Dixomedíxomes
O venres 15 de novembro continúa o ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene para conmemorar o seu aniversario. Desta vez a protagonista será Leticia Miraz, máis coñecida como Leti da Taberna, “taberneira de nacemento e sociosanitaria de formació que en maio de 2020 comezou a subir contidos a TikTok, acumulando a día de hoxe ducias de miles de seguidoras nas redes sociais”. O espectáculo, titulado “Enredada”, comezará ás 20.00 horas. E a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
Os debuxantes Adrián Dopico López (Premio Curuxa 2024), Lucas Sixto Carballeira (Premio Curuxa Nova 2024) e Iván Mata Tamayo (1º premio na categoría Caricatura) recibiron este venres da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores XXVIII concurso de humor gráfico e caricatura Curuxa do Humor. No acto, o primeiro rexedor fenés louvou o traballo dos premiados, afirmando que “desde o Goberno Municipal de Fene sentímonos moi fachendosos por axudar a difundir - con este premio - a obra dos mellores humoristas gráficos do país”.
Catro espectáculos para público adulto co mellorciño do humor galego protagonizarán as tardes-noites dos venres ao longo do mes de novembro no Concello de Fene. Este venres, coincidindo coa entrega dos Premios Curuxa 2024 dá comezo o ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” co que o Museo do Humor Xaquín Marín conmemora o seu aniversario. Todos os espectáculos comezarán ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo día da función a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).