No concello de Fene a emigración a América tivo unha moi importante incidencia, feito este que queda reflectido nas numerosas construcións indianas existentes polas diferentes parroquias do concello. Este fenómeno migratorio concentrouse fundamentalmente nas últimas décadas do século XIX e as tres primeiras do século XX ata que se inicia a Guerra Civil, sendo o período de maior intensidade de afluencia de emigrantes, as dúas primeiras décadas dese século XX.
As motivacións e as estratexias dos emigrantes foron diferentes segundo os casos; algúns ían a intentar gañar unha cantidade suficiente para poder solucionar algunha necesidade familiar ou persoal, e unha vez obtido ese obxectivo volvían a terra repetindo o proceso se fose necesario, outros moitos foron e quedaron ala sen poder acadar unha situación económica favorable, pero tamén foron moitos os que fixeron fortuna e volveron a terra.
Neste último grupo abundaron os que construíron novas vivendas familiares cunhas características importadas de América, moitas veces procedentes dun marco urbano, e adaptadas en maior ou menor medida a Galicia. Así mesmo crearon sociedades de naturais dun determinado lugar que se preocupaban por favorecer a mellora das condicións e calidade de vida dos seus conveciños. Hai que citar no caso do concello de Fene a Sociedade de InstruciónNaturais de Fene creada no ano 1910 ou a Sociedade de Instrucción Fillos de Limodre creada no ano 1925. Unha preocupación sempre presente neste tipo de entidades era a de favorecer as posibilidades de educación e formación dos rapaces e rapazas para que puidesen afrontar o seu futuro nunhas mellores condicións que os seus parentes maiores. Foi configurándose deste xeito nunha rede de escolas de carácter público a iniciativa desas sociedades, e nas que se facía un significativo esforzo por aplicar novas técnicas pedagóxicas e ampliar os contidos e areas nas que se dabaformación.
As escolas indianas de Fene
Grupo Escolar Fillos de Limodre, levantado entre os anos 1926 e 1927 pola Sociedade de InstruciónFillos de Limodre e polo comité na Habana “Pro Escola de Limodre”.
A escola “Concepción Arenal” situada a carón da Avenida Porta do Sol na parroquia de Fene, e a escola “Curros Enríquez” situada xunto o campo da festa na parroquia de Maniños.
Ámbalas dúas escolas foron promovidas pola Sociedade Naturais de Fene e inauguradas no ano1916.
Os cines e salóns de baile
No concello de Fene existiron varios salóns construídos a iniciativa de emigrantes da América retornados que montaron aquí os seus negocios. Dende o punto de vista formal tratase de edificacións que presentan unha estrutura moi sinxela, fundamentalmente a partires dunha planta rectangular, cun so andar, e cun amplo espazo interior o que se proporciona iluminación natural por toda unha serie de ventás dispostas nas fachadas, sobre todo na frontal. Exemplos deste tipo de edificación son os salóns de baile que atopamos nas parroquias de Sillobre, o salón de Francisco Anca, na de Barallobreonde está o salón de Antonio Luís Maceiras Abelleira, ou na parroquia de Maniños co salón de baile Cardoeiro de Bernardo Pérez Villara.
As edificacións domésticas
Pero sen dúbida o grupo de edificacións indianas máis numeroso e con máis presencia no concello son as vivendas familiares sendo a máis singular e peculiar A Casa da Maleta no Camiño da Vrea en Barallobre.
Como exemplo destas edificacións temos a “Casa da Florista”, na Estrada da Palma en Maniños, construída por iniciativa de Víctor Borrás; a “Casa Gómez Casal” na rúa Doutor Sixto Mauriz en Sillobre e en Limodre a “Casa Garabana”, construída por Antonio Viana “O portugués” e a “Villa Lorenza”, sendo esta última unha das máis orixinais vivendas indianas do concello fenés realizada polo contratista de Franza GermánBrage.
Arquitectura relixiosa
A arquitectura relixiosa e incluso funeraria de tipo indiana promovida por emigrantes en América tamén tivo súa pegada en Fene, como exemplos temos a igrexa de San Xosé de Limodre ou mesmo o cemiterio desa mesma parroquia.
Textos extraídos do Catálogo de Arquitectura Popular de Divina Arnoso Romero e Xavier Rodríguez Varela.