Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
06-05-2024

Abre o prazo para inscribirse no Obradoiro de Banda Deseñada que impartirá o debuxante Santy Gutierrez no Museo do Humor Xaquín Marín

Se tes entre 8 e 18 anos e che gusta debuxar; se eres un apaixoado/a do cómic pero pensas que é difícil contar historias a través dos debuxos ou cres que as túas historias non son interesantes, xa podes anotarte ao obradoiro de banda deseñada que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín para conmemorar o Día dos Museos. A actividade, dirixida polo debuxante e humorista gráfico Santy Gutiérrez, está programada para o mércores 15 de maio, ás 18.00 horas. As persoas interesadas en participar deberán anotarse enviando un correo a museodohumor@fene.gal indicando: nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. As inscricións realizaranse por orde de recepción de correos até completar o aforo (20 prazas). Actividade de balde cunha duración de 1,5 horas. Organiza: Concellería de Cultura de Fene. 
23-04-2024

Últimos días para visitar na Casa da Cultura a exposición da escola de cerámica da asociación Cerámica e Máis de Fene

O vindeiro luns, 29 de abril, pecha ao público a exposición Auga, terra, aire e lume, do alumnado da escola de cerámica que dirixe en Fene Carme Romero, no seo da asociación Cerámica e máis. Ao longo desta semana a mostra aínda pode visitarse na Casa da Cultura de Fene en horario: de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado, de 10.00 a 13.00 horas. “Pezas de cerámica realizadas ao xeito tradicional pero cunha visión actual” forman esta colección coa que nos mergullamos, en palabras de Carme Romero “na nosa cultura para crear pezas, figuras que nos representen, arte do pobo contemporánea; barro de Buño, da terra, decorado con engobes, barro sobre barro coas cores da terra e ás veces, brillos que espertan as cores”.
16-04-2024

O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial darán a coñecer o 20 de maio os debuxos gañadores do concurso Demo Pequeno

Até o 30 de abril está aberto o prazo de presentación de obras para o concurso de bd infantil e xuvenil

Na recta final do prazo estipulado para a presentación de debuxos, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial avanzan as datas nas que se reunirá o xurado e se dará a coñecer o fallo do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno. A coordinadora do museo fenés, Almudena Marcos, o responsable da editorial coruñesa, Manel Cráneo, e os debuxantes Inés Vázquez e Víctor Boullón formarán o xurado desta segunda edición do certame que convocan o Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura, e Demo Editorial. 
07-03-2024

O alumnado da escola de cerámica da asociación Cerámica e Máis expón na Casa da Cultura de Fene

Auga, terra, aire e lume. É o título da exposición que se inaugura este venres, 8 de marzo, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Fene. A mostra inclúe unha colección de pezas elaboradas polo alumnado da escola que dirixe a ceramista Carme Romero no seo da asociación Cerámica e Máis de Fene. Tralo acto deste venres, que será aberto ao público en xeral, a exposición poderá visitarse até o 29 de abril en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas (domingos e festivos, pechado). Durante a Semana Santa, o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas (sábados, domingos e festivos, pechado).
22-02-2024

Fene participa na exposición conxunta dos Centros Museísticos de Ferrolterra

O Museo do Humor Xaquín Marín participa xunto con outros 12 espazos museísticos da bisbarra nunha mostra colectiva que se poderá ver até o vindeiro 12 de maio no Museo Naval de Ferrol. Na mostra están representados, amais do museo de humor gráfico fenés e Museo Naval, o Museo da Construcción Naval “Exponav”, o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, o Museo Pérez Porto, o Centro de Interpretación A Mina, o Torreón dos Andrade, a Casa do Mel, os museos etnográficos da Capela e Monte Caxado, o Centro de Interpretación de Caldoval, o Museo do Surf e o Arqueódromo da UDC.
19-02-2024

Presentación de Cinza no IES de Fene

O ilustrador e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e o escritor Xavier Alcalá, mantiveron un encontro este venres co alumnado de 1º de bacharelato do IES de Fene para presentar Cinza, novela gráfica inspirada na obra de Alcalá A nosa cinza. Como xordiu o proxecto, como afrontou Manel Cráneo a adaptación da obra, a elaboración do guión, o estilo, o debuxo… foron algúns dos aspectos debullados polos dous autores aos que introduciu o director do centro, Xoan Vázquez. O acto, organizado pola Concellería de Cultura de Fene, contou coa asistencia do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e terá continuidade o vindeiro 15 de marzo cunha presentación na Casa da Cultura aberta ao público en xeral.
07-02-2024

O Concello de Fene abre o prazo para participar no XXVIII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”

Os orixinais poderán presentarse até o vindeiro 31 de maio

Trala publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia núm. 28, do mércores 7 de febreiro de 2024, o Concello de Fene informa da apertura do prazo para presentar obras a unha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor Xaquín Marín. As persoas interesadas en participar poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón José Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña) até o vindeiro 31 de maio. Novamente, nesta edición, haberá tres categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas de 16 a 25 anos e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos.
07-02-2024

Cambio de horario da Casa da Cultura de Fene durante o Entroido

A Concellería de Cultura informa dos cambios no horario de apertura e atención ao público das distintas dependencias da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé, Museo do Humor Xaquín Marín, aula de estudo e sala de exposicións temporais) por mor da celebración das festas do Entroido.
Así, o sábado 10 de febreiro, estas instalacións permanecerán pechadas. O luns 12 e o martes 13, o horario será de 10:00 a 14:15 horas. E o mércores 14 de febreiro, Mércores de Cinza e festivo local no Concello de Fene, a Casa da Cultura permanecerá pechada.
26-01-2024

Abre o prazo de presentación de obras para a segunda edición do concurso de banda deseñada de humor Demo Pequeno

O certame está organizado polo Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial

O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial, empresa de referencia na edición de banda deseñada e novela gráfica en galego, volven unir as súas forzas para “achegar os escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade dende unha perspectiva humorística”. Baixo esta previsa, ámbalas dúas entidades convocan o II concurso de banda deseñada de humor Demo pequeno. O certame, para o que xa está aberto o prazo de presentación de obras, vai dirixido a mozos e mozas galegos de 8 a 16 anos, que poderán participar de xeito individual ou por equipos de dúas persoas (guionista e debuxante) nas seguintes categorías: Infantil, para rapazada de 8 a 11 anos, ou Xuvenil, para mozos e mozas de 12 a 16 anos. Valorarase “a composición do debuxo e o uso de diferentes técnicas pictóricas pero tamén a propia historia e o sentido humorístico da mesma”. O prazo de presentación de orixinais finalizará na medianoite do martes 30 de abril de 2024.
21-11-2023

Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola pechan este venres o Novembro, mes do humor

Coincidindo practicamente co seu aniversario, o Museo do Humor Xaquín Marín anuncia para este venres o derradeiro espectáculo do “Novembro, mes do humor”, ciclo de monólogos polo que pasaron ao longo das últimas semanas tres dos mellores humoristas galegos do momento: David Perdomo, Oswaldo Digón e Isi. Para esta última sesión, o escenario da Casa da Cultura de Fene está reservado para as actrices e cómicas Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola co seu espectáculo “Restricións”. A función comezará o venres 24 de novembro ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).