Fene hoxe

Inicio   Fene hoxe
21-09-2018

O Concello promove o certame gastronómico Fene, un mar de tapas

O Concello de Fene, a través da Concellería de Promoción Turística que dirixe Juan José Franco, e a Confraría de Barallobre organizarán no mes de outubro o certame gastronómico Fene, un mar de tapas. É por isto que o Concello vén de abrir o prazo, ata o vindeiro 28 de setembro, para que os establecementos feneses interesados en participar se apunten.
21-09-2018

Xaquín Marín presenta Tonecho este luns no Museo do Humor

O Museo do Humor de Fene, a segunda casa de Xaquín Marín, será escenario este luns, 24 de setembro, do acto de presentación da súa última publicación, Tonecho, pero tamén da obra X. Marín. Arte e compromiso no humor gráfico galego, de Félix Caballero Wangüemert, un libro definitivo sobre un dos artistas galegos fundamentais da historia de Galicia. Con entrada libre, o acto dará comezo ás 20 horas e, nel, Marín e Caballero estarán acompañados polo director de Galaxia, Francisco Castro, e polo alcalde de Fene, Gumersindo Galego.
 
20-09-2018

Festa de presentación do XX Felicia POP Festival este venres en Limodre con concertos de Bang 74 e Bule

O Concello de Fene organiza este venres, 21 de setembro, a festa de presentación da XX edición do Felicia POP Festival, máis coñecido por todos polo seu anterior nome, Felipop. O acto, organizado pola Concellería de Promoción Turística que dirixe Juan José Franco, arrancará ás 22,30 horas en Casa Ardá, na parroquia de Limodre, con entrada libre e de balde.
20-09-2018

Fene celebra este sábado a IX Feira Outlet MERCA IN FENE

Fene acollerá este sábado, 22 de setembro, a IX Feira Outlet MERCA IN FENE e, esta mañá, o alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro de Promoción Económica, César Castro, presentaban en rolda de prensa a cita, incluída no programa Fene Vivo, Ven a Fene e Perlío. Avanzaban que a feira, que arrancará ás 10 horas e se prolongará ata as 20,30 h, terá un formato similar ó do ano pasado. Así, convivirán os establecementos que ofrezan os seus produtos de promoción no interior dos locais con aqueles outros que dispoñan tamén a pé de rúa haimas onde amosar a súa oferta. Uns e outros suman 24 negocios, o que supón un incremento do 25% respecto á edición do 2017. Moda, textil, ópticas, calzado, produtos de agasallo ou labores concentran a oferta da feira. A Avenida do Concello, Avenida Naturais, rúa da Fraga e Marqués de Figueroa serán os escenarios do Outlet.
12-09-2018

Un cartel de luxo para o XVI FeneRock

 Wyoming & Los Insolventes, Avalanch, Stoned at Pompeii, Última Experiencia, BSide, Farrapo de Gaita, Javi Maneiro, InnsBruck, Arrhythmia e Los Alcántara forman parte dun dos mellores carteis do FeneRock. O que se celebrará este venres 14, sábado 15 e domingo 16 de setembro no paseo marítimo de San Valentín. Con entrada de balde, baixo carpa, zona de acampada gratuíta, exclusivos food trucks e, esencialmente, a mellor música, alcanza así a súa XVI edición. Esta mañá, a concelleira de Cultura de Fene, Rocío Bértoa, e o músico Miguel Rodeiro, en representación da organización, presentaban na casa consistorial o festival e daban conta de todos os detalles.
07-09-2018

Fene celebra este sábado a súa V Festa Mariñeira con degustación de pratos de mar, deporte, xogos, viaxes pola ría e música

O peirao de Barallobre acollerá mañá sábado, 8 de setembro, a quinta edición da Festa Mariñeira, organizada polo Concello de Fene a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe César Castro e xunto ó movemento asociativo.
07-09-2018

O I Festival das Ondas reunirá este domingo no peirao de Barallobre a La Bien Querida, Baiuca, Trajano!, DJ Ramone e Os Peregrinos

O Concello de Fene, a través da Concellería de Promoción Turística que dirixe Juan José Franco, organiza este domingo, 9 de setembro, o I Festival das Ondas. O peirao de Barallobre será escenario do festival, que dará comezo ás 19 horas con entrada de balde.
13-08-2018

O Concello de Fene promove a “I Ruta Indiana, Vén a Maniños”

O Concello de Fene organizará o vindeiro domingo 26 agosto, coincidindo coa Festa do Pote, a primeira edición da “Ruta In diana, Vén a Maniños”.
Unha iniciativa que, como sinala o edil de Promoción Turística, José Franco, permitirá realizar unha volta á historia Indiana do municipio. Incluída no proxecto “Fene Mar Vivo”, consistirá en percorrer os puntos de maior interese na historia Indiana do concello nun itinerario guiado polo arquitecto Carlos Ardá e con recreacións teatrais das figuras do insigne Indiano D. Adriano e a súa esposa.
02-08-2018

Arantxa Prada inaugura en Fene a súa exposición de pintura “Introproxección”

 A pintora Arantxa Prada inaugura en Fene a súa exposición “Introproxección”. Será este venres, 3 de agosto, a partir das 12 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor. Con entrada libre, no acto tomará a palabra a artista, así como a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, e o alcalde, Gumersindo Galego.

27-07-2018

Fene celebra este domingo a Romaría de Santa Ana

Concello e tecido asociativo unen forzas e recuperan, 23 anos despois da última celebración, a Romaría de Santa Ana. O edil de Promoción Económica, César Castro, avanza que será este domingo, 29 de xullo, cun programa que arrancará ás 11 horas. É a hora sinalada para que as persoas interesadas en acudir á cita se reúnan na casa consistorial, xa que dende alí partirán cara a capela.
1 2 3 45 6 7 8 9 >>