22-07-2021
22-07-2021
O froito creativo de “Viñetas do Camiño” materializarase na xornada de mañá venres nunha exposición ao aire libre que recollerá os vinte e catro debuxos realizados pola ducia de artistas que participaron na “Andaina Debuxada” dos días 12 e 13 de xuño, no marco do proxecto promovido polo Concello de Fene no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
21-07-2021
21-07-2021
A celebración da entrega dos Premios Rosalía de Castro 2021 a carón do Museo do Humor de Fene espertou nalgúns dos protagonistas do acto, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Fene, vellas e divertidas lembranzas que conduciron aos presentes a esa “patria da infancia” á que se refería primeiro o gañador do certame na categoría de “Persoas”, Xaquín Marín, e posteriormente o artista que engalanou a xornada: o compositor, músico e cantante Xabier Díaz. O acto desenvolveuse segundo o previsto e cun amplo respaldo da veciñanza de Fene e bisbarra, ao redor de 150 persoas que non quixeron perder a ocasión de arroupar na entrega dos premios a un dos seus veciños ilustres. Tamén recolleron senllos galardóns a vicepresidenta da Agrupación Astronómica Ío, Carmen Denébola Álvarez Seoane, en representación da “Entidade” recoñecida este ano, e Carlos García Vieito, promotor e xerente de Twitter en galego, o “Proxecto” premiado en 2021.
16-07-2021
16-07-2021
Fene será escenario este ano da entrega dos premios Rosalía de Castro de Lingua, certame que promove a Deputación Provincial co obxectivo de “recoñecer a personalidades e iniciativas que traballan na promoción do galego en todos os ámbitos”. O acto terá lugar o martes 20 de xullo ás 20.30 horas na Pista Municipal de Fonte do Campo, a carón do Museo do Humor de Fene, e contará coa presenza dos premiados, da deputada provincial de políticas de normalización lingüística, María Muíño Filgueira, e do alcalde de Fene, Juventino Trigo. Ao remate do acto, como colofón, subirá ao escenario de Fonte do Campo o cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional Xabier Díaz.
14-07-2021
14-07-2021
“Son un monstro. Canto máis me coñezo peor me caio. Vou contar que son a peor persoa do mundo. Paseime a metade da miña vida sendo un vítima, a boa, a que cedía sempre… Agora prefiro ser unha déspota. Eu son adicta a calquera cousa, por exemplo aos bolis Bic. Non lle vexo inconvinte a nada. E son a peor amiga do mundo…”. Así se presenta a actriz e xornalista Gala Martínez que este venres sube ao escenario da Casa da Cultura de Fene no marco do ciclo “Humor Peregrino”. A función comezará ás 21 horas con entrada libre e de balde até completar aforo (50 persoas).
12-07-2021
12-07-2021
Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mediodía no Museo do Humor de Fene, o xurado do XXV concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Alexandre Sequeiros Camiña o primeiro premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos) e a Nuria Martínez Carbó o primeiro premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos). Así mesmo, Fernando Iglesias Mouta, "Kohell", e Sarai Outeiral Ces alzáronse co segundo premio nas categorías Curuxa e Curuxa Nova, respectivamente.
07-07-2021
07-07-2021
Os debuxantes Calros Silvar, Xosé Tomás e Hugo Feal Permuy (gañador do primeiro premio Curuxa Nova 2020) forman parte do xurado dos Premios Curuxa 2021 que se reunirá o vindeiro luns, 12 de xullo, ás 12.00 horas no Museo do Humor de Fene. Tal e como se establece nas bases do certame, o xurado estará presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo e -xunto cos tres debuxantes convidados- formarán parte do mesmo o concelleiro de Cultura, Justo Martínez, e a responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos (que actuará como secretaria).
05-07-2021
05-07-2021
O salón de actos da Casa da Cultura acolle este venres, ás 21 horas, a segunda función do ciclo “Humor peregrino”, actividade que se encadra no proxecto Viñetas do Camiño (O Teu Xacobeo) que están a desenvolver as Concellerías de Cultura e Turismo. A protagonista desta nova sesión será a fenesa Paula Carballeira cun espectáculo titulado “Historias de arrepío” no que se recollen contos que xorden “das longas e escuras noites con néboa ás portas”. A entrada será libre, de balde e con aforo limitado (50 persoas), atendendo a normativa Covid actualmente en vigor.
30-06-2021
30-06-2021
O son dos ukeleles chega este venres 2 de xullo ao Concello de Fene da man de Ukestra do Medio, grupo compostelán que realiza versións de clásicos do rock’n’roll, country, swing, pop e mesmo de músicas tradicionais galegas e portuguesas, tangos, bossanovas, cumbias ou boleros. A función comezará o venres ás 21 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre, de balde e aforo limitado (50 persoas), atendendo a normativa Covid actualmente en vigor. Con este espectáculo, comeza o ciclo “Humor peregrino” que se enmarca no proxecto Viñetas do Camiño (O Teu Xacobeo), impulsado polas concellerías de Cultura e Turismo de Fene.
29-06-2021
29-06-2021
Este venres, ás 13.00 horas, inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a mostra “O Camiño das estrelas: tecendo culturas”, da artista María José Rodríguez. No acto, a pintora estará acompañada polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, e polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá. A exposición permanecerá nesta instalación municipal até o vindeiro 29 de xullo e poderá visitarse de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Sábados, domingos e festivos, a sala de exposicións permanecerá pechada.
18-06-2021
18-06-2021
Coa chegada do verán, a concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, dende o mércores 23 de xuño e até o vindeiro 8 de setembro, inclusive, o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada.