Noticias

03-07-2025

Comezan os traballos de construción da nova senda peonil da AC-133 en Barallobre

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e a concelleira de obras, Mª Carmen Martínez, desprazáronse esta mañá á estrada AC-133, en Barallobre, para supervisar o avance das obras de construción da nova senda peonil. Trátase dunha actuación de gran importancia para mellorar a seguridade viaria neste tramo, que até o de agora contaba cunha simple beiravía e unha gabia de formigón aberta, que dificultaba o paso e supuña un risco para o tránsito a pé.

03-07-2025

O Concello de Fene leva ao grupo Silbarda á Romaría do Camiñante deste sábado

A tradicional Romaría do Camiñante, que organiza a ACRD Liga de Amigos de Barallobre, celébrase este sábado, día 5 de xullo. Como complemento aos actos programados pola sociedade fenesa, a Concellería de Cultura (en colaboración co programa Rede Cultural da Deputación) anuncia a actuación de “Cantos de taberna” do grupo Silbarda, da Asociación Cultural Airiños da Capela. A función comezará no local da asociación ás 21.30 horas, con entrada libre e de balde.

Fene renova o seu compromiso cos festivais Felicia Pop e FeneRock, que se celebrarán en agosto e setembro

O Concello de Fene reafirma o seu compromiso co tecido cultural e asociativo local coa sinatura esta mañá dos convenios de colaboración cos festivais Felicia Pop e FeneRock, que se celebrarán nas parroquias de Limodre e San Valentín nos meses de agosto e setembro. A achega municipal ascende a 22.000 euros (11.000 por festival) dos que o 70% se adianta agora (7.700 euros por evento) para contribuír aos gastos organizativos, completándose o pago tras a xustificación da subvención.


Cunha festa infantil arrinca este venres o ciclo Xullo, mes da Patria

Inchables, xogos de auga, festa da escuma, touro mecánico (ou simulador de tabla de surf), maquillaxe, photocall, circuito de karts a pedais e animación a cargo de La Guagua. Son os principais atractivos da festa infantil que organiza a Concellería de Cultura para este venres, de 17.30 a 20.30 horas, na Praza do alcalde Ramón J. Souto González.

O mesmo venres pola mañá, a partir das 10.00 horas, repartiranse na Casa da Cultura de Fene as invitacións para asistir ao espectáculo “Xa que o sabes, voucho contar (e cantar)” que ofrecerá o monologuista e actor Federico Pérez o mércores 9, na Praza do alcalde Ramón J. Souto González, ás 21.30 horas. Entregaranse dúas entradas por persoa adulta até completar o aforo.


Fene promociona o deporte en familia cunha nova edición do Día do Deporte na Rúa

A Concellería de Deportes de Fene anuncia para este domingo, 6 de xullo, a 31ª edición do Día do Deporte na Rúa. A xornada, que incluirá múltiples actividades deportivas e de lecer para todos os públicos, desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas na avenida do Tarrío, rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío. En caso de choiva, trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín.


Axenda

  • 03-07-2025

    Exposición "A bela e a morte"

    Fene ao día

    Exposición do alumnado do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity, na Casa da Cultura de Fene. Horario de visitas: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. 

    Máis info
  • 06-07-2025

    Día do Deporte na Rúa 2025

    Fene ao día

    Celebración do Día do Deporte na Rúa, de 10.30 a 14.00 horas, na avenida do Tarrío, rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío.

    Máis info

Tamén en fene.gal