Dixomedíxomes
Catro espectáculos para público adulto co mellorciño do humor galego protagonizarán as tardes-noites dos venres ao longo do mes de novembro no Concello de Fene. Este venres, coincidindo coa entrega dos Premios Curuxa 2024 dá comezo o ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” co que o Museo do Humor Xaquín Marín conmemora o seu aniversario. Todos os espectáculos comezarán ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo día da función a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
Coa entrega dos premios Curuxa 2024, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 8 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Adrián Dopico López, Lucas Sixto Carballeira e Iván Mata Tamayo recibirán da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, os representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.
Quince humoristas gráficos de recoñecido prestixio internacional participan na exposición O Olimpo da Caricatura que se inaugurará o vindeiro mércores, 11 de setembro, ás 19 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín. A mostra recolle unha selección de obras dos que, a xuizo do humorista gráfico e fundador do museo fenés Xaquín Marín, son “os mellores caricaturistas a nivel mundial” e ten como obxectivo “ensinar no meu país e en todo o mundo que o debuxo de humor pode ser unha arte tan sublime como outras que sempre foron mellor valoradas”.