Que está pasando
Esta fin de semana regresa unha das citas máis agardadas do comercio local: o Outlet Fene, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de setembro, organizado polo Concello de Fene en colaboración coa Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos de Fene “O Cruceiro” e coa colaboración económica da Deputación da Coruña.
O evento desenvolverase en horario de venres e sábado de 10:00 a 13:30 h e de 17:00 a 20:00 h, e o domingo de 11:00 a 13:30 h. Será unha excelente oportunidade para atopar produtos de calidade a prezos moi rebaixados, ademais de desfrutar dun ambiente festivo, con animación e decoración especial nos comercios.
Fene énchese de cor esta fin de semana coa chegada da terceira edición do Perla Mural Fest, un dos eventos máis singulares do panorama galego, que combina arte urbana, música e participación veciñal. Esta mañá, a alcaldesa Sandra Permuy; a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira; e o concelleiro de servizos, Adán Chao; mantiveron un encontro cos organizadores do festival, Fran Lage e Ramón Pereira, no que pecharon os detalles finais desta nova edición, que comeza oficialmente esta fin de semana.
Estes días Fene será o lenzo de para tres muralistas de proxección internacional: Diego As intervén na Avenida Naturais 25, en Fene; Wedo Goás na Rúa Río Cádavo 9, en Perlío; e David Barrera na Rúa Paralela a San Estevo 11, tamén en Perlío. O traballo destes artistas, amplamente recoñecidos no muralismo contemporáneo, converterá espazos urbanos comúns en auténticas obras de arte a ceo aberto.
Ademais dos murais, o festival inclúe concertos e sesións vermú, estas últimas con entrada libre, que converterán Fene nun punto de encontro cultural e lúdico de referencia.
O Concello de Fene participará un ano máis na feira turística Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés coa finalidade de promover o patrimonio, a cultura e a oferta turística dos concellos polos que discorre esta histórica ruta xacobea. A cita celebrarase o sábado 31 de maio no Parque da Rúa, en Miño, con programación ininterrompida de 10:00 a 20:00 horas.