Novas

10-04-2025

Cincocentos judocas de toda Galicia participarán esta fin de semana en Fene na quinta xornada da Liga Galicia Rías Altas

O pavillón da Xunqueira (San Valentín) acollerá este sábado a quinta e última xornada da Liga Galicia Rías Altas de judo, coa participación duns cincocentos judocas de categorías desde benxamín a absoluta.
A competición comezará pola categoría senior, a única que se fai por equipos, disputándose o playoff polo título e o playoff do sexto ao décimo primeiro posto. Nas demais categorías a competición será individual, por pesos e xénero. Para a categoría cadete, a competición comezará ás 11.45 horas, seguida da infantil ás 13.45 horas, a alevín ás 15.45 horas e a benxamín, que será a última en competir, a partir das 17.30 horas.
07-04-2025

O Atletismo Divertido reunirá esta semana nas pistas do Pazo de Barallobre a seiscentos escolares de Fene

A Concellería de Deportes de Fene ultima os preparativos dunha nova edición das xornadas de “Atletismo divertido – Xogando co atletismo” nas que participará durante a xornada do mércores 9 de abril o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria, e o xoves 10 de abril, o alumnado de 1º, 2º e 3º de EP dos centros de ensino de Fene. O obxectivo destas xornadas, que teñen unha base lúdica e deportiva, é que a rapazada coñeza as diferentes modalidades deste deporte e realice actividade física de xeito divertido e non competitivo. Por iso, non se tomarán anotacións das marcas ou tempos realizados e as nenas e nenos irán participando de xeito simultáneo nas diferentes probas.
20-03-2025

Fin de semana de hip hop e baile deportivo en Fene

O pavillón da Xunqueira de San Valentín acollerá esta fin de semana o Hip Hop Galician Dance Tour e o XII Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene, dous eventos que reunirán en Fene nas xornadas do sábado 22 e domingo 23 de marzo a máis de mil deportistas.
O Hip Hop Galician Dance Tour – Liga Galega Xunta de Galicia de Hip Hop celebrarase o sábado, en xornada de tarde, de 14.00 a 21.00 horas, e o custe das entradas será de 10 € (agás para os/as menores de 12 anos que será de balde). En canto ao XII Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene, o horario da competición será o domingo, de 11.00 a 20.00 horas, e o custe das entradas será de 9 € (agás para os/as menores de 12 anos que non terán que pagar).
26-12-2024

Xornada de bautismo de mergullo solidario na piscina municipal

A Concellería de Deportes de Fene colabora co Club de Actividades Subacuáticas Nautilus na organización dunha xornada de “Bautismo de mergullo solidario”. Terá lugar o venres 27 de decembro, de 16.45 a 19.00 horas, na piscina municipal de Centieiras e vai dirixida a nenos/as (a partir de 6 anos) ou persoas adultas (sen límite de idade) que saiban nadar. Ademais, será de balde. O único requisito para participar é aportar un xoguete novo ou de segunda man en bo estado, que se entregará na piscina o día da actividade. Os asistentes deberán levar á Piscina, o mesmo día do bautismo, un xoguete novo ou en bo estado, así como o material necesario para realizar a actividade: bañador, chanclas, gorro de baño e camiseta de licra ou similar para estar na auga. Para inscribirse na xornada de Bautismo de Mergullo Solidario, cómpre chamar ao departamento de deportes no 981 340 366 ou no Pavillón A Xunqueira até mañá ás 14.00 h.
12-12-2024

Abertas as inscricións na “X San Silvestre Concello de Fene”

A proba terá lugar o día 28 de decembro de 2024 a partir das 17:00 horas. A saída e meta estarán situadas na Avenida do Mar ( diante do pavillón da Xunqueira). A proba está aberta a tódolos atletas, federados ou non.
05-12-2024

O martes día 10 abre o prazo de inscrición nas actividades deportivas deste Nadal

De cara o Nadal, o Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, anuncia os prazos de inscrición nas actividades deportivas programadas: campanadal, patinaxe, xogos acuáticos en familia, Carreira San Silvestre e bautismo de mergullo solidario.

A inscrición debe formalizarse nas dependencias administrativas do Pavillón A Xunqueira dende o día 10 ata o día 19.
26-11-2024

Fene homenaxea este sábado aos mellores deportistas da tempada 2023-24

“Reunir ás persoas e entidades do deporte fenés ao redor dun día de festa no que salientar o labor de quen contribúen a desenvolver e ampliar a práctica deportiva no noso Concello” é o principal obxectivo do evento que a Concellería de Deportes de Fene está a organizar para este sábado, 30 de novembro, ás 20 horas, no pavillón da Xunqueira de San Valentín. Nesta IV Gala do Deporte están convocados ao redor de 150 deportistas de Fene ou de clubs de Fene que salientan, en palabras do concelleiro de Deportes, Adán Chao, polo seu “esforzo, dedicación, entrega e, en definitiva, polos valores que transmiten a través do deporte”. As persoas que queiran asistir ao acto e arroupar aos deportistas feneses poderán facelo porque a entrada será libre e gratuíta.
11-11-2024

Abre o prazo de preinscrición para a Campaña da Neve da Deputación da Coruña

Sete nenos ou nenas de Fene poderán disfrutar dende o día 24 ata o 27 de xaneiro de 2025 da experiencia de participar na “Campaña da Neve” da Deputación da Coruña.
Poderán solicitar a participación nesta actividade rapaces e rapazas de 11 a 15 anos inclusive, cumpridos a 31 de decembro de 2024. 
Até o 2 de decembro estará aberto o prazo para facer as preinscricións da rapazada empadroada en Fene que estea interesada en participar na Campaña. A solicitude de participación presentarase presencial ou telematicamente no Rexistro Xeral do Concello de Fene.
 
29-10-2024

A Concellería de Deportes amplía ata o 10 de novembro o prazo para o envío de información relativa a IV Gala do Deporte.

Tal e como vimos informando, o Concello de Fene publicou recentemente as bases que rexen a organización dunha nova edición da Gala do Deporte,  que se celebrará o día 30 de novembro. Evento co que se pretende “reunir ás persoas e entidades do deporte fenés ao redor dun día de festa no que salientar o labor de quen contribúen a desenvolver e ampliar a práctica deportiva no noso Concello”. Recoñécese, deste xeito, o seu traballo e traxectorias deportivas relevantes no ano ou tempada 2023-4. Poden optar tanto as persoas físicas, clubs deportivos como as entidades do municipio que cumpran os requisitos establecidos en cada unha das categorías. 
A concellería de Deportes  consciente da necesidade de ampliación  de prazo, informa que poderemos enviar a información até ás 23.59 h do 10 de novembro. Lembrándonos ademais da  dirección de correo electrónico habilitada para elo: deportes.fene@gmail.com.
18-10-2024

O pavillón da Xunqueira acolle este sábado o Campionato Xunta de Galicia de Judo categoría absoluta

Ao redor de 180 judokas, nados entre os anos 2009 e 2003 e anteriores, tomarán parte este sábado, a partir das 16 horas, no Campionato Xunta de Galicia de Judo categoría absoluta que organizan a Federación Galega de Judo e o Club Artes Marciais Fene coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene.