Novas

08-07-2025 -

O Museo do Humor Xaquín Marín dará a coñecer este venres as obras gañadoras dos Premios Curuxa 2025

O Museo do Humor Xaquín Marín anuncia que este venres está prevista a xuntanza o xurado do concurso de humor gráfico e caricatura Premios Curuxa 2025. O humorista grafico David Pintor (Pinto&Chinto) e os gañadores da Curuxa´24, Adrián Dopico, e da Curuxa Nova´24, Lucas Sixto Carballeira, forman parte do xurado que se completa nesta XXVIII edición do certame coa alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable do museo fenés, Almudena Marcos (que actuará en calidade de secretaria do concurso). O xurado reunirase o venres 11, ás 12.00 horas, no propio museo para avaliar as obras presentadas e, ao longo da tarde, darase a coñecer o fallo a través da páxina web e redes sociais do Concello de Fene e Museo do Humor Xaquín Marín.
08-07-2025 -

Humor con Federico Pérez e concertos de Ulex e De ninghures no ciclo Xullo, mes da Patria

Continúa o ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene para conmemorar o Día da Patria Galega. A xornada deste mércores, 9 de xullo, estará adicada ao humor co monologuista e actor Federico Pérez. O espectáculo, titulado Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), comezará ás 21.30 horas na praza do alcalde Ramón J. Souto González con entrada gratuíta. Recollida de invitacións para asistir ao mónólogo na Casa da Cultura, o martes e o mércores pola mañá, ou o mesmo día da función, de 19.30 a 20.30 horas na propia praza, ata fin de existencias (aforo limitado). Apertura de portas ás 21.00 horas. Función programada coa colaboración da Rede Cultural da Deputación.
07-07-2025 -

Clausura do programa Seráns activos do Concello de Fene

Varios locais sociais parroquiais do concello de Fene acolleron nos últimos días as xornadas de clausura do programa de envellecemento activo que organizou a concellaría de Benestar Social e Igualdade baixo o nome de Seráns Activos. A actividade desenvolveuse entre os meses de novembro a xuño, de xeito itinerante, nas diferentes parroquias do concello, contando coa colaboración das entidades veciñais e culturais (AVV Limodre, CPS San Valentín, SCRD Agarimo, ACDR Liga de Amigos, AVV Perlío, AVV Magalofes e Centro Sociocomunitario).
07-07-2025 -

A praza do CPS de San Valentín acolle este martes o espectáculo Historias para escagharriñarse, de Teatro Ghazafelhos

As actividades do ciclo “Xullo, mes da Patria” que organiza a Concellería de Cultura de Fene, continúan este martes, 8 de xullo, con Teatro Ghazafelhos e as súas Historias para escagharriñarse. O espectáculo representarase na praza ubicada entre os bloques 11 e 12 de San Valentín, a carón do CPS, a partir das 21.00 horas. Entrada libre e de balde. Espectáculo para todos os públicos.
03-07-2025 -

O Concello de Fene leva ao grupo Silbarda á Romaría do Camiñante deste sábado

A tradicional Romaría do Camiñante, que organiza a ACRD Liga de Amigos de Barallobre, celébrase este sábado, día 5 de xullo. Como complemento aos actos programados pola sociedade fenesa, a Concellería de Cultura (en colaboración co programa Rede Cultural da Deputación) anuncia a actuación de “Cantos de taberna” do grupo Silbarda, da Asociación Cultural Airiños da Capela. A función comezará no local da asociación ás 21.30 horas, con entrada libre e de balde.
03-07-2025 -

Comezan os traballos de construción da nova senda peonil da AC-133 en Barallobre

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e a concelleira de obras, Mª Carmen Martínez, desprazáronse esta mañá á estrada AC-133, en Barallobre, para supervisar o avance das obras de construción da nova senda peonil. Trátase dunha actuación de gran importancia para mellorar a seguridade viaria neste tramo, que até o de agora contaba cunha simple beiravía e unha gabia de formigón aberta, que dificultaba o paso e supuña un risco para o tránsito a pé.
01-07-2025 -

Fene renova o seu compromiso cos festivais Felicia Pop e FeneRock, que se celebrarán en agosto e setembro

O Concello de Fene reafirma o seu compromiso co tecido cultural e asociativo local coa sinatura esta mañá dos convenios de colaboración cos festivais Felicia Pop e FeneRock, que se celebrarán nas parroquias de Limodre e San Valentín nos meses de agosto e setembro. A achega municipal ascende a 22.000 euros (11.000 por festival) dos que o 70% se adianta agora (7.700 euros por evento) para contribuír aos gastos organizativos, completándose o pago tras a xustificación da subvención.
01-07-2025 -

Cunha festa infantil arrinca este venres o ciclo Xullo, mes da Patria

Inchables, xogos de auga, festa da escuma, touro mecánico (ou simulador de tabla de surf), maquillaxe, photocall, circuito de karts a pedais e animación a cargo de La Guagua. Son os principais atractivos da festa infantil que organiza a Concellería de Cultura para este venres, de 17.30 a 20.30 horas, na Praza do alcalde Ramón J. Souto González.
O mesmo venres pola mañá, a partir das 10.00 horas, repartiranse na Casa da Cultura de Fene as invitacións para asistir ao espectáculo “Xa que o sabes, voucho contar (e cantar)” que ofrecerá o monologuista e actor Federico Pérez o mércores 9, na Praza do alcalde Ramón J. Souto González, ás 21.30 horas. Entregaranse dúas entradas por persoa adulta até completar o aforo.
30-06-2025 -

Fene promociona o deporte en familia cunha nova edición do Día do Deporte na Rúa

A Concellería de Deportes de Fene anuncia para este domingo, 6 de xullo, a 31ª edición do Día do Deporte na Rúa. A xornada, que incluirá múltiples actividades deportivas e de lecer para todos os públicos, desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas na avenida do Tarrío, rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío. En caso de choiva, trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín.
26-06-2025 -

Servizos Sociais anuncia dous campamentos dixitais para a mocidade entre os meses de xullo e agosto

O Concello de Fene en colaboración coa fundación Cibervoluntarios organiza dous campamentos dixitais, dirixidos a mozos/as de 9 a 17 anos, entre o 16 de xullo e o 14 de agosto. As inscricións realizaranse no centro municipal de Servizos Sociais de forma presencial, do luns 30 de xuño ao 14 de xullo para calquera dos dous obradoiros. A formación será de balde pero os/as participantes deberán acudir con tablet ou ordenador propio.