Novas

31-07-2024

Horarios de adestramento de pretempada no campo de fútbol de Os Pinares

Rematado o prazo de solicitude de adestramento no Campo de Fútbol de Os Pinares para a pretempada 2024-2025 para clubs federados do Concello de Fene , o Concello publica na web municipal os horarios definitivos. Así mesmo, as solicitudes de adestramento de pretempada 2024/2025 para o Pavillón Polideportivo de A Xunqueira para clubs federados do Concello seguirán abertas ata o 24 de agosto.
29-07-2024

A Concellería de Deportes retomará en setembro as súas Andainas por Fene

Que a xente poida coñecer o concello da man da veciñanza é o principal obxectivo das Andainas por Fene que organiza a Concellería de Deportes coa colaboración das entidades parroquiais do municipio e Eroski Fene. O programa botou a andar o pasado 15 de xuño, cun percorrido pola parroquia de Barallobre, e, tralo parón estival, retomarase o 1 de setembro cunha andaina por Limodre que conducirán membros da AVV desta parroquia.
19-07-2024

A Concellería de Deportes organiza o I Trofeo Triangular Concello de Fene no que participarán os tres equipos de fútbol de Fene

O campo do Cultural Maniños acollerá o vindeiro 10 de agosto o Trofeo de Fútbol “Concello de Fene” no que tomarán parte a S.D.Barallobre, o Cultural Maniños S.D. e o C.C.R.D. de Perlio. Poderán participar tantos xogadores por encontro “como licencias federativas teña o club”. O torneo xogarase atendendo ao sistema de “todos contra todos”, é dicir, cada equipo enfrontarase aos outros dous equipos unha vez en partidos de 45 minutos cun descanso de 15 minutos entre eles.
12-07-2024

Os clubs de Fene poderán solicitar a partir do luns horas de adestramento de pretempada e tempada 2024-25 nas instalacións deportivas municipais

O luns 15 de xullo ás 8.30 horas abre o prazo para que os clubs de Fene soliciten horas de adestramento para a pretempada no campo de Fútbol Os Pinares e no pavillón polideportivo da Xunqueira, así como para a tempada 2024/2025 no campo de Fútbol e nos dous pavillóns. Os clubs que estean interesados deben remitir nas datas que se indican na normativa, a relación de horas que soliciten de cada instalación para a pretempada e para a tempada 2024 -2025, especificando o equipo (deporte e categoría) que vai utilizar cada hora. As solicitudes deberán presentarse telemáticamente, na sede electrónica do Concello de Fene.
02-07-2024

Conta atrás para o XXX Día do Deporte na Rúa

A Concellería de Deportes de Fene anima á veciñanza a participar este domingo, 7 de xullo, nunha nova edición do Día do Deporte na Rúa, evento multideportivo que ten como obxectivo promocionar a actividade física en familia. A Avda. do Tarrío, a rúa San Salvador e os arredores do CCRD de Perlío serán o epicentro desta xornada para a que están programadas ao redor dunha trintena de actividades para persoas de todas as idades e gustos. O horario será de 10.30 a 14.00 horas e, no caso de choiva, o evento trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín.
Coma todos os anos, a participación en todas as actividades do Día do Deporte na Rúa será libre e de balde. E as persoas que participen en tres actividades, poderán facerse cunha camiseta conmemorativa da xornada, até esgotar existencias.
24-06-2024

Fene propón un verán deportivo para todas as idades

Bautismos de mergullo, cursiños de kaiak e paddle surf para adultos e para poboación infantil, campamento lúdico-deportivo e ximnasia de verán. Son algunhas das actividades que o Concello de Fene anuncia para as vindeiras semanas, no marco da súa programación deportiva de verán 2024. As actividades desenvolveranse en distintas instalacións municipais, entidades sociais e espazos naturais do Concello de Fene durante os meses de xullo e agosto. Algunhas, como a ximnasia de verán ou o bautismo de mergullo infantil serán de balde e para o resto haberá que pagar cotas populares, segundo o programa que se detalla a continuación.
21-06-2024

Fin de curso nas escolas municipais de piscina

A Concellería de Deportes organiza unha festa acuática para despedir o curso nas escolas municipais de piscina.
Será o vindeiro sábado, 22 de xuño, nas instalacións de Centieiras e poderá asistir o alumnado das escolas municipais matriculado no mes de xuño en natación para bebés, 1ª infancia ou natación infantil (iniciación e perfeccionamento).
20-06-2024

Trinta aniversario do Día do Deporte na Rúa

A Concellería de Deportes de Fene ultima a organización do seu 30º Día do Deporte na Rúa que se celebrará o domingo 7 de xullo co obxectivo de promocionar, un ano máis, o deporte e a diversión en familia. A xornada, que incluirá múltiples actividades deportivas e de lecer para todos os públicos, desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas na avenida do Tarrío, rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío. En caso de choiva, trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín.
17-06-2024

O Concello de Fene abre a inscrición nas xornadas de mergullo para nenos/as e adultos/as

A Concellería de Deportes de Fene informa de que o prazo de inscrición nas xornadas de mergullo para nenos/as e persoas adultas abrirase mañá martes 18 de xuño. O programa, que impulsa o Concello, conta coa colaboración do Clube de Actividades Subacuáticas Nautilus.
 
17-06-2024

Fene estrea este domingo o seu programa de actividades deportivas de verán co Campionato de Fotografía Submarina

O Campionato de Fotografía Submarina de Fene (proba puntuable no Circuito Galego de Fotosub) desenvolverase na mañá do domingo 23 de xuño. Os/as participantes sairán en barco do Peirao de Barallobre ao redor das 9.00 horas e realizarán dúas inmersións: a 1ª, entre as 09.45 e as 11.00 horas, e a 2ª, entre as 11.30 e as 12.45 horas. Novamente, nesta edición o Concello de Fene oferta 10 prazas (adultos) para asistir de balde como espectador das inmersións dende a embarcación que servirá de apoio á proba. As persoas interesadas en apuntarse poderán facelo enviando un correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal (no que indicarán nome e apelidos, data de nacemento, número de DNI e teléfono), antes do xoves 20 de xuño ás 15.00 horas.