O Concello de Fene e a Cofraría de Barallobre fan balance do proxecto Fene Vivo II

Inicio   Fene hoxe  

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ana Basoa, o patrón maior da Cofradía de Barallobre, Jorge López, e a xerente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp), María Antonia Fernández, presentaron este mércores no pósito de Barallobre os diferentes soportes que se están a empregar para a promoción dos produtos da ría, no marco do proxecto Fene Vivo II. No acto, organizado para facer balance das distintas accións do programa, falouse das degustacións nos establecementos de hostalería de Fene, dos sorteos e do reparto de denominado kit do peregrino que “permitirá que aqueles que paren no noso concello difundan alá a onde cheguen que Fene tamén é unha parada no Camiño Inglés”.

Poñer en valor os produtos do noso mar, difundíndoos entre a poboación local e as persoas que nos visitan, é un dos principais obxectivos do proxecto “Fene Vivo II”, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Fene e a Cofraría de Barallobre, co finanzamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca. Trátase, en definitiva, de dar a coñecer o produto de proximidade e de calidade da nosa lonxa para que a veciñanza e os visitantes aposten polos produtos do noso concello.

Entre as accións que se levaron a cabo nos últimos meses, segundo informaron onte os responsables do proxecto, salienta a instalación a carón da Cofraría dun valado de 8x3 para facer promoción dos produtos da ría ou a edición de carteis de grande formato que se repartiron entre os locais colaboradores e as peixerías.

Ademais, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ana Basoa, explicou que este ano “tivemos que mudar a promoción que normalmente se facía a través da Festa Mariñeira e adaptala aos protocolos Covid. Por iso, tivemos que contar cos restaurantes para que foran eles os que deran a degustar os produtos da Cofraría xusto antes do Nadal e animar así a xente de Fene e da comarca  a consumir os produtos da nosa ría, tanto mercados en cru na lonxa como preparados nos restaurantes”.
 
Nesta segunda edición de Fene Vivo, os restaurantes do concello distribuíron máis de 100 kilos de produtos da ría en degustacións, o que se traduciu nunhas 1000 degustacións por parte de clientes de Fene e comarca. Ademais, repartíronse rifas para o sorteo de 40 ceas para dúas persoas, por importe de 70 €.  E aínda que algúns dos premios aínda non se entregaron -xa que a pandemia e as restricións na hostalería condicionaron o desfrute das ceas- a concelleira Ana Basoa lembrou que as persoas afortunadas poderán aínda trocar as súas rifas premiadas por ceas durante a primavera ou durante o vindeiro verán.
 
Os peregrinos tamén foron protagonistas do proxecto Fene Vivo II. Por iso, “deseñamos un kit para que aqueles que paren no noso concello poidan difundir alá a onde cheguen que Fene tamén é unha parada no Camiño Inglés”. Porque, “do que se tratata con todas estas accións e outras moitas que se están a impulsar”, concluíu Ana Basoa, “é de facer que Fene e as súas xentes colaboren en facer do noso concello un bo lugar para vivir”.