Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
04-06-2021

“I encontro de ilustradores" para reflexionar sobre a promoción do Camiño Inglés a través das artes visuais

O Concello de Fene reunirá o vindeiro día 11 a cinco recoñecidos artistas da comarca no “I Encontro de Ilustradores”, unha actividade do proxecto “Viñetas do Camiño”, que promoven as concellerías de Cultura e Turismo no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A cita terá lugar no Museo do Humor ás 20.00 horas e ten como obxectivo á reflexión acerca do Camiño Inglés, os seus valores e a súa promoción dende as artes visuais.
Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Beatriz Seijo, Calros Silvar e Eduardo Hermida protagonizarán o encontro, no que se quere crear un espazo de traballo dende o que afondar de forma conxunta no Camiño Inglés en Ferrolterra, a través dunha perspectiva patrimonial, paisaxística e humana. A actividade quere servir para establecer posibles vías de colaboración entre artistas, incluso a nivel estatal, como canle para difundir os valores Xacobeos e a riqueza patrimonial asociada ao Camiño.
Para elo, os participantes analizarán distintas experiencias na promoción de itinerarios similares ao compostelán como base para a súa posible aplicación a este. Da mesma forma, exporán outros proxectos nos que teñen traballado neste mesmo senso.
O Encontro de Ilustradores estará aberto ao público ata que o aforo da sala estea completo.
03-06-2021

II mostra do alumnado do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity na Casa da Cultura de Fene

A exposición “Yokais: monstros, pantasmas e outros seres do Laboratorio”, do alumnado Laudas Calamity, abre ao público este venres na Casa da Cultura de Fene. Trátase dunha exposición colectiva que xira entorno á temática do folclore xaponés, concretamente sobre o mundo dos monstros e pantasmas, tamén coñecidos coma Yokais. A mostra inaugúrase este mesmo venres, ás 18.30 horas pero a asistencia será con invitación previa e aforo limitado para cumprir cos protocolos Covid de seguridade e hixiene actualmente en vigor.
28-05-2021

Últimos días para participar na XXV edición dos Premios Curuxa do Humor

O vindeiro luns ás 23.59 horas remata o prazo de presentación de debuxos para o concurso de humor gráfico que organizan a Concellería de Cultura e o Museo do Humor de Fene. Nesta vixésimo quinta edición do certame, o/a gañador/a da Curuxa Gráfica (categoría para maiores de 25 anos) recibirá 2000 € e diploma e o gañador/a do segundo premio, 1500 € e diploma. Para a “Curuxa Nova” (categoría para menores de 25 anos) anúnciase un primeiro premio, dotado con 1.000 € e diploma, e un segundo premio, dotado con 500 € e diploma.
13-05-2021

O Museo do Humor conmemorará o Día dos Museos co espectáculo Papar sen cancelas, con Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz

Baixo o lema “O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar”, o vindeiro martes 18 de maio conmemórase o Dia Internacional dos Museos 2021, xornada, promovida polo Consello Internacional dos Museos (ICOM) para sensibilizar ao público sobre o papel destas institucións culturais no desenvolvemento da sociedade. E un ano máis, o Museo do Humor de Fene súmase á celebración, desta vez cun espectáculo humorístico, “Papar sen cancelas”, protagonizado por Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz. A función será o mesmo martes ás 20.00 horas con entrada libre e de balde, ate completar o aforo (50 persoas). Ademais, nesa mesma semana, o xoves 20, terá lugar o obradoiro de debuxo ao vivo impartido por Calros Silvar, actividade que se encadra tamén no proxecto “Viñetas do Camiño” (O Teu Xacobeo).
12-05-2021

O Concello de Fene abre a inscrición na Andaina Debuxada polo Camiño Inglés

O Concello de Fene abre o prazo de inscrición na “Andaina Debuxada” que terá lugar os días 12 e 13 de xuño polo Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra. Trátase da actividade central do proxecto “Viñetas do Camiño”, que as concellerías de Cultura e Turismo están a desenvolver no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, e consistirá en percorrer a ruta en dúas etapas, durante a xornada do sábado 12 e na mañá do domingo 13 de xuño, de Ferrol a Fene e de Fene a Pontedeume, con paradas para debuxar ou ver debuxar a diferentes artistas.  
30-04-2021

Exposición de Novais na Casa da Cultura de Fene

Maria Luísa Grandío, coñecida artísticamente como Novais, amosará a súa obra en Fene ao longo do mes de maio. A mostra, titulada “Bailando entre pinceles”, inaugúrase o vindeiro martes, 4 de maio, ás 20 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura e poderá visitarse até o día 28 en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. A exposición incluirá pezas realizadas ao óleo, acrílicos e tintas.
28-04-2021

O Museo do Humor acollerá o 20 de maio o primeiro obradoiro de Viñetas do Camiño

O Museo do Humor de Fene conmemorará este 20 de maio o Día Internacional dos Museos coa celebración do primeiro dos obradoiros de Viñetas do Camiño, o proxecto que o Concello de Fene está a desenvolver, no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta, para potenciar o Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra a través da creación artística. O artista Calros Silvar impartirá o taller, o único dirixido ao público adulto, no que se amosarán técnicas para o debuxo de natureza.
29-03-2021

A exposición da pintora ferrolá Julia Pita continuará en Fene até o vindeiro 17 de abril

A mostra consta dunha trintena de óleos de temática variada, aínda que salientan as paisaxes, as mariñas, os pousados e unha serie sobre geishas. A exposición amosarase até o vindeiro sábado 17 de abril na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22, Fene, A Coruña). Durante a Semana Santa -dias 28, 29, 30 de marzo e 5 de abril- o horario da sala de exposicións será únicamente de mañá, de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. A partir desa data, o horario será de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e sábados, de 10.00 a 13.00 horas. 
12-03-2021

«Viñetas do Camiño», a proposta do Concello de Fene para poñer en valor o Camiño Inglés a través do debuxo

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, presentou hoxe no Museo do Humor o proxecto “Viñetas do Camiño: unha ollada patrimonial ao Camiño Inglés en Ferrolterra” nun acto que contou coa participación do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e da concelleira de Turismo, Ana Basoa, así como da comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón. O alcalde destacou a transversalidade desta proposta, enmarcada no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e dirixida a “promocionar o Concello de Fene e a comarca de Ferrolterra como destinos culturais e turísticos, promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea, e fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño, particularmente entre os máis novos”.
09-03-2021

Abre o prazo para participar na XXV Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor 2021

Coa publicación no BOP das bases do XXV concurso de humor gráfico “Curuxa do humor”, abre hoxe o prazo de presentación de debuxos para o certame que organizan a Concellería de Cultura e o Museo do Humor de Fene. Os premios Curuxa teñen como obxectivo recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho do estado español), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo.

Un ano máis, o concello de Fene segue apostando polos premios Curuxa como estandarte do Museo do Humor. Así, nesta vixésimo quinta edición do certame, o/a gañador/a da Curuxa Gráfica (categoría para maiores de 25 anos) recibirá 2000 € e diploma e o gañador/a do segundo premio, 1500 € e diploma. Para a “Curuxa Nova” (categoría para menores de 25 anos) anúnciase un primeiro premio, dotado con 1.000 € e diploma, e un segundo premio, dotado con 500 € e diploma.