Novas

31-01-2024

O historiador Guillermo Llorca participa esta tarde na primeira sesión do Club de Lectura da biblioteca de Fene

Sobre o libro Cuando estalló la noche. El enemigo no sospechaba, de Guillermo Llorca, xirará a primeira sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene que se reúne esta tarde, de 18.00 a 19.30 horas. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) terán oportunidade de conversar co autor neste primeiro encontro.
17-01-2024

Fene vai de Entroido

Xa está aberto o prazo de inscrición para as comparsas que queiran participar no desfile e festival que terá lugar na Praza do alcalde Ramón José Souto González o mércores 14 de febreiro, no marco do Entroido fenés. As agrupacións interesadas en anotarse poderán facelo até as 14.00 horas do xoves 8 de febreiro no Rexistro Xeral do Concello e optar ás axudas que establece a Concellería de Cultura para fomentar a participación da veciñanza nos actos do Entroido.
15-01-2024

Nova conferencia do ciclo Contando Ciencia coa doutora en Matemáticas fenesa Erika Diz Pita

“Todas as matemáticas á vez, en todas partes” é o tema da terceira sesión do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A conferencia, impartida pola doutora en Matemáticas Erika Diz Pita, terá lugar este xoves, 18 de xaneiro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.
12-01-2024

Presentación do libro “Alicerces teatrais en Galiza”, de Paco Oti, na SCRD Agarimo de Sillobre

O mércores 17 de xaneiro, ás 20 horas, preséntase en Sillobre o libro “Alicerces teatrais en Galiza; unha achega de fontes, fundamentos e feitos (1952-1975)”, do técnico en xestión teatral Francisco Oti. O acto contará coa participación, xunto co autor, da afeccionada ao teatro e veciña de Sillobre Teresa Carballido Salgado, e do concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá. A entrada será libre e de balde até completar o aforo.
09-01-2024

O Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene retoma a súa actividade en xaneiro

Xa está aberto o prazo de inscrición para as persoas que desexen apuntarse ao Club de Lectura que organiza a Biblioteca Xosemaría Pérez Parallé de Fene, dirixido a público adulto. As inscricións realízanse na propia biblioteca, presencialmente ou por teléfono (981 342 302), de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas ou os sábados de 10.00 a 13.00 horas. Para participar, unicamente cómpre ter interese pola lectura xa que as persoas que formen parte do club deberán ler ao mesmo tempo as mesmas obras, de xeito individual. A biblioteca proporcionará un exemplar a cada membro do club, previamente inscrito, que, no caso da sesión prevista para este mes de xaneiro, será “Cuando estalló la noche”, de Guillermo Llorca Freire.
04-01-2024

A Cabalgata das SSMM os Reis Magos percorrerá Fene este venres

A Banda de Gaitas “Airiños de Fene”, o grupo de baile May Dance e o grupo de animación de “La Guagua” porán a nota festiva á Cabalgata.

As rúas polas que pasa a Cabalgata serán cortadas ao tráfico durante o paso da mesma, no marco do dispositivo de seguridade habilitado polo Concello de Fene.
26-12-2023

As bailarinas de Gloria López recalan na Casa da Cultura de Fene

Este venres, 29 de decembro, ás 12.30 horas, inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a exposición “Mujeres envueltas en poesía”, de Gloria López. Trátase dunha mostra de pintura na que as protagonistas son as “bailarinas”, personaxes que sempre chamaron a atención da artista “pola súa beleza, dificultade e sacrificio”. A exposición complétase cunha serie de poemas, inspirados nas pinturas. “Mujeres envueltas en poesía” permanecerá na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura até o vindeiro 30 de xaneiro. Poderá visitarse ao longo do Nadal en horario de mañá, de luns a venres (agás festivos), de 10.00 a 14.15 horas. E, a partir do 8 de xaneiro, o horario será de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
22-12-2023

O martes 26 de decembro Fantoches Baj contará “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” na Casa da Cultura

Ramón Sanfiz, aventureiro e percusionista dunha orquestra de baile da mariña, disponse a percorrer un novo itinerario co seu triciclo. No encontro co público, conta a viaxe que realizou desde a súa vila natal ata San Andrés de Teixido fiando diferentes historias que aprendeu dos habitantes que atopou polo camiño. Con este punto de partida, Fantoches Baj relatará en Fene “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” o vindeiro martes, 26 de decembro, ás 12 horas, no salón de actos da Casa da Cultura. Sesión dirixida ao público familiar (recomendada para maiores de 5 anos). A entrada será libre e de balde, sen reserva, até completar aforo. Actividade incluída no programa “Nadal en Rede”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
21-12-2023

Horario da Casa da Cultura de Fene durante o Nadal

Do venres 22 de decembro ao domingo 7 de xaneiro cambia o horario de apertura e atención ao público na Casa da Cultura de Fene. Así, desde mañá, a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé, o Museo do Humor Xaquín Marín, a aula de estudo e sala de exposicións temporais da Casa da Cultura abrirán unicamente en horario matutino, de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Ademais, durante as festas, as instalacións permanecerán pechadas os sábados, domingos e festivos (23, 24, 25, 30, 31 de decembro, 1, 6 e 7 de xaneiro).
14-12-2023

XXI Festival de Panxoliñas Concello de Fene no CCRD de Perlío

Terá lugar este sábado, 16 de decembro, ás 20.00 horas, nas instalacións do Casino de Perlío. Contará coa participación da Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, Coral Polifónica O Pote de Maniños, Tradicoro, Rondalla Estrelecer e Rondalla Perla del Río. Entrada libre e de balde, sen reserva previa.