Dixomedíxomes
O vindeiro luns, 29 de abril, pecha ao público a exposición Auga, terra, aire e lume, do alumnado da escola de cerámica que dirixe en Fene Carme Romero, no seo da asociación Cerámica e máis. Ao longo desta semana a mostra aínda pode visitarse na Casa da Cultura de Fene en horario: de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado, de 10.00 a 13.00 horas. “Pezas de cerámica realizadas ao xeito tradicional pero cunha visión actual” forman esta colección coa que nos mergullamos, en palabras de Carme Romero “na nosa cultura para crear pezas, figuras que nos representen, arte do pobo contemporánea; barro de Buño, da terra, decorado con engobes, barro sobre barro coas cores da terra e ás veces, brillos que espertan as cores”.
Na recta final do prazo estipulado para a presentación de debuxos, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial avanzan as datas nas que se reunirá o xurado e se dará a coñecer o fallo do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno. A coordinadora do museo fenés, Almudena Marcos, o responsable da editorial coruñesa, Manel Cráneo, e os debuxantes Inés Vázquez e Víctor Boullón formarán o xurado desta segunda edición do certame que convocan o Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura, e Demo Editorial.
Auga, terra, aire e lume. É o título da exposición que se inaugura este venres, 8 de marzo, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Fene. A mostra inclúe unha colección de pezas elaboradas polo alumnado da escola que dirixe a ceramista Carme Romero no seo da asociación Cerámica e Máis de Fene. Tralo acto deste venres, que será aberto ao público en xeral, a exposición poderá visitarse até o 29 de abril en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas (domingos e festivos, pechado). Durante a Semana Santa, o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas (sábados, domingos e festivos, pechado).