas múltiples facianas do chamado “patriarca” das letras galegas, a partir de catro seccións cronolóxicas.
29-07-2026

O Concello de Fene leva ao festival Felicia un concerto de The Homens

O grupo compostelán The Homens amenizará este sábado, 1 de agosto, a sesión vermú do Felicia Pop Festival no Parque da Hortiña de Limodre, a partir das 12.30 horas. A actuación está organizada pola Concellería de Cultura coa colaboración do programa Cultura no Camiño, da Xunta de Galicia. Entrada libre e de balde.
Dez anos despois do seu último concerto e dezaseis trala publicación do último disco, volven The Homens! Nesta nova etapa, o trío referente do power pop en galego combinará en directo as cancións das súas catro referencias discográficas.
28-07-2026

Peche da Casa da Cultura de Fene durante a primeira quincena de agosto

Debido a tarefas de mantemento previstas na instalación, a Concellería de Cultura informa do peche Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé, Museo do Humor Xaquín Marín, aula de estudo e sala de exposicións temporais) entre o 1 e o 16 de agosto.
A partir do luns 17 de agosto reanudarase o horario verán da Casa da Cultura: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Sábados e domingos, pechado.
05-07-2026

Danza, música e humor na semana central do ciclo Xullo, Mes da Patria que concluirá cun acto institucional no Monumento 25 de xullo e concertos

O luns 6 de xullo ás 20.30h, a praza do alcalde Ramón José Souto González acollerá o espectáculo de danza contemporánea Un Baile Ceibe en Comunidade, da compañía de Fran Sieira, unha proposta que revisita o folclore galego desde unha linguaxe escénica actual. A continuación terá lugar o concerto do grupo Encrucillada, que celebrará o seu décimo aniversario cun repertorio centrado na música para baile e foliada.
 
O martes 7 de xullo ás 20.30h celebrarase unha nova edición do tradicional Festival de Habaneiras e Canto Coral, coa participación da Rondalla Estrelecer, da Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, de Tradicoro e da Coral Polifónica O Pote de Maniños.
01-07-2026

Teatro dos Ghazafelhos abre este venres na praza do CPS de San Valentín a programación do ciclo Xullo, Mes da Patria

A programación que organiza a Concellería de Cultura para festexar o Día da Patria Galega arrinca este venres cun espectáculo da compañía teatral naronesa Ghazafelhos en San Valentín. Representará Ándale! Bon appétit, reposición da exitosa obra Bon Appétit da mesma compañía na que “os nosos queridos chefs Felipe, Antonio e Francisco amosarán a deliciosa comida mexicana facendo un pequeno repaso da historia deste marabilloso país”. A función comezará ás 20.30 na praza a carón do CPS de San Valentín. Espectáculo para toda a familia con entrada libre e de balde.
Tamén este venres pero pola mañá, ás 12.00 horas, repartiranse na Casa da Cultura de Fene as invitacións (dúas por persoa adulta) para o espectáculo Love está no aire que ofrecerá o cómico e monologuista David Amor o vindeiro mércores 8 de xullo ás 21.30 horas na Praza do alcalde Ramón José Souto González.
Por outro lado, o Concello de Fene levará este sábado á Romaría do Camiñante unha actuación do grupo No Cómbaro co espectáculo de cantos de taberna “Pídame unha cantiguiña”. A cita será o sábado 4 de xullo, ás 20.30 horas, no local da ACRD Liga de Amigos de Barallobre, con entrada libre e de balde.
30-06-2026

Fene acollerá un Curso de introdución á lingua e cultura galegas no mes de setembro

O venres 3 de xullo abre o prazo de inscrición para o Curso de introdución á lingua e á cultura galega que organiza a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (Rede de Dinamización Lingüística) coa colaboración do Concello de Fene. A acción formativa, dirixida a persoas maiores de 16 anos interesadas na aprendizaxe da lingua e a cultura galegas nun nivel inicial, desenvolverase na Casa da Cultura de Fene do 4 ao 30 de setembro, os mércores e venres, de 17 a 20 horas. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo do 3 ao 23 de xullo, entregando a folla de inscrición (dispoñible na web municipal) presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais de Fene, 44, entresollado) ou no correo: cultura.deportes@fene.gal. O número de prazas é limitado (máximo 20 persoas) e, ao remate do curso, entregarase diploma.
Trátase dun curso presencial co que se pretende promover o emprego do galego e o coñecemento da cultura galega en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade, dirixíndose particularmente aos novos galegos e galegas provenientes do exterior. O obxectivo do mesmo é “fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, así como aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua”.
25-06-2026

O Concello de Fene presenta unha nova edición do ciclo “Xullo, Mes da Patria” cunha programación cultural para todos os públicos

O Concello de Fene presentou hoxe a programación dunha nova edición de “Xullo, Mes da Patria”, unha proposta cultural consolidada no calendario municipal que volverá encher as rúas e prazas de actividade entre os días 3 e 9 de xullo, coincidindo coa celebración do Día da Patria Galega. A programación combina espectáculos familiares, música tradicional, danza contemporánea, humor e concertos, cunha aposta clara pola cultura galega e pola participación da veciñanza.
O concelleiro de cultura, Justo Ardá, destacou que “Xullo, Mes da Patria é unha programación que busca celebrar a nosa cultura desde diferentes expresións artísticas, combinando tradición e contemporaneidade e ofrecendo propostas para públicos moi diversos”. A alcaldesa, Sandra Permuy, subliñou tamén que “esta iniciativa é unha oportunidade para reivindicar a identidade galega desde a cultura, a creación e a participación cidadá”.
11-06-2026

Do 15 de xuño ao 14 de setembro cambia o horario da Biblioteca, Museo do Humor Xaquín Marín e Casa da Cultura de Fene

Coa chegada do verán, a Concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais). Así, a partir do luns 15 de xuño e até o vindeiro 14 de setembro (inclusive), o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Os sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada.
A partir do luns 14 de setembro retomarase o horario habitual da instalación.