Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
01-02-2022

Moxom doa ao Museo do Humor unha das esculturas da exposición De boas madeiras

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o escultor Xosé Manuel Rodríguez “Moxom” asinaron este luns o convenio de doazón polo que o artista ourensán doa ao Museo do Humor de Fene unha das pezas que formaron parte da exposición “De boas madeiras”, que se puido ver na Casa da Cultura ao longo do mes de xaneiro. Trátase da peza titulada “Fifi”, realizada en madeira de piñeiro e pintada con pinturas plásticas e acrílicas. As suas medidas son: 73 x 53 x 193 cm. Segundo se recolle no documento asinado por ámbalas dúas partes, a obra “pasará a formar parte dos fondos do Museo do Humor, podendo exhibirse nas súas dependencias, en mostras itinerantes ou publicacións propias”. Na sinatura do convenio de doazón, amais do alcalde e do artista, estivo tamén presente o concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá.
27-12-2021

A exposición de Viñetas do Camiño amósase dende hoxe a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío

A mostra recolle vinte e catro ilustracións, realizadas polos doce artistas que participaron na “Andaina debuxada” do pasado mes de xuño e que se expuxeron ao longo dos últimos meses en distintos puntos do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Ferrolterra. Unha vez finalizada a mostra orixinal, o Concello de Fene acordou reunir os cubos nos que se amosan os debuxos nun espazo céntrico para que a veciñanza poida gozar das creacións de artistas da talla de Xaquín Marín, Beatriz Seijo, Hugo Feal, Laura Bouza, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Carme Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho, Dulce Anca e Juanma Rubio Lozano. A exposición manterase nesta  nova localización, a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío, até finais do mes de marzo.
29-11-2021

Catro médicos por Fene, a exposición colectiva de Pablo Galego, Xesús Vázquez, Tino Cuesta e Leopoldo García amosarase durante o mes de decembro

A Casa da Cultura de Fene acolle este venres, 3 de decembro, ás 19 horas, a inauguración da mostra de pintura “Catro médicos por Fene”,  cunha selección de obras de Pablo Galego, Xesús Vázquez, Tino Cuesta e Leopoldo García. A exposición poderá visitarse nesta instalación municipal até o 30 de decembro en horario: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas. A partir do 23 de decembro (inclusive) o horario será: de luns a venres, de 10 a 14.15 horas.
15-11-2021

Avelino González pecha este venres o Novembro, mes do humor, do Museo do Humor de Fene

Xa esta aberto o prazo de reserva de invitacións para o espectáculo Contos que foron chistes que o monologuista e actor Avelino González ofrecerá este venres, 19 de novembro, a partir das 20.00 na Casa da Cultura de Fene. A función encádrase no Novembro, mes do Humor que a Concellería de Cultura está a desenvolver ao redor da conmemoración do aniversario do Museo do Humor. O ciclo, que comezou o pasado 5 de novembro con Duarte Galbán e continuou o día 12 con Marita Martínez, pecha esta semana con Avelino González sobre o escenario. A función será con entrada de balde e aforo limitado. Reserva de entradas a través do correo cultura.deportes@fene.gal, por whatsapp 607 625 357 ou no teléfono 981 340 366, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un teléfono de contacto.
09-11-2021

A monologuista e actriz Marita Martínez protagoniza a segunda función do Novembro, mes do humor

Quéroche un conto, é o título do espectáculo que a monologuista e actriz Marita Martínez presentará este venres, 12 de novembro, a partir das 20.00 na Casa da Cultura de Fene. A función encádrase no Novembro, mes do Humor que a Concellería de Cultura organiza ao redor da conmemoración do aniversario do Museo do Humor. O ciclo comezou o pasado venres con Duarte Galbán e, trala función desta semana, concluirá o venres 19 de novembro con Avelino González sobre o escenario. Todas as función son con entrada de balde e aforo limitado. Reserva de entradas a través do correo cultura.deportes@fene.gal, por whatsapp 607 625 357 ou no teléfono 981 340 366, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un teléfono de contacto.
25-10-2021

Volve o Novembro, Mes do Humor ao Museo do Humor de Fene

Duarte  Galván,  Marita  Martínez  e  Avelino  González  serán  os  protagonistas dunha nova edición do ciclo de monólogos que a Concellería de Cultura de Fene organiza para conmemorar o aniversario do Museo do Humor (inaugurado o 24 de novembro de 1984). O Novembro, mes do humor botará a andar o venres 5 de novembro con Duarte Galbán e o espectáculo Vello aos vinte e pico. O día 12 actuará Marita Martínez e o 19 de novembro pechará o ciclo con Avelino González. Todas as funcións serán ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada balde pero con aforo limitado. Reserva de entradas a través do correo cultura.deportes@fene.gal,  por  whatsapp  607  625  357  ou  no  teléfono  981  340 366, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un teléfono de contacto.  
05-10-2021

Exposición do pintor J.M. Pereiro na Casa da Cultura de Fene

A Casa da Cultura de Fene acollerá durante o mes de outubro unha exposición de óleos do pintor fenés J.M. Pereiro. A mostra inaugúrase este venres, 8 de outubro, ás 19.30 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura (Avda. De Conces, 20-22) e poderá visitarse ata o vindeiro día 30. Horario de visitas: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Domingos e festivos, pechado.
07-02-2023

O Concello de Fene abre o prazo para participar no XXVII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”

Os orixinais poderán presentarse até as 23.59 horas do vindeiro 31 de maio

Trala publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia do martes 7 de febreiro, o Concello de Fene informa da apertura do prazo para presentar obras a unha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor Xaquín Marín. As persoas interesadas en participar poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón José Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña) até o vindeiro 31 de maio. Como principal novidade, nesta edición, os Premios Curuxa inclúen una nova categoría, amais da "Curuxa", para maiores de 25 anos, e da "Curuxa Nova", para persoas de 16 a 25 anos. Trátase da categoría “Caricatura” na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos.
26-07-2021

A exposición de Viñetas do Camiño recolle unha ollada patrimonial ao Camiño Inglés en Ferrolterra

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, inaugurou a exposición que recolle as obras realizadas polos artistas que participaron na “Andaina Debuxada” que se desenvolveu os días 12 e 13 de xuño dentro do proxecto “Viñetas do Camiño”, incluído no programa O Teu Xacobeo 21. O acto tivo lugar nas inmediacións do concello fenés, preto do río Cádavo, lugar onde quedou emprazado un dos seis cubos que compoñen esta mostra ao aire libre. Xunto con el, participaron na cerimonia a xefa territorial na Coruña da Vicepresidencia Primeira da Xunta, María Barreiro Lázare, así como os concelleiros de Cultura, Justo Martínez, e a de Turismo, Ana Basoa; e Calros Silvar, en representación dos artistas.
22-07-2021

As obras realizadas co gallo da andaina debuxada poderán visitarse dende mañá venres

O froito creativo de “Viñetas do Camiño” materializarase na xornada de mañá venres nunha exposición ao aire libre que recollerá os vinte e catro debuxos realizados pola ducia de artistas que participaron na “Andaina Debuxada” dos días 12 e 13 de xuño, no marco do proxecto promovido polo Concello de Fene no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.