14-11-2023
14-11-2023
Continúa o “Novembro, mes do humor” no Museo do Humor Xaquín Marín. Tralas citas con David Perdomo e Oswaldo Digón, o ciclo organizado ao redor do aniversario do museo fenés anuncia este venres, 17 de novembro, ao humorista ISI cun espectáculo titulado “Ponte con monadas”. A función comezarán ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural)
07-11-2023
07-11-2023
“Ansia viva”, é o título do espectáculo que o monologuista e actor Oswaldo Digón presenta este venres, 10 de novembro, no ciclo “Novembro, mes do Humor” que o Museo do Humor Xaquín Marín organiza ao redor do seu aniversario. A función comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde aínda que, para asistir, será preciso recoller previamente invitacións - até un máximo de dúas por persoa- na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo venres a partir das 19 horas (aforo limitado). O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural)
31-10-2023
31-10-2023
O humorista David Perdomo abre este venres o "Novembro, mes do humor" do Museo do humor Xaquín Marín
Con este ciclo, o museo fenés conmemora o 39º aniversario da súa inauguración, o 25 de novembro de 1984
Catro espectáculos para público adulto co mellorciño do humor galego protagonizarán as tardes-noites dos venres ao longo do mes de novembro no Concello de Fene. Este venres, coincidindo coa entrega dos Premios Curuxa 2023 dá comezo o ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” co que o Museo do Humor Xaquín Marín conmemora o seu aniversario. Todos os espectáculos comezarán ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo día da función a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural)
30-10-2023
30-10-2023
Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2023, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 3 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Borja Ramón López Cotelo (coñecido artísticamente como “El primo Ramón”), Iván Mouronte Barreiro e Lucía Rodríguez Cid recibirán da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.
23-10-2023
23-10-2023
Este venres 27 de outubro clausúrase no museo fenés a exposición “40º aniversario da revista Can sen dono”, promovida polo Museo do Humor Xaquín Marín e a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Biblioteca de Galicia - Xunta de Galicia. O programa contempla unha visita guiada á mostra, ás 18 horas, e unha charla, ás 20 horas, sobre os fanzines dos anos oitenta, xa que Can sen dono aparece en Galicia en plena efervescencia de fanzines e follas voandeiras como Fat City, El patito feo, Bitácora 43 ou O ollaparo. A conferencia correrá a cargo da profesora e escritora Rosa Cal, autora da tese doutoral “La prensa alternativa en la zona no urbana de Galicia (1975-1984)” e tamén contará coa participación do comisario da mostra, Paco Oti, e da actriz Mabel Rivera, promotores nos anos oitenta dun fanzine no seo da factoría fenesa Astano. Ambas as dúas actividades seran con entrada libre e de balde.
06-09-2023
06-09-2023
A finais de 1982, na contorna do Primeiro Seminario Galego do Humor, celebrado no Museo Carlos Maside de Sada, e baixo o acubillo de Isaac Díaz Pardo, un grupo de debuxantes de Vigo presentaba o proxecto editorial dunha revista galega de humor que se ía denominar “Can sen dono”. A publicación foi unha realidade en 1983, ano no que ve a luz o seu número cero, coa dirección de Pepe Carreiro, coordinación de Gogue e edición de Antón Mascato. Desde esta data ate 1989 (e con 23 números publicados e catro extraordinarios), máis de medio cento de humoristas gráficos e tamén algúns humoristas literarios chegaron a participar nesta revista satírica galega que agora, corenta anos despois, o Museo do Humor Xaquín Marín se dispón a homenaxear. Este venres 8 de setembro, ás 20 horas, inaugúrase a exposición “40º aniversario da revista Can sen dono”, promovida polo museo e a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Biblioteca de Galicia (Xunta de Galicia).
19-07-2023
19-07-2023
Tralo repintado do mural “Todos metidos nun bote” (Avda. das Pías), que a Concellería de Cultura promoveu hai un ano no marco das actividades ao redor da exposición antolóxica “Volta á orixe”, un grupo de usuarios/as do Centro Ocupacional de Aspaneps de Fene traballa estes días na recuperación doutro mural da Xaquín Marín, o que se amosa na fachada da Casa do Concello. Trátase dunha obra alusiva ao desarme e en favor da paz. O mural foi pintado orixinalmente no ano 1983, coincidindo coa declaración do termo municipal como “zona desnuclearizada”, o que significaba a “prohibición de autorización para instalación de enxeños nucleares, tanto bélicos como xeradores de enerxía, así como impedir o paso de camións con pezas para estas instalacións”. A actuación sobre este mural esta previsto que remate antes de finais de mes.
06-07-2023
06-07-2023
Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mércores, 5 de xullo, no Museo do Humor Xaquín Marín, o xurado do XXVII concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón”, o primeiro premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos), a Lucía Rodríguez Cid o primeiro premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos) e a Iván Mouronte Barreiro o 1º premio na recén estreada categoría Caricatura (para maiores de 16 anos). Ademais, resultaron finalistas do certame Manuel Arriaga de León (Curuxa), Adrián Jamardo Fernández (Curuxa Nova) e Iván Mata Tamayo (Caricatura). E reciben mención especial polos seus traballos os debuxantes Carles Ponsí Dalfó (Curuxa) e Asier Sanz Nieto (Caricatura). O xurado estivo integrado, ademais de polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá; pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos Santy Gutiérrez, Manuel A. Vázquez Búa (gañador do 2º premio Curuxa 2022) e Pedro Bouza Bernárdez (gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022).
04-07-2023
04-07-2023
O humorista gráfico Santy Gutierrez, o gañador do 2º premio Curuxa 2022, Manuel Alejandro Vázquez Búa, e o gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022, Pedro Bouza Bernárdez, forman parte do xurado do XXVII Concurso de Humor Gráfico “Premios Curuxa 2023” que se reunirá este mércores, 5 de xullo, ás 12 horas no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. Tal e como se establece nas bases do certame, completarán o xurado o alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable do museo fenés, Almudena Marcos (que actuará como secretaria).
27-06-2023
27-06-2023
Vinte e tres proxectos expositivos compoñen a mostra do laboratorio de creación artística Laudas Calamity que se inaugura este venres, 30 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín. A exposición ten como obxectivo “sensibilizar aos novos públicos sobre os trastornos mentais, un tema difícil e doloroso sobre o que aínda existen moitos medos, tabús, estigmas...”. Ao redor da mostra, que poderá visitarse até o vindeiro 16 de agosto, a responsable do Laboratorio, Laura Bouza, anuncia unha charla sobre a “Arte e trastornos mentais” a cargo do profesor de Estética e Teoría das Artes da Universidade de Vigo, Alberto Ruiz de Samaniego. A conferencia será o venres 14 de xullo ás 12 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada libre.