07-11-2024
07-11-2024
Catro espectáculos para público adulto co mellorciño do humor galego protagonizarán as tardes-noites dos venres ao longo do mes de novembro no Concello de Fene. Este venres, coincidindo coa entrega dos Premios Curuxa 2024 dá comezo o ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” co que o Museo do Humor Xaquín Marín conmemora o seu aniversario. Todos os espectáculos comezarán ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo día da función a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
04-11-2024
04-11-2024
Coa entrega dos premios Curuxa 2024, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 8 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Adrián Dopico López, Lucas Sixto Carballeira e Iván Mata Tamayo recibirán da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, os representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.
03-09-2024
03-09-2024
Quince humoristas gráficos de recoñecido prestixio internacional participan na exposición O Olimpo da Caricatura que se inaugurará o vindeiro mércores, 11 de setembro, ás 19 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín. A mostra recolle unha selección de obras dos que, a xuizo do humorista gráfico e fundador do museo fenés Xaquín Marín, son “os mellores caricaturistas a nivel mundial” e ten como obxectivo “ensinar no meu país e en todo o mundo que o debuxo de humor pode ser unha arte tan sublime como outras que sempre foron mellor valoradas”.
27-06-2024
27-06-2024
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o autor da maqueta, Fran Guerra, asinaron este xoves o convenio de cesión polo que a peza pasa a expoñerse nas instalacións do museo fenés. Tamén asistiu ao acto o concelleiro de Cultura Justo Ardá. A maqueta, que se pode ver xa na sala de Banda Deseñada (3º andar da Casa da Cultura) está realizada con pezas do antigo xogo de construcción Exin Castillos e nela adáptase e reprodúcese unha das macroviñetas do edificio de apartamentos ubicado en 13 rúe del Percebe e a peculiar comunidade que o habita.
05-06-2024
05-06-2024
Ao redor de sesenta obras compoñen a exposición do II Concurso de Bd de Humor Demo Pequeno que se inaugura este venres, 7 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. A mostra recolle a totalidade dos traballos presentados ao certame que este ano convidou aos rapaces, entre 8 e 16 anos, a debuxar unha historia curta de banda deseñada ou tira cómica, con enfoque humorístico sobre “a revolución tecnolóxica que está a cambiar o mundo”. No acto deste venres, aberto ao público en xeral, entregaranse tamén os premios aos gañadores/as: Diego Noguerol Feijoo (1º premio categoría Infantil), Maia Tato Rodríguez (2º premio categoría Infantil), Ainara Soto Reino (1º premio categoría Xuvenil), e Ana Manso López e Gael Rivas Núñez , do CPR Santa Juana de Lestonnac, Ferrol (2º premio categoría Xuvenil). Tamén haberá diploma e un pequeño agasallo para os finalistas da categoría Xuvenil: Jimena Rivas Garel, do IES Concepción Arenal, Ferrol, e Noa Fachal Bermúdez, do CPI San Sadurniño.
23-05-2024
23-05-2024
As persoas interesadas en participar poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón José Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña) até o vindeiro 31 de maio. Novamente, nesta edición, haberá tres categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas de 16 a 25 anos e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos. Os/as participantes poderán presentar un só debuxo de temática libre, en formato: viñeta, tira ou cómic (máximo 1 páxina) ou caricatura (no caso de debuxos presentados a esta categoría). As obras deberán ser de creación propia e inédita e presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade).
20-05-2024
20-05-2024
Coincidindo coa conmemoración do Día dos Museos que se celebrou este sábado, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial veñen de dar a coñecer os nomes dos/as gañadores/as do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno. O xurado desta segunda edición -formado polos debuxantes Inés Vázquez e Víctor Boullón, xunto co autor de bd e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e a coordinadora do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos- reuniuse o pasado 9 de maio e acordou conceder por maioría os seguintes premios:
21-06-2024
21-06-2024
Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mediodía no Museo do Humor Xaquín Marín, o xurado do XXVIII concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Adrián Dopico López o premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos), a Lucas Sixto Carballeira o premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos) e a Iván Mata Tamayo o premio da categoría Caricatura (para maiores de 16 anos). Ademais, recibiron mención de honra no certame Ricardo Olivera Almozara (Fritz), Manuel Arriaga de León (categoría Curuxa), Eduardo Pérez Baamonde (categoría Curuxa) e Roberto Marcelo Bianchi (categoría Caricatura).
06-05-2024
06-05-2024
Perto dun cento de debuxos, caricaturas, viñetas de humor gráfico e ilustracións de Xoán Andrade Vilar (Betanzos, 1959) forman a exposición Pingas de humor crítico que se pode visitar na Casa da Cultura de Fene desde hoxe até o vindeiro 30 de maio. A mostra recolle unha pequena escolma do inxente labor desenvolvido polo artista e educador nas últimas décadas, traballos que tamén se poden ver no seu blog persoal. Pingas de humor crítico amosarase en Fene até finais do mes de maio en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas (domingos e festivos, pechado).
06-05-2024
06-05-2024
Se tes entre 8 e 18 anos e che gusta debuxar; se eres un apaixoado/a do cómic pero pensas que é difícil contar historias a través dos debuxos ou cres que as túas historias non son interesantes, xa podes anotarte ao obradoiro de banda deseñada que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín para conmemorar o Día dos Museos. A actividade, dirixida polo debuxante e humorista gráfico Santy Gutiérrez, está programada para o mércores 15 de maio, ás 18.00 horas. As persoas interesadas en participar deberán anotarse enviando un correo a museodohumor@fene.gal indicando: nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. As inscricións realizaranse por orde de recepción de correos até completar o aforo (20 prazas). Actividade de balde cunha duración de 1,5 horas. Organiza: Concellería de Cultura de Fene.