Fene hoxe

Inicio   Fene hoxe
27-07-2018

Fene celebra este domingo a Romaría de Santa Ana

Concello e tecido asociativo unen forzas e recuperan, 23 anos despois da última celebración, a Romaría de Santa Ana. O edil de Promoción Económica, César Castro, avanza que será este domingo, 29 de xullo, cun programa que arrancará ás 11 horas. É a hora sinalada para que as persoas interesadas en acudir á cita se reúnan na casa consistorial, xa que dende alí partirán cara a capela.
24-07-2018

Conferencia este xoves de Vicente Araguas, Henrique Sanfiz e Carlos Neira sobre a historia da capela e romaría de Santa Ana

O escritor Vicente Araguas; o historiador e director de RadioFene Henrique Sanfiz e o ex concelleiro fenés Carlos Neira, descendente da familia que ergueu a capela de Santa Ana, serán os ponentes da conferencia arredor da romaría de Santa Ana que o Concello organiza este xoves, 26 de xullo, no salón de plenos da casa consistorial de Fene a partir das 20 horas. Unha conferencia que servirá tamén de carta de presentación da cita, que terá lugar o domingo, 29 de xullo, despois de 23 anos sen celebrarse. Polo de pronto, este xoves, a veciñanza está convidada á conferencia, na que os tres ponentes abordarán os vínculos da capela de Santa Ana co Camiño Inglés, falarán das referencias á historia da propia capela e tratarán recordos familiares.
12-07-2018

Nenos e nenas de “Verán máis alá!” irán este venres de excursión á área recreativa de Pedroso

A primeira quenda do programa de conciliación da vida persoal e laboral “Verán máis alá!” que impulsa a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa chegará mañá venres ó seu remate. Nenos e nenas deixan atrás unha semana moi divertida e repleta de actividades acuáticas, xa que todos os días desprazáronse á piscina municipal de Centieiras. A diversión continuará ata o último día e, mañá venres, o Concello proporalles saír de excursión. A área recreativa de Pedroso será o destino da viaxe e, alí, os diferentes grupos de nenas e nenos realizarán actividades relacionadas coa natureza, onde vincularán o vivido co aprendido sobre a auga no marco do proxecto culturas. Tamén está prevista unha pequena ruta e xogos cooperativos e de grupo.
12-07-2018

O Concello de Fene celebra a Festa dos Avós con cea de balde baixo carpa e inchables para os máis pequenos da casa

O Concello de Fene recupera este ano, no marco do ciclo “Día de Galicia”, a Festa dos Avós. Será esta tarde na praza do Alcalde Ramón Souto González, baixo carpa e a partir das 20 horas. A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, convida a toda a veciñanza a asistir á cita, coa que o Concello quere agradecer o esforzo que fan tantas persoas maiores para construír no día a día unha sociedade mellor, sendo incluso en moitos casos o sustento de tantas familias. Así, a partir da hora sinalada, comezarán a repartirse as racións de churrasco, que elaborará previamente a AVV de Magalofes, e a quen o Concello agradece moi especialmente a súa colaboración. Tamén se distribuirán racións de empanada, bola e unha botella de auga por persoa ata esgotar existencias. Todo isto, de balde. As bebidas, iso si, haberá que abonalas e a recadación destinarase íntegramente a Cáritas.
 
11-07-2018

Fene celebrará esta tarde o Certame de Habaneiras e Canto Coral

O ciclo “Día de Galicia”, programación deseñada pola Concellería de Cultura de Fene con motivo do 25 de xullo, continúa este mércores co Certame de Habaneiras e Canto Coral. Será a partir das 20,30 horas na praza do Alcalde Ramón Souto González e, nel, tomarán parte as corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños; SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene, así como as rondallas “Perla do Río” do CCRD de Perlío e “Estrelecer” do CMI Unidade de Fene e do Tradicoro. Unha cita que se prevé multitudinaria.
10-07-2018

O grupo de rock ITH presenta o seu último traballo esta noite en Fene no marco do Ciclo “Día de Galicia” organizado polo Concello

O Concello convida a veciñanza e visitantes a asistir esta noite, a partir das 22 horas, ó concerto do grupo de rock ITH, que presentará na praza do Alcalde Ramón Souto González o disco “O mínimo que o contén todo”. A actuación forma parte do ciclo “Día de Galicia” organizado pola Concellería de Cultura de Fene.
09-07-2018

Circo Chosco inaugura o Ciclo “Día de Galicia” co seu espectáculo de novo circo a pé de rúa

A compañía Circo Chosco, co seu espectáculo “Forzu2”, inaugurará esta noite o ciclo “Día de Galicia” que promove o Concello de Fene para conmemorar tan sinalada data. A actuación, que se desenvolverá na praza do Alcalde Ramón Souto González, dará comezo ás 22 horas.
04-05-2018

Fene homenaxea este sábado ás lavandeiras de Sillobre recreando o seu sacrificado traballo

Fene celebrará este sábado, 5 de maio, a quinta edición do Encontro das Lavandeiras de Sillobre. Unha auténtica homenaxe ás veciñas que realizaban este sacrificado traballo.
22-03-2018

Horario especial da Casa da Cultura de Fene durante a Semana Santa

A Concellería de Cultura informa dos cambios no horario de apertura e atención ao público nas dependencias da Casa da Cultura, Biblioteca Municipal “Xosemaría Pérez Parallé” e Museo do Humor, por mor da Semana Santa.
13-03-2018

Avance da programación da Concellería de Cultura de Fene para a primavera-verán 2018

Oswaldo Digón, Paco Cerdeira, Bellón&Maceiras e María Larraitz, son algúns dos artistas que pasarán pola Casa da Cultura de Fene esta primavera, segundo adianta a Concellería de Cultura de Fene. O departamento que dirixe o edil Justo Ardá anuncia tamén as actividades e espectáculos previstos para o Ciclo do Día da Patria Galega que terá lugar no mes de xullo e polo que pasarán este ano Circo Chosco, Nautilus Band, Ith e Sés.
1 2 3 4 56 7 8 9 >>