Novas

22-09-2022

Fene acolle este domingo a VIII Ruta BTT Sendeiros de Fene

O Club BTT Fene organiza, coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene, unha nova edición da Ruta BTT Sendeiros de Fene. Trátase dunha marcha cicloturista federada non competitiva, cunha lonxitude duns 45 kilómetros repartidos entre os concellos de Fene, Cabanas e Neda. A saída está prevista o domingo 25 de setembro ás 9.30 horas do Pavillón Municipal A Xunqueira de San Valentín e a chegada -ao mesmo punto- prevese ao redor das 14.30 horas. Segundo os organizadores, a participación estimada ronda as 200 persoas.
16-09-2022

Quendas de adestramento nos pavillóns municipais para equipos e sociedades do rexistro de entidades

O Concello de Fene acaba de publicar o cadrante de reservas nos pavillóns polideportivos da Xunqueira e do Ramo. Trátase da primeira asignación de quendas, que se efectúa habitualmente no mes de setembro co obxectivo de darlle prioridade no uso das instalacións aos equipos federados pertencentes a sociedades, clubes e entidades que figuran no rexistro municipal de asociacións. A distribución horaria estará en vigor desde o 1 de outubro até o 30 de xuño de 2023. Agora abre un novo prazo entre o 19 e o 27 de setembro para que poidan solicitar tempos de adestramento equipos non federados e particulares. Nese caso deberán achegar a solicitude correspondente -descargable ao pé desta nota-, ben por vía telemática ou de maneira presencial no Concello.
07-09-2022

O Concello de Fene e varias asociacións propoñen andainas para descubrir o territorio

A área municipal de Deportes e varias entidades socioculturais organizan para o arranque do outono unha serie de andainas coas que descubrir a riqueza histórica e paisaxística do territorio fenés. Trátase de saídas de distintas distancias que se completarán en aproximadamente dúas horas de percorrido, pensado para recrearse no patrimonio material e inmaterial e na natureza de cada zona, contando sempre como guía cunha persoa de cada parroquia que irá comentando o que se vaia vendo a cada paso. Ademais de promover hábitos de vida saudables, os itinerarios tamén teñen como obxectivo fomentar o coñecemento do concello por parte da veciñanza -e tamén das persoas de fóra que queiran sumarse-, así como reforzar os vínculos entre as entidades por medio dun programa de lecer compartido.
26-08-2022

As citas para apuntarse nas escolas deportivas municipais empezarán a darse o 1º de setembro

A Concellaría de Deportes informa dos prazos de inscricións nas escolas deportivas municipais de Fene. Isto é, o prazo de matrícula presencial estará aberto do 12 ao 23 de setembro e será obrigatorio pedir cita previa para facer o trámite, que se centralizará no pavillón da Xunqueira. As citas poderán solicitarse a partir do 1 de setembro; días 1 e 2 para residentes e escolarizadas/os en Fene e do 5 ao 9 para a poboación xeral; chamando ao 981 492 804 ou ao 607 626 812.
26-08-2022

Horarios de adestramento de pretempada no pavillón da Xunqueira e de adestramento para a tempada no campo de fútbol dos Pinares

A Concellería de Deportes publica, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o cadro de horarios de adestramentos de pretempada no pavillón da Xunqueira e de adestramento para a tempada no campo de fútbol dos Pinares.
Os horarios poden consultarse nos documentos aquí achegados.
O prazo de solicitudes para entidades e clubes federados de Fene continuará aberto ata o 15 de setembro para horarios de adestramento da tempada no pavillón da Xunqueira e no pavillón do Ramo
14-07-2022

Os clubs deportivos de Fene xa poden solicitar horas de adestramento de pretempada e tempada 2022-23 nas instalacións deportivas municipais

Xa esta aberto o prazo para que os clubs de Fene soliciten horas de adestramento para a pretempada no campo de Fútbol Os Pinares e no pavillón polideportivo da Xunqueira, así como para a tempada 2022/2023 no campo de Fútbol e nos dous pavillóns. Os clubs que estean interesados deben remitir nas datas que se indican na normativa, a relación de horas que soliciten de cada instalación para a pretempada e para a tempada 2022 -2023, especificando o equipo (deporte e categoría) que vai utilizar cada hora.
30-06-2022

Exhibición do Club Ximnasia Artística Ferrolterra en San Valentín

Unha vez finalizada a tempada para a maioría de ximnastas, o Club Ximnasia Artística Ferrolterra pecha o curso este venres, 1 de xullo, cunha exhibición no pavillón de San Valentín na que tomarán parte ao redor de 150 ximnastas da bisbarra. Comezará ás cinco do serán e finalizará ao redor das oito. Entrada libre. Desta vez, a diferencia da exhibición que organizou o club no Nadal, as/os participantes só realizarán coreografías de chan con acrobacias de chan e salto. E a temática da mesma serán os diferentes estilos musicais (pop, rock, disco, country, copla, etc.)
29-06-2022

Fene promociona o deporte en familia cunha nova edición do Día do Deporte na rúa

Logo de dous anos de paréntese por mor da pandemia, a Concellería de Deportes de Fene retoma este domingo, 3 de xullo, o seu Día do Deporte na Rúa. A xornada, que incluirá múltiples actividades deportivas e de lecer para todos os públicos, desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas na avenida do Tarrío (xunto ao Centro de Saúde de Fene), rúa San Salvador e pistas polideportivas do CCRD de Perlío. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín. Para facilitar a montaxe e o desenvolvemento das actividades organizadas no marco deste novo Día do Deporte na Rúa, o domingo 3 de xullo estará prohibido circular e estacionar, dende as 7.00 ás 15.30 horas, pola Avda do Tarrío, rúa San Salvador e aparcadoiros do Eroski.
15-06-2022

Exhibición das Escolas Deportivas Municipais este venres no pavillón da Xunqueira

O pavillón da Xunqueira, en San Valentín, albergará o venres, 17 de xuño, a Exhibición de Escolas Deportivas Municipais. Unha cita que comezará ás 17 horas e na que tomarán parte os nen@s e moz@s que, ao longo do curso, asistiron ás actividades deportivas do Concello.

Así, o público asistente poderá seguir as exhibicións do alumnado das clases de judo, kárate, ximnasia rítmica, atletismo, pequedeporte, baloncesto, patinaxe e baile moderno. 
13-06-2022

Fin de curso nas escolas municipais de piscina

A Concellería de Deportes organiza unha festa acuática para despedir o curso nas escolas municipais de piscina.
Será o vindeiro sábado, 18 de xuño, nas instalacións de Centieiras e poderá asistir o alumnado das escolas municipais matriculado no mes de maio en natación para bebés, 1ª infancia ou natación infantil (iniciación e perfeccionamento).
Haberá inchables acuáticos e multitude de xogos para todos os participantes.
A xornada desenvolverase atendendo ao seguinte cronograma:
De 10.00 a 11.00 horas será a festa para BEBÉS que, nesta ocasión, poderán estar
acompañados de dúas persoas adultas.
De 11.00 a 12.00 horas será a festa para o alumnado de 1ª INFANCIA, acompañados
dunha persoa adulta.
De 12.00 a 13.00 horas, será a festa para o alumnado de natación INFANTIL que
deberá acceder á piscina sen acompañante.