O domingo 7 de xuño é a data escollida pola Concellería de Deportes de Fene para a celebración da III Milla Popular Interxeracional Concello de Fene, proba aberta a persoas de todas as idades, federadas ou non, tanto de Fene coma doutros concellos. As carreiras comezarán as 11.00 horas na Avenida do Mar de San Valentín aínda que, no caso de choiva, as de categorías escolares (desde prebiberón 1, aula de 3 anos, ata cadete, aulas de 3º e 4º da ESO) trasladaranse ao pavillón da Xunqueira, manténdose o resto de carreiras no circuito exterior (categorías sub 23, Senior e Máster). Ao igual que na pasada edición, as persoas participantes das categorías infantís ata benxamín (Prebiberón 1, Prebiberón 2, Biberón, Prebenxamín e Benxamín) poderán correr acompañadas dunha persoa adulta.
As inscricións son de balde e poderán formalizarse desde o luns 27 de abril, até as 13 horas do día 2 de xuño: presencialmente, no Departamento de Cultura e Deportes, en Avda. Naturais, núm. 44, entrechán, Fene; por correo electrónico, enviando a ficha de inscrición que figura na páxina web do Concello www.fene.gal a cultura.deportes@fene.gal; e, no caso dos centros de ensino, enviando a relación de alumnado participante ao correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou entregando o listado presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes. Tamén se recollerán inscricións individuais o sábado día 6 de xuño, de 10.30 a 13.30 horas, e o mesmo día da carreira de 9:30 a 10:30 horas.