Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
22-04-2022

Últimos días para visitar a exposición de Viñetas do Camiño a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío

A mostra recolle vinte e catro ilustracións, realizadas polos doce artistas que participaron na “Andaina debuxada” do pasado mes de xuño e que logo se expuxeron en distintos puntos do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Ferrolterra. Unha vez finalizada a mostra orixinal, o Concello de Fene acordou reunir os cubos nos que se amosan os debuxos nun espazo céntrico para que a veciñanza puidera gozar das creacións de artistas da talla de Xaquín Marín, Beatriz Seijo, Hugo Feal, Laura Bouza, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Carme Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho, Dulce Anca e Juanma Rubio Lozano. A exposición mantívose nesta derradeira localización, a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío, dende principios de ano e retirarase o vindeiro luns, 25 de abril.
19-04-2022

O debuxante Xaquín Marín "Volta á Orixe" cunha exposición antolóxica no Museo do Humor

A figura de Xaquín Marín, fundador do Museo do Humor de Fene, vai ser neste 2022 un dos eixos vertebradores da programación cultural do Concello de Fene. O vindeiro 6 de maio inaugurarase no Museo do Humor a exposición retrospectiva “Volta á orixe”, un percorrido pola traxectoria artística do pintor, ilustrador e humorista gráfico fenés. Pero ademais, ao redor da mostra haberá distintas actividades coas que se pretende, en palabras do alcalde de Fene, Juventino Trigo, “amosarlle a Xaquín o noso agradecemento e situar novamente a súa figura no lugar que lle corresponde, entre os mellores creadores do noso país”. O primeiro rexedor fenés, o comisario da mostra e fillo do artista, Alexandre Marín, o concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá, e a responsable do Museo, Almudena Marcos, foron os encargados de presentar este mediodía en rolda de prensa a exposición e a programación cultural paralela que se desenvolverá entre os meses de maio e xuño.
30-03-2022

O Universo Feminino de Carmen Prado recala en Fene

A Casa da Cultura de Fene acolle este sábado, 2 de abril, a inauguración da exposición Universo Feminino, da pintora luguesa Carmen Prado. O acto, previsto para as doce do mediodía, contará coa presenza da artista, do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá. A mostra de Carmen Prado poderá visitarse en Fene dende este sábado até o vindeiro 29 de abril, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Durante a Semana Santa o horario será: o luns 11, o martes 12, o mércores 13 e o luns 18 de abril, de 10.00 a 14.15 horas. De Xoves Santo a Domingo de Pascua, a instalación permanecerá pechada.
02-03-2022

Un cordero bala entre dos montañas, de Sofía Piñeiro, en Fene

Este venres, 4 de marzo, inaugúrase na Casa da Cultura a nova exposición de pintura da ferrolá Sofía Piñeiro. A mostra, titulada “Un cordero bala entre dos montañas”, recolle unha serie de traballos realizados durante o confinamento no 2020. Trátase dunha “colección de pinturas onde represento ovellas sobre fondos abstractos que funcionan como paisaxes”. O acto, comezará este venres ás 19.30 horas e contará coa presenza, amais da artista, do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá. A mostra de Sofía Piñeiro poderá visitarse en Fene até o vindeiro 28 de marzo, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Os domingos e festivos a sala de exposicións permanecerá pechada.
23-02-2022

Cambio de horario na Casa da Cultura durante o Entroido

A concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) durante o Entroido. Coincidindo coas vacacións escolares, o vindeiro luns 28 de febreiro e o martes 1 de marzo a Casa da Cultura abrirá unicamente en horario de mañá, de 10.00 a 14.15 horas. Ademais, o sábado 26 de febreiro e o mércores 2 de marzo -mercores de cinza e festivo local en Fene- as instalacións da Avda. de Conces, 20-22, permanecerán pechadas ao público.
15-02-2022

O debuxante Xaquín Marín presenta o seu novo libro, Que tempos!, no Museo do Humor

O salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolle este xoves, 17 de febreiro, a presentación de Que tempos!, obra editada por Embora que recolle unha compilación das achegas do artista á revista Tempos Novos. Trátase, en realidade, dunha escolma “de toda a traxectoria de Xaquín Marín como cronista gráfico dos galegos e das galegas”. O acto comezará ás 20.00 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Asistirán, amais do artista, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, o director da editorial Embora, Miguel Tobal, e o xornalista e escritor Pablo Bouza que se encargará da presentación do acto.
07-02-2022

Aberto o prazo para participar na XXVI edición dos Premios Curuxa do Humor

Coa publicación das bases no BOP núm. 25, do luns 7 de febreiro de 2022, abre o prazo de presentación de debuxos para o XXVI concurso de humor gráfico “Curuxa do humor” que organizan a Concellería de Cultura e o Museo do Humor de Fene. Os premios Curuxa teñen como obxectivo recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho do estado español), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo.
03-02-2022

As acuarelas de Antonio Rivas Pol amósanse en Fene neste mes de febreiro

Este venres, 4 de febreiro, inaugúrase na Casa da Cultura unha exposición de acuarelas de Antonio Rivas Pol. O acto, previsto para as 19.30 horas contará coa presenza, amais do artista, do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá. Tamén intervirá, en calidade de presentador do evento, o licenciado en Historia da Arte e autor dos libros A paisaxe da nación e Castelao. Plástica e pensamento.1903-1916, Suso Piñeiro. A mostra de Antonio Rivas Pol poderá visitarse en Fene até o vindeiro 28 de febreiro, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Os domingos e festivos a sala de exposicións permanecerá pechada.
01-02-2022

Moxom doa ao Museo do Humor unha das esculturas da exposición De boas madeiras

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o escultor Xosé Manuel Rodríguez “Moxom” asinaron este luns o convenio de doazón polo que o artista ourensán doa ao Museo do Humor de Fene unha das pezas que formaron parte da exposición “De boas madeiras”, que se puido ver na Casa da Cultura ao longo do mes de xaneiro. Trátase da peza titulada “Fifi”, realizada en madeira de piñeiro e pintada con pinturas plásticas e acrílicas. As suas medidas son: 73 x 53 x 193 cm. Segundo se recolle no documento asinado por ámbalas dúas partes, a obra “pasará a formar parte dos fondos do Museo do Humor, podendo exhibirse nas súas dependencias, en mostras itinerantes ou publicacións propias”. Na sinatura do convenio de doazón, amais do alcalde e do artista, estivo tamén presente o concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá.
27-12-2021

A exposición de Viñetas do Camiño amósase dende hoxe a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío

A mostra recolle vinte e catro ilustracións, realizadas polos doce artistas que participaron na “Andaina debuxada” do pasado mes de xuño e que se expuxeron ao longo dos últimos meses en distintos puntos do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Ferrolterra. Unha vez finalizada a mostra orixinal, o Concello de Fene acordou reunir os cubos nos que se amosan os debuxos nun espazo céntrico para que a veciñanza poida gozar das creacións de artistas da talla de Xaquín Marín, Beatriz Seijo, Hugo Feal, Laura Bouza, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Carme Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho, Dulce Anca e Juanma Rubio Lozano. A exposición manterase nesta  nova localización, a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío, até finais do mes de marzo.