Novas

23-05-2022

Fene acolle esta fin de semana o Campionato Galego Escolar de Ximnasia Artística

Ao redor dun milleiro de ximnastas participarán entre o sábado 28 e o domingo 29 de maio no Campionato Galego Escolar de Ximnasia Artística que se desenvolverá no pavillón A Xunqueira de San Valentín. O certame volve a Fene, onde xa se celebrara en 2018, e contará coa participación de ximnastas dos clubs Ximnasia Artística Ferrolterra, Escola Ximnasia Ferrolterra, Tempo, Ximnasia Coruña e BayoSil. A maioría das participantes serán nenas aínda que tamén haberá competición na modalidade de ximnasia artística masculina.
09-05-2022

A XXVII Milla escolar reuniu en San Valentín a preto de 600 nenas e nenos

Logo de dous anos de paréntese por mor da pandemia, a Concellería de Deportes de Fene retomou este domingo a súa “Milla Escolar” cunha das participacións máis elevadas das últimas edicións. Ao redor de 600 nenos e nenas de 3 a 16 anos tomaron parte nesta proba coa que se pretende fomentar a práctica do atletismo e os hábitos de vida saudables entre a mocidade. O alcalde de Fene, Juventino Trigo, a concelleira de Deportes, Ángeles Coira e varios membros da Corporación Municipal achegáronse a San Valentín e participaron na entrega de medallas (que recibiron todos os/as participantes) e de trofeos, aos tres primeiros/as clasificados/as das categorías cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín.
29-04-2022

O Concello de Fene organiza para o domingo 8 de maio a súa XXVII Milla Escolar

A Concellería de Deportes abre o prazo de inscrición para a XXVII Milla Escolar que se desenvolverá o domingo 8 de maio na Avenida do Mar de San Valentín, a carón do pavillón da Xunqueira. Poderán participar nenos/as de 3 a 16 anos. As carreiras comezarán ás 11:00 horas e concluirán sobre as 12:30 horas, sendo os primeiros participantes os rapaces/as das categorías superiores (Cadetes) e os últimos os da categoría Prebiberón 1. No caso de mal tempo, a proba trasladarase ao interior do pavillón polideportivo da Xunqueira.
21-04-2022

A Concellería de Deportes organiza as xornadas "Xogando co atletismo"

Ao redor de cincocentos rapaces e rapazas de 1º a 6º de primaria dos colexios O Ramo, Centieiras e Jorge Juan tomará parte a vindeira semana nas xornadas "Xogando co atletismo" que organiza a Concellería de Deportes de Fene. A actividade desenvolverase entre os días 25 (luns), 27 (mércores) e 28 (xoves) de abril nas pistas de atletismo do Pazo, en Barallobre. No caso de choiva, trasladarase ao pavillón do colexio O Ramo. "Xogando co atletismo" é unha xornada deportiva na que se realizarán diversas probas nun circuíto continuo, de xeito que todo o alumnado participe simultaneamente nas diferentes actividades.
20-04-2022

Aberto o prazo dos campamentos deportivos de verán da Deputación da Coruña

Dirixido á rapazada, o programa contará con diversas actividades deportivas e culturais do  26 de xuño ao 1 de xullo, no IES Rosalía Mera na Coruña.

Fene conta con 6 prazas , as persoas interesadas poderán anotarse ata o 20 de maio no departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene. 
14-02-2022

O judo galego volve á normalidade en Fene

Máis de 500 judocas participaron esta fin de semana en Fene na segunda xornada da Liga Galicia Rías Altas, nas categorías cadete, infantil e alevín, e nunha nova xornada de Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), actividades que se complementaron cunha charla sobre as novas normas de arbitraxe en judo e cunha master class, dirixida polo deportista olímpico Roberto Naveira. Logo dunha fin de semana tan intensa no pavillón de San Valentín, os organizadores -Concellería de Deportes de Fene, Club Artes Marciais Fene e AD Judo Ferrolterra- salientan que “o judo galego comeza a recuperar a normalidade nas súas actividades”.
09-02-2022

Novo grupo de educación física contra a fatiga oncolóxica

O Concello de Fene abrirá un novo grupo da actividade de Educación física contra a fatiga oncolóxica, destinado a persoas que pasaran a enfermidade recentemente ou que se atopen actualmente en tratamento. A actividade desenvolverase no pavillón da Xunqueira, en San Valentín, os luns e mércores de 17:00 a 18:30 horas.
Trátase dunha actividade de intensidade suave a moderada, que trata de axustarse en tódolos casos ás características e posibilidades de cada persoa. Baséase nos contidos propios da Educación Física, así como tamén exercicio cardiovascular, mobilidade articular, estiramentos, relaxación, respiración, forza a nivel funcional, equilibrio, coordinación,... empregando para tal fin os exercicios físicos e os métodos máis aconsellables para cada persoa.
 
08-02-2022

O judo galego dase cita en Fene

Coa celebración da segunda xornada da Liga Galega Rías Altas de Judo botará a andar este sábado no pavillón da Xunqueira de San Valentín unha intensa fin de semana adicada a este deporte. Serán dous días, o sábado 12 e o domingo 13 de febreiro, nos que confluirán distintas actividades como a segunda xornada da Liga Galega Rías Altas de judo, unha charla sobre as novas normas de arbitraxe, unha master class cun judoka olímpico ou unha nova xornada de Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar). As actividades están organizadas pola Concellería de Deportes de Fene, Club Artes Marciais Fene e AD Judo Ferrolterra. Entrada libre até completar o aforo.
27-01-2022

Fene converterase o sábado e o domingo na capital mundial do baile deportivo

O pavillón municipal da Xunqueira vivirá este sábado e domingo dúas xornadas moi intensas. Alí daranse cita cerca de 500 bailarinas e bailaríns  procedentes de 26 países no que será un dos eventos de baile deportivo estándar e latino de maior relevancia de cantos se teñen celebrado no Estado. E non é para menos, xa que a Dance Sport Cup Fene 2022 reunirá en San Valentín "ao mellor do mellor" destas disciplinas nun encontro con probas desde a categoría Junior até a Senior 4 (+de 60 anos). Ademais, no marco desta copa tamén se desenvolverán as series clasificatorias europeas de baile deportivo latino para obter o pase  aos Xogos Mundiais que terán lugar nos Estados Unidos no mes de xullo. As entradas poden adquirirse a través desta ligazón e a competición poderá seguirse por internet a través de LaLiga4 Sports e nas canles da Federación Española e da Federación Mundial de baile deportivo.
16-12-2021

Prazas libres no Campanadal, patinaxe e no curso guateo e pateo

O Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, lembra que o mércores 22 de decembro remata o prazo de inscrición na  oferta de actividades deportivas programadas de cara o Nadal.

Aínda quedan prazas vacantes no Campanadal, nos cursos de patinaxe e máis no curso de guanteo e pateo. A inscrición debe formalizarse nas dependencias administrativas do departamento de deportes (avenida naturais 44)  ata o día 22. As persoas interesadas deberán de  solicitar cita previa no Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene no teléfono 981 340 366. De luns a venres: De 8:00 a 14:00 horas.