04-07-2022
04-07-2022
O xurado do XXVI Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, reunido esta mañá nas instalacións do Museo do Humor de Fene, vén de dar a coñecer os nomes dos gañadores do certame na súa edición 2022. O xurado -formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá, polos debuxantes Xaquín Marín, Alexandre Marín e Alexandre Sequeiros Camiña (gañador do 1º premio categoría Curuxa 2021), xunto coa coordenadora do Museo do Humor, Almudena Marcos, que actuou en calidade de secretaria do certame- acordou conceder os premios a Pedro Bouza Bernárdez (1º premio Curuxa Nova), Andrés Chinchilla Argibay (2º premio Curuxa Nova), Ricardo Olivera Almozara (1º premio Curuxa) e Manuel Alejandro Vázquez Búa (2º premio Curuxa).
30-06-2022
30-06-2022
A Casa da Cultura de Fene acolle dende hoxe até finais do mes de agosto a metaexposición “Visións de Fene”, do alumnado do laboratorio de creación artística Laudas Calamity. Trátase dunha mostra interdisciplinar que, partindo de doce proxectos, transcorre pola escultura, a performance, a instalación, o debuxo e máis a pintura “para dar a coñecer ao espectador o Concello de Fene”. A exposición inaugúrase esta tarde, ás 18 horas, na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene. Dende mañá, o horario de visitas será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Sábados, domingos e festivos, a instalacion permanecerá pechada.
10-06-2022
10-06-2022
Usuarios do Centro Ocupacional de Aspaneps Fene iniciaron esta semana as tarefas de repintado do mural “Todos metidos nun bote” que o Concello de Fene quere recuperar no marco do programa de actividades organizadas ao redor da exposición “Volta á orixe” (Museo do Humor). A obra, pintada orixinalmente pola Asociación de Amigos do Museo do Humor no ano 1996, foi realizada a partir dun debuxo de Xaquín Marín no que se representa a Castelao, Charles Chaplin, Miguel de Cervantes, Samuel Becket e Mark Twain a bordo dun barco no que o debuxante Chichi Campos, dende a proa, lanza un salvavidas a un náufrago.
18-05-2022
18-05-2022
No marco da conmemoración do Dia dos Museos, o Museo do Humor vén de habilitar un novo espazo web dende o que se pode realizar un percorrido virtual polas súas instalacións. Con este novo servizo, dispoñible a través do seguinte enlace, os/as visitantes poden achegarse ao museo calquera día da semana a calquera hora; e realizar unha visita virtual polas distintas salas, coa posibilidade de acceder a información complementaria sobre a súa historia e fondos (a través de todo tipo de elementos multimedia, imaxes, vídeos, documentos en pdf ou enlaces a URLs).
14-05-2022
14-05-2022
Baixo o lema “O poder dos Museos” o vindeiro 18 de maio conmemorarase en todo o mundo o Día dos Museos, co obxectivo de “amosar o poder que estes centros teñen de transformar o mundo que nos rodea”, presentándose como “lugares incomparables para o descubrimento, lugares que amosan o noso pasado e abren as mentes a novas ideas para un futuro mellor”. No Museo do Humor, o Dia dos Museos festexarase este ano con distintas actividades que se encadran, á súa vez, no ciclo ao redor da exposición “Volta á orixe”, de Xaquín Marín.
13-05-2022
13-05-2022
O humorista gráfico e fundador do Museo do Humor, Xaquín Marín, o comisario da exposición “Volta á orixe”, Alexandre Marín, e o gañador do primeiro premio Curuxa 2021, Alexandre Sequeiros Camiña, formarán parte do xurado dos Premios Curuxa 2022 que se reunirá a finais do mes de xuño (nunha data da que se informará próximamente). Tal e como se establece nas bases do certame, o xurado estará presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo e -xunto cos tres debuxantes convidados- formarán parte do mesmo o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos (que actuará como secretaria).
10-05-2022
10-05-2022
O estudoso e experto na obra de Xaquín Marín, Félix Caballero Wangüemert, achegarase este xoves a Fene para manter un encontro co humorista gráfico e pintor e conversar con él sobre a súa traxectoria artística. O acto terá lugar no salón de actos do Museo do Humor e comezará ás 19.30 horas, con entrada libre até completar o aforo. Previamente, o mesmo xoves ás 18.00 horas, está prevista unha visita guiada á exposición “Volta á orixe”, conducida polo comisario da mostra e fillo do artista, Alexandre Marín. Para asistir, únicamente haberá que presentarse na entrada do museo con quince minutos de antelación ao comezo da visita (ás 17.45 horas). Ámbalas dúas actividades están organizadas pola Concellería de Cultura de Fene, no marco da programación complementaria á exposición “Volta á orixe”, de Xaquín Marín, que se amosa no Museo do Humor até o vindeiro 27 de xuño.
04-05-2022
04-05-2022
O debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín naceu en Ferrol no ano 1943 pero con tan só dous meses de vida trasladouse xunto coa familia á casa onde estaba o colexio vello, no sitio exacto onde hoxe se levanta a Casa da Cultura de Fene, sede do Museo de Humor. E vai ser este, precisamente, o lugar onde se amose a partir deste venres, 6 de maio, unha exposición retrospectiva cunha ampla selección da súa obra, dende as primeiras pinturas ao cómic, pasando polas viñetas publicadas en prensa ou as súas ilustracións. A inauguración será o venres ás 20.00 horas no Museo aínda que, previamente, ás 6 do serán, realizarase unha visita co artista á exposición instalada no Paseo de San Valentín con reproducións de viñetas de Isolino, un dos seus personaxes máis icónicos.
25-04-2022
25-04-2022
O pasado 26 de febreiro cumpríronse 30+1 anos da morte de Chichi Campos, “pioneiro da banda deseñada, axitador cultural e cerebro dalgunhas das maiores gamberradas dunha TVG primixenia”. En homenaxe ao autor, o seu fillo Nico Campos coordinou unha nova edición de “Estampas do mundo elegante” (compilación de artigos e viñetas publicadas en A Nosa Terra entre decembro de 1983 e marzo de 1991) aos que se engadiron máis de trinta colaboracións. O volume, titulado “Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)” preséntase este xoves ás 19.30 horas no Museo do Humor de Fene nun acto no que estará presente, canda o fillo de Xesús Campos, o director de cine, productor, guionista e colaborador no libro Marcos Nine.
22-04-2022
22-04-2022
A mostra recolle vinte e catro ilustracións, realizadas polos doce artistas que participaron na “Andaina debuxada” do pasado mes de xuño e que logo se expuxeron en distintos puntos do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Ferrolterra. Unha vez finalizada a mostra orixinal, o Concello de Fene acordou reunir os cubos nos que se amosan os debuxos nun espazo céntrico para que a veciñanza puidera gozar das creacións de artistas da talla de Xaquín Marín, Beatriz Seijo, Hugo Feal, Laura Bouza, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Carme Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho, Dulce Anca e Juanma Rubio Lozano. A exposición mantívose nesta derradeira localización, a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío, dende principios de ano e retirarase o vindeiro luns, 25 de abril.