Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
19-11-2024

O Novembro, mes do humor continúa este venres co espectáculo Eran elas, de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acollerá este venres, 22 de novembro, a terceira función do Novembro, mes do humor, ciclo co que está a conmemorar o seu 40º aniversario. Desta vez o protagonista será o monologuista e actor Avelino González. O espectáculo, titulado Eran elas, comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
13-11-2024

Leti da Taberna na segunda función do Novembro, mes do humor

O venres 15 de novembro continúa o ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene para conmemorar o seu aniversario. Desta vez a protagonista será Leticia Miraz, máis coñecida como Leti da Taberna, “taberneira de nacemento e sociosanitaria de formació que en maio de 2020 comezou a subir contidos a TikTok, acumulando a día de hoxe ducias de miles de seguidoras nas redes sociais”. O espectáculo, titulado “Enredada”, comezará ás 20.00 horas. E a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
11-11-2024

O alcalde de Fene anuncia unha nova convocatoria dos Premios Curuxa para 2025

Os debuxantes Adrián Dopico López (Premio Curuxa 2024), Lucas Sixto Carballeira (Premio Curuxa Nova 2024) e Iván Mata Tamayo (1º premio na categoría Caricatura) recibiron este venres da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores XXVIII concurso de humor gráfico e caricatura Curuxa do Humor. No acto, o primeiro rexedor fenés louvou o traballo dos premiados, afirmando que “desde o Goberno Municipal de Fene sentímonos moi fachendosos por axudar a difundir - con este premio - a obra dos mellores humoristas gráficos do país”.
07-11-2024

O humorista e actor Pepo Suevos abre este venres o "Novembro, mes do humor" no Museo Xaquín Marín de Fene

Catro espectáculos para público adulto co mellorciño do humor galego protagonizarán as tardes-noites dos venres ao longo do mes de novembro no Concello de Fene. Este venres, coincidindo coa entrega dos Premios Curuxa 2024 dá comezo o ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” co que o Museo do Humor Xaquín Marín conmemora o seu aniversario. Todos os espectáculos comezarán ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo día da función a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
04-11-2024

O Museo do Humor Xaquín Marín entrega este venres os Premios Curuxa 2024

Coa entrega dos premios Curuxa 2024, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 8 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Adrián Dopico López, Lucas Sixto Carballeira e Iván Mata Tamayo recibirán da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, os representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.
03-09-2024

O Museo do Humor Xaquín Marín adía o acto de inauguración da exposición o Olimpo da Caricatura para o vindeiro mércores

Quince humoristas gráficos de recoñecido prestixio internacional participan na exposición O Olimpo da Caricatura que se inaugurará o vindeiro mércores, 11 de setembro, ás 19 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín. A mostra recolle unha selección de obras dos que, a xuizo do humorista gráfico e fundador do museo fenés Xaquín Marín, son “os mellores caricaturistas a nivel mundial” e ten como obxectivo “ensinar no meu país e en todo o mundo que o debuxo de humor pode ser unha arte tan sublime como outras que sempre foron mellor valoradas”.
27-06-2024

A Asociación Exin Castillos e West cede ao Museo do Humor Xaquín Marín unha maqueta da popular historieta 13 rúe del Percebe, de Francisco Ibáñez

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o autor da maqueta, Fran Guerra, asinaron este xoves o convenio de cesión polo que a peza pasa a expoñerse nas instalacións do museo fenés. Tamén asistiu ao acto o concelleiro de Cultura Justo Ardá. A maqueta, que se pode ver xa na sala de Banda Deseñada (3º andar da Casa da Cultura) está realizada con pezas do antigo xogo de construcción Exin Castillos e nela adáptase e reprodúcese unha das macroviñetas do edificio de apartamentos ubicado en 13 rúe del Percebe e a peculiar comunidade que o habita.
05-06-2024

O Museo do Humor Xaquín Marín acolle este venres a entrega de premios do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno

Ao redor de sesenta obras compoñen a exposición do II Concurso de Bd de Humor Demo Pequeno que se inaugura este venres, 7 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. A mostra recolle a totalidade dos traballos presentados ao certame que este ano convidou aos rapaces, entre 8 e 16 anos, a debuxar unha historia curta de banda deseñada ou tira cómica, con enfoque humorístico sobre “a revolución tecnolóxica que está a cambiar o mundo”. No acto deste venres, aberto ao público en xeral, entregaranse tamén os premios aos gañadores/as: Diego Noguerol Feijoo (1º premio categoría Infantil), Maia Tato Rodríguez (2º premio categoría Infantil), Ainara Soto Reino (1º premio categoría Xuvenil), e Ana Manso López e Gael Rivas Núñez , do CPR Santa Juana de Lestonnac, Ferrol (2º premio categoría Xuvenil). Tamén haberá diploma e un pequeño agasallo para os finalistas da categoría Xuvenil: Jimena Rivas Garel, do IES Concepción Arenal, Ferrol, e Noa Fachal Bermúdez, do CPI San Sadurniño.
23-05-2024

Últimos días para participar no XXVIII Concurso de Humor Gráfico Premios Curuxa 2024 do Museo do Humor Xaquín Marín

As persoas interesadas en participar poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón José Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña) até o vindeiro 31 de maio. Novamente, nesta edición, haberá tres categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas de 16 a 25 anos e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos. Os/as participantes poderán presentar un só debuxo de temática libre, en formato: viñeta, tira ou cómic (máximo 1 páxina) ou caricatura (no caso de debuxos presentados a esta categoría). As obras deberán ser de creación propia e inédita e presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade).
20-05-2024

Diego Noguerol Feijoo e Ainara Soto Reino gañan o II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno

Coincidindo coa conmemoración do Día dos Museos que se celebrou este sábado, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial veñen de dar a coñecer os nomes dos/as gañadores/as do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno. O xurado desta segunda edición -formado polos debuxantes Inés Vázquez e Víctor Boullón, xunto co autor de bd e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e a coordinadora do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos- reuniuse o pasado 9 de maio e acordou conceder por maioría os seguintes premios: