Historia

Museo do Humor   Historia

Os comezos

A historia do Museo do Humor de Fene está directamente vencellada á figura de Xaquín Marín, fundador e director do museo durante os seus primeiros 25 anos de vida. 
En xaneiro de 1983, Xaquín Marín e Siro López comezaron en Ferrol unha mostra itinerante que percorreu toda Galicia, acompañada dun manifesto “En defensa do humor” no que se animaba á sociedade galega a defender o noso humor.
 
No ano 1984, preocupados aínda porque o humor esmorecía e porque se estaba a perder ese xeito peculiar de interpretar o humor que temos os galegos, un grupo de persoas comezaron a pensar que sería bo ter unha entidade que potenciara as actividades humorísticas. A proposta chegou ao Concello de Fene que tivo a sensibilidade de poñerse ao fronte da idea.
 
O primeiro foi escribir aos humoristas gráficos galegos para pedirlles a súa colaboración, que non se fixo agardar moito. Logo habilitouse unha ampla sala na Casa da Cultura, fixéronse marcos e paneis expositores e rematouse de montar todo a finais do 1984, inaugurándose o Museo do 25 de novembro dese ano.

Un museo en constante evolución e crecemento

Os primeiros anos de vida do Museo foron moi prolíficos. Comezaron a artellarse mostras coma “Os humoristas e a reconversión”, exposición que deu pé á publicación do primeiro “Caderno do Museo”. Esta mostra, xunto con “Humor gráfico actual de Galicia” e outras puntuais coma “Cómic galego”, “Humor cubano” ou “Humoristas de hoxe”, viaxaron por todo o país.

No ano 1985 editouse o “1º Catálogo de fondos do Museo”. Namentres, a súa colección incrementábase notablemente co legado “Agromán” que incluiu obras de 25 autores españois coma Mingote, Chumy, Máximo, Mena, Orbezogo ou Nacher.

Tamén nese ano puxéronse en marcha os Premios Curuxa (para os autores de humor gráfico e literario) e o Humor na Escola (para os máis novos),  certames que medraron en contía e categorías. Con posterioridade, creáronse os Curuxa aos Medios e os de Barro, destinados aos que usan negativamente o humor, amais dos Curuxa de Honra, cos que se premiaban as aportacións vitais a prol do humor.

Dende aquela, todos os anos arredor da entrega destes galardóns anuais fóronse artellando exposicións, conferencias, actuacións e concursos,  converténdose nunha cita fundamental na programación anual do Museo as súas “Xornadas do humor”.>

No ano 1986 o Museo do Humor comezou a cumprir o seu obxectivo de empregar o humor como vehículo de irmandade e de amosar en Galicia o humor que se facía polo mundo adiante. Aconteceu coa magna mostra “106 humoristas contemporáneos” que a Casa do Humor e a Sátira de Bulgaria cedeu para exhibir en Fene.

Co paso do tempo a superficie do museo medrou e o seu equipamento foi mellorando. Ademais, neses anos fixéronse mostras de grande interese como “Gallego & Rey”, “10 Anos de Makoki” ou “Cómic galego”. Tamén chegaron novos legados coma o de Mort Walker, o de “EL Jueves” ou o de humoristas cubanos que recolleu para o museo fenés o escritor Xosé Neira Vilas (con obras de De la Nuez, Wilson e moitos máis).

No ano 1998, cando o Museo cumpría 14 anos,  levouse adiante unha primeira ampliación, coa que se duplicou a superficie adicada a exposición.

Once anos despois, coincidindo co 25 aniversario do Museo, o Concello de Fene decidiu emprender unha nova reforma do museo. A intervención centrouse na mellora, reestructuración e reorganización dos espazos aos que se dotou dunha nova sinalización (con debuxos de Xaquín Marín e David Pintor) para indicar aos visitantes a temática de cada unha das salas e mesmo das distintas dependencias da Casa da Cultura.

30 anos de museo

Un pallaso, mimetizado cos díxitos 3 e 0, foi a imaxe que presidiu no ano 2014 todos os actos do XXX aniversario do Museo do Humor de Fene. O debuxo, reforzado co lema “As risas son boas”, foi o elemento central dunha campaña de promoción que o museo impulsou ao redor desta efeméride.

Nese ano, prácticamente toda a programación cultural do Concello de Fene vertebrouse de xeito especial ao redor do Museo do Humor e concluíu coa presentación dun cartafol conmemorativo do XXX aniversario, con litografías de humoristas gráficos galegos de primeiro nivel. Autores como Miguelanxo Prado, Siro, Pepe Carreiro, Andrés Meixide, Xose Lois “O Carrabouxo”, Xan López Domínguez, Pinto& Chinto, Gogue, Luis Davila, Calros Silvar ou Santy Gutiérrez participaron neste proxecto, aportando a súa particular visión sobre o 30º aniversario do Museo do Humor.

O presente

Nos últimos anos, o Museo do Humor de Fene continúa a traballar para achegar o humor gráfico á cidadanía a través de exposicións (“O humor e os dereitos da infancia”, “Pola cara”, “Magola”, “Sex”, “Imaxes EBA. Exposición homenaxe a Blanco Amor”, ilustracións de “Calros Silvar”, “Ibáñez, el Mago del Humor”, “Mulleres no cómic”, “Retranca”, “Liberdade con humor, sempre”, “Luis Davila, O Bichero”)  espectáculos humorísticos (Peter Punk, Cabaret Lilí Berlín…); ciclos de monólogos polos que teñen pasado os mellores humoristas do país (Carlos Blanco, Xosé Touriñán, Isi, Rober Bodegas, Cándido Pazó, Sergio Pazos, Manquiña, Pedro Brandariz, Isabel Risco, Quico Cadaval, Celso Sanmartín, etc.); obradoiros (de caricatura con David Pintor, de creación de personaxes humorísticos “Ñam”, de risoterapia “Licenza para rir”); proxeccións audiovisuais ; charlas (Siro, Kiko da Silva…), etc.

Ademais, os fondos do Museo do Humor foron a máis grazas ás importantes doazóns realizadas por artistas coma o fotógrafo Román Montesinos, a pintora Carlota Cuesta ou o coleccionista José Luís Olavarría. Pero sobre todo, grazas a recuperación no ano 2015 dos Premios Curuxa do Humor, emblema e garante de futuro do Museo do Humor de Fene.