Con presenza dos/as concelleiros/as e técnicos/as de Cultura dalgúns dos Concellos participantes, a Casa da Cultura de Fene acolleu este mediodía a presentación do 5º Festival Internacional Entes Animados que se celebrará a vindeira fin de semana, do 22 ao 24 de setembro. Ao longo destas tres xornadas, cinco compañías procedentes de Italia, Portugal e Alemania achegaranse até os concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Neda e Valdoviño para presentar os seus espectáculos que abranguen “desde o teatro de títeres de luva até a narrativa teatral máis engaiolante”. As compañías convidadas nesta nova edición de Festea son: Bambabambin (Italia), Fio d`Azite (Portugal), Historioscópio (Portugal), Luis Manitha (Portugal) e Marimbondo (Alemania/Portugal). En total ofrecerán 19 funcións, con entrada libre e de balde, nas que cada grupo amosará “a súa perspectiva única da arte teatral de títeres, achegando o público a un universo de emocións e reflexións”.