Novas

26-05-2021

O vindeiro martes abre o prazo de preinscrición para “Un verán diferente” no Concello de Fene

Un ano máis, a Concellería de Cultura de Fene volve apostar por favorecer a conciliación da vida
 aboral e familiar e proporcionar, á vez, unha alternativa de ocio na nosa lingua ás crianzas durante as vacacións de verán. Neste senso e baixo estas dúas premisas, presenta a segunda edición do campamento “Un verán diferente” para o que abre o prazo de preinscrición o martes 1 de xuño. A actividade desenvolverase no Colexio Centieiras de Perlío durante o mes de xullo e vai dirixida a nenos/as de 3 a 12 anos. Para preservar a saúde dos/as participantes, dende o Concello de Fene salientan que se aplicarán “as normas e protocolos que para este tipo de actividades decreten as autoridades sanitarias” e das que se informará antes do comezo da actividade.
18-05-2021

O Concello de Fene conmemora o Día de Rosalía cunha representación teatral no Círculo de Perlío

O Concello de Fene lembra esta semana á escritora galega máis universal co espectáculo “Rosalía, o lugar onde medran as poetas”. A función terá lugar o domingo, 23 de maio, ás 12.00 horas no CCRD de Perlío e vai dirixida ao público familiar, aínda que está especialmente recomendada para nenas e nenos maiores de 8 anos. Entrada de balde até completar o aforo (55 persoas), atendendo á normativa Covid.

Rosalía, o lugar onde medran as poetas é unha obra realizada por unha equipa de mulleres “intensamente vencelladas ao teatro de palabras para espectadores e espectadoras que viven no país da infancia”. Dirixe a peza a actriz e directora Fina Calleja, responsable de moitas das montaxes infantís e xuvenís da premiada compañía Sarabela. Dúas actrices forman o reparto, Rocío González e Cristina Collazo, as dúas imprescindibles nos últimos anos nos escenarios máis variados e nas pantallas da televisión e do cine de Galicia.
25-03-2021

Cambio de horario na Casa da Cultura de Fene durante a Semana Santa

A concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) durante a Semana Santa.
01-03-2021

Exposición de Julia Pita na Casa da Cultura de Fene

Tras meses de parálise por mor das medidas restritivas impulsadas polas autoridades sanitarias para facer fonte á pandemia, este martes 2 de marzo reanúdase a actividade na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene cunha mostra da artista ferrolá Julia Pita. A exposición, que inaugura o calendario da sala en 2021, consta dunha trintena de óleos de temática variada, aínda que salientan as paisaxes e unha serie sobre geishas.
24-02-2021

Fene súmase á conmemoración do Día de Rosalía

Cada ano, o 24 de novembro celébrase o Día de Rosalía, coincidindo coa data do nacemento da escritora galega máis universal. Aínda que neste 2021 o Concello de Fene non pode festexar a efeméride como tiña previsto, xa que a pandemia provocada pola Covid-19 obrigou a adiar as actividades programadas, a Concellería de Cultura acordou sumarse á proposta de conmemoración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Así, nesta xornada, fixada no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. Ademais, difunde un manifesto, redactado nesta ocasión pola escritora Anna R. Figueiredo. Por outro lado, a AELG anuncia que o acto central do Dí­a de Rosalía de Castro terá lugar o vindeiro sábado 27 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela.
18-02-2021

Testamento do Entroido

Onte, mércores de cinza, o actor, director e contacontos Quico Cadaval deu lectura ao Testamento do entroido, a mellor crónica satírica do acontecido en Fene, en Galicia e no mundo nos últimos meses.
08-02-2021

Fene conmemorará virtualmente o seu ciclo do Entroido

Malia que a situación epidemiolóxica impide a celebración das actividades que tiñan lugar na Praza do Concello o Martes de Entroido e o Mércores de Cinza, o Concello de Fene resístese a deixar pasar de baleiro unha das festas con máis tradición no termo municipal. Por iso, a concellería de Cultura habilitará un espazo na páxina web do Concello e nas súas redes sociais dende o que conmemorar virtualmente o ciclo do Entroido. As actividades desenvolveranse do venres 12 ao venres 19 de febreiro. Neste período, a través da web municipal fene.gal e do facebook do Concello de Fene, difundirase fotografías e vídeos das actividades desenvolvidas ao longo desta semana nos centros de ensino feneses. Así, os mandados do entroido, a confección de máscaras, os disfraces ou a interpretación de coplas por parte das nenas e nenos feneses, terán un oco neste "escaparate" virtual do Entroido.