Que está pasando
O Concello de Fene abriu esta semana a súa Oficina de Información e Turismo (OIT), situada no número 52 da Avenida Naturais. Contará cun servizo de atención ao público de luns a venres, en horario de 8.30 a 15.30h, que rematará o 9 de outubro.
Desde esta Oficina de Turismo atenderase ás visitantes de Fene, achegando información sobre os recursos, servizos e actividades do propio concello, así como do Xeodestino e da provincia da Coruña. Ademais, ao situarse ao pé do Camiño Inglés, será punto de referencia para as persoas que se achegan facendo o Camiño de Santiago e grupos de peregrinos.
O Concello de Fene, a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, organiza nas dúas últimas fins de semana de maio o XIV Concurso de Tapas. Unha cita na que nove estabelecementos da hostalería local competirán por facerse con algún dos catro premios que se deciden, dous outorgados por un xurado profesional, e outros dous que dependerán das persoas que participen co seu voto ao realizar o percorrido gastronómico.
Na categoría de Tapa Tradicional participarán tres establecementos, O Son de Cociña coa súa proposta “O sol da cociña”, a Cafetería Bombay cos seus “Crepês de peixe e marisco” e o CCRD Perlío co “Montadiño ao tío Pepe”. Competindo na categoría de Tapa Creativa estarán Arrecendo, con “Arrecendo a mar”; Bar A Ponte con “Tres continentes”; Galicuba coa “Delicia cubana”; Cafetería Lembranza con “Ruliña!”, o CMIU de Fene coa “Bolsa de Ouro” e o Pachamama co “Tartar de Langostinos”.
O Concello de Fene está a ultimar os preparativos para a celebración dunha nova edición do Encontro de Palilleiras, que terá lugar o próximo 13 de abril no Pavillón A Xunqueira de San Valentín. Trátase dunha cita organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo coa colaboración da AVV San Xurxo de Magalofes, do CPS de San Valentín, da SCRD Agarimo de Sillobre e da Liga de Amigos de Barallobre.
A edición deste ano volverá xuntar varios centos de palilleiras procedentes de todo o País, e as últimas prazas dispoñíbeis para participar poden reservarse chamando ao 981 492 767. Ademais, está prevista a participación de 32 postos de artesanía e materiais relacionados co tecido, que permitirán ás visitantes achegarse a coñecer o senfín de elaboracións que se poden realizar coa técnica do palillado, e tamén mercalas.