Novas

21-07-2023

Acto institucional e concerto coas bandas de gaitas Airiños de Fene e a de Ortigueira para festexar o 25 de xullo

O ciclo Xullo, mes da Patria pecha este sábado 22 de xullo cun programa que arrincará ás 13 horas no parque liñal do río Cádavo, coa lectura da Declaración Institucional polo Día da Patria a cargo da exconcelleira e exdeputada provincial Ana Santiago e cunha ofrenda floral. Pola noite, ás 21 horas subirán ao escenario da Praza do alcalde Ramón J. Souto González Airiños de Fene e a Banda de Gaitas de Ortigueira. Dúas citas con entrada libre e de balde ás que, dende o Goberno Municipal de Fene, animan a participar a toda a veciñanza de Fene e bisbarra.
20-07-2023

Concertos de Ataque Escampe e Familia Caamagno na Praza do alcalde Ramón J. Souto González

Este venres 21 de xullo, ás 21 horas, será o segundo dos grandes concertos do ciclo Xullo, mes da Patria deste ano. Tralo paso por Fene de Trikitrí e Fillas de Cassandra (xoves 20 ás 21 horas) nesta ocasión subirán ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González os grupos Ataque Escampe e Familia Caamagno. Entrada libre e de balde. Organiza: Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
19-07-2023

O ciclo Xullo, mes da Patria continúa este xoves cos concertos de Trikitrí e Fillas de Cassandra

Os feneses Trikitrí, gañadores en 2022 do Certame Runas do Festival de Ortigueira, e Fillas de Cassandra, dúo vigués e unha das formacións de música galega con máis proxección nestes intres, actúan este xoves 20 de xullo, ás 21 horas, na praza do alcalde Ramón J. Souto González, a carón da Casa do Concello de Fene. O concerto encádrase no ciclo “Xullo, mes da Patria”e a entrada será libre e de balde. Organiza: Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
17-07-2023

Concertos e acto institucional na derradeira semana do ciclo Xullo, mes da Patria no Concello de Fene

Tralo éxito do espectáculo Aquí tou!, que o monologuista e actor Xosé Antonio Touriñán presentou en Fene este sábado, o ciclo “Xullo, mes da Patria” continúa esta semana cos concertos de Trikitrí e Fillas de Cassandra, o xoves 20 de xullo ás 21 horas, e Ataque Escampe e Familia Caamagno, o venres 21 de xullo ás 21 horas. O programa concluirá o sábado 22 coa lectura, ás 13 horas, da declaración institucional polo Día da Patria Galega e cun concerto ás 21 horas de Airiños de Fene e da Banda de Gaitas de Ortigueira. Todas as actividades serán -con entrada libre e de balde- na praza do alcalde Ramón José Souto González, agás o acto institucional que se fará, coma sempre, a carón do monumento Día da Patria Galega, no parque liñal do río Cádavo.
13-07-2023

Alberto Ruíz de Samaniego fala este venres en Fene sobre arte e trastornos mentais

No marco da IV exposición do alumnado do laboratorio de creación artística Laudas Calamity que se amosa este verán no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene, o profesor de Estética e Teoría das Artes da Universidade de Vigo, Alberto Ruiz de Samaniego, impartirá este venres unha conferencia sobre “Arte e trastornos mentais”. A charla será ás 12 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada libre.
12-07-2023

Cambio de ubicación do espectáculo de Fantoches Baj previsto para este venres

Por mor das previsións meteorolóxicas que anuncian choiva para os vindeiros días, a Concellería de Cultura de Fene anuncia que o espectáculo infantil “Chulises e o velocíclope”, de Fantoches Baj, representarase o venres 14 de xullo na praza do alcalde Ramón J. Souto González (baixo carpa), a carón da Casa do Concello (e non en San Valentín como estaba previsto inicialmente). A cita será a partir das 21.00 horas con entrada libre e de balde.
10-07-2023

O Xullo, mes da Patria continúa esta semana co certame de Habaneras e os espectáculos de Fantoches Baj e Touriñán

A rondalla Perla do Río, do CCRD de Perlío, Estrelecer, do CMI Unidade de Fene, e as corais polifónicas da ACRD o Pote de Maniños e da SCRD Agarimo de Sillobre, xunto co Tradicoro da Asociación Airiños de Fene subirán este xoves, 13 de xullo, ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González nunha nova edición do Festival de Habaneras e Canto Coral. O certame, organizado pola Concellería de Cultura no marco do ciclo “Xullo, mes da Patria”, comezará ás 20.30 horas na carpa instalada a carón da Casa do Concello. Entrada libre e de balde.
04-07-2023

O humorista Xosé Touriñán actuará na Praza do alcalde Ramón J. Souto González o sábado 15 no marco do ciclo Xullo, mes da Patria

O vindeiro luns, 10 de xullo, ás 10.00 horas, comezará na Casa da Cultura de Fene (Avda. De Conces, 20-22) o reparto de invitacións para asistir ao espectáculo “Aquí tou!” que o actor e monologuista Xose Touriñán presentará en Fene o sábado 15, organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural). Entregaranse un máximo de 3 entradas por persoa ata esgotar as localidades dispoñibles. Dende a Concellería de Cultura lembran que a función, prevista para o día 15 de xullo, ás 22 horas, na Praza do alcalde Ramón José Souto González -a carón da Casa do Concello- está recomendada para público adulto.
03-07-2023

O ciclo Xullo, Mes da Patria inaugúrase este venres cunha festa infantil a carón da Casa do Concello

A Praza do alcalde Ramón José Souto González será o escenario este venres, 7 de xullo, da primeira actividade do ciclo que engloba toda a programación organizada pola Concellería de Cultura ao redor da conmemoración do 25 de xullo, Día da Patria Galega. A festa infantil, a cargo de La Guagua, desenvolverase desde as 18 até as 21 horas e incluirá xogos acuáticos, festa da escuma, batallas con pó de cores, música, xogos xigantes, camas elásticas e inchables de auga. A entrada será libre e de balde. 
29-06-2023

O Concello de Fene leva o circo de rúa de Kote Malabar á Romaría do Camiñante

A tradicional Romaría do Camiñante que organiza a Liga de Amigos de Barallobre celébrase este sábado, 1 de xullo. Como complemento aos actos programados pola sociedade fenesa, a Concellería de Cultura anuncia un espectáculo de circo de rúa a cargo de Kote Malabar. A función comezará ás 20 horas nos arredores do local da Liga de Amigos, con entrada libre e de balde.