Novas

30-01-2025

Fene avanza na creación dun espazo museístico na Escola Unitaria de Sillobre

A Escola Unitaria de Sillobre converterase nun espazo museístico dedicado á historia, memoria e patrimonio cultural da parroquia e da contorna rural de Fene. Así se acordou nunha serie de reunións celebradas entre representantes da Asociación Cultural Ferrolterra Antiga e da SCRD Agarimo de Sillobre, José Sardiña e Eva Mª Fraga, xunto co alcalde de Fene, Juventino Trigo e o concelleiro de cultura, Justo Martínez.

As proposta, promovida polas entidades culturais, busca recuperar e poñer en valor a riqueza etnográfica de Sillobre, dinamizando o rural, estimulando o pequeno comercio e fomentando a creación de actividades produtivas ligadas á artesanía e á agricultura. O espazo tamén servirá para potenciar proxectos culturais xa existentes, como a Ruta das Lavandeiras ou a Ruta da Santa Compaña, e para desenvolver novos produtos culturais que reforcen a identidade local.
20-01-2025

A exposición do XVIII Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica xa se pode ver na Casa da Cultura de Fene

A mostra, que inclúe as coleccións gañadoras e unha selección das que se presentaron ao certame, poderá visitarse na sala de exposicións temporais do centro sociocultural fenés até o vindeiro 31 de xaneiro. Horario de visitas: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
O pontevedrés Vicente Fraga Fernández foi o gañador en 2024 do certame fotográfico que convoca a Deputación da Coruña. Fraga acadou o galardón por unha colección titulada Alén, a mellor, para o xurado, das 55 que se presentaron ao concurso, un dos máis prestixiosos dos que se conceden en todo o estado. O comité avaliador -formado por Pepe Baeza Gallur, Sandra Balsells, Chema Madoz, Carmen Dalmau, Juan María Rodríguez e pola deputada de Cultura Natividad González- concedeu, ademais, unha Mención de Honra á serie Nordés, do ourensán Miguel Muñiz.
13-01-2025

Avances e desafíos da Intelixencia Artificial no ciclo Contando Ciencia

A doutora en Informática pola Universidade da Coruña, Verónica Bolón Canedo, é a protagonista da primeira charla deste ano no ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino. A enxeñeira informática e profesora titular do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC falará este xoves, 16 de xaneiro, na Casa da Cultura de Fene sobre os “Avances e desafíos da Intelixencia Artificial”. A conferencia comezará ás 19.30 horas, con entrada libre e gratuíta até completar o aforo. Verónica Bolón Canedo é investigadora no Centro de Investigación TIC (CITIC), amais de académica de número de Academia Joven de España e académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.
03-01-2025

O Concello de Fene ultima os preparativos da Cabalgata de Reis, pendente da evolución do tempo

Coma todos os anos, as Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán Fene este domingo, a poucas horas da noite máis máxica do ano. Se o tempo o permite, a cabalgata dos Reis Magos de Oriente sairá ás 17.30 horas do CCRD de Perlío e percorrerá a Avda. Marqués de Figueroa e a Avda. Naturais ata chegar á Praza do alcalde Ramón J. Souto González (a carón da Casa do Concello) onde recibirán aos nenos e nenas que queirán conversar con eles e transmitirlles os seus desexos.
Perante as previsións de choiva e vento que se anuncian para esta fin de semana, a Concellería de Cultura agardará ate o mediodía do domingo para tomar unha decisión definitiva -da que se informará a través das redes sociais do Concello- sobre o desenvolvemento do desfile que este ano conta con 4 carrozas e un total de 32 paxes reais. O que sí se garante é a Recepción Real e unha festa infantil, baixo carpa, na Praza do Concello, entre as 18.00 e as 20.00 horas.
23-12-2024

A Música das buguinas o venres no CCRD de Perlío

O Local Social do CCRD de Perlío acolle este venres 27 de decembro ás 19.30 horas o espectáculo A Música das buguinas. Un teatro musical de Mamá Cabra e BellónMaceiras dirixido ao público familiar. A entrada é libre ate completar aforo.
20-12-2024

Horario da Casa da Cultura de Fene durante o Nadal

Do sábado 21 de decembro ao martes 7 de xaneiro cambia o horario de apertura e atención ao público na Casa da Cultura de Fene. Así, desde mañá, a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé, o Museo do Humor Xaquín Marín, a aula de estudo e sala de exposicións temporais da Casa da Cultura abrirán unicamente en horario matutino, de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Ademais, durante as festas, as instalacións permanecerán pechadas os sábados, domingos e festivos  (24, 25, 31 de decembro, 1, 6 de xaneiro).

A partir do 8 de xaneiro retomarase o horario habitual de inverno na Casa da Cultura, Biblioteca e Museo do Humor de Fene.
19-12-2024

Maxia e panxoliñas no arranque do Nadal en Fene

As actividades de Nadal que organiza a Concellería de Cultura trasládanse esta fin de semana ás sociedades do Concello. O local da AVV de Magalofes acolle este venres, ás 20 horas, o espectáculo de maxia Magic Mateo Show e nas instalacións do CMI Unidade de Fene celebrarase o sábado, ás 20 horas, o XXII Festival de Panxoliñas Concello de Fene. Tamén se anuncia para este venres, ás 17 horas, na Casa da Cultura o Festival de Nadal das Escolas Municipais de Música, coa participación do alumnado das actividades de solfexo, piano e guitarra. A entrada en todos os casos será libre e de balde até completar o aforo. 
17-12-2024

Canta Música, un espectáculo para levar a música tradicional galega ao público infantil a través do canto, do xogo e do baile

O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acolle este xoves, 19 de decembro, ás 18.30 horas, o espectáculo de Pablo Díaz e Olga Kirk “Canta música”. Trátase dunha función de bailes, xogos-baile, canto, e música, dirixida a nenas e nenos cunha idade comprendida entre os 4 e os 9 anos. No decurso da mesma, as/os asistentes participarán de xogos bailables tradicionais e de bailes e cancións dunha maneira activa, rematando o espectáculo cunha gran muiñeira conxunta. A entrada será libre e de balde até completar o aforo.
17-12-2024

Fene abre este mércores o prazo para inscribirse como Paxes Reais na Cabalgata das SS.MM Os Reis Magos de Oriente

As familias dos/as pequenos, de entre 6 e 12 anos, que desexen participar como paxes reais, terán que entregar debidamente cuberto o formulario de solicitude -que se pode descargar na web www.fene.gal- no Rexistro Xeral do Concello, en días laborables, de luns a venres de 8:30 a 14:00 h, entre o 18 e o 29 de decembro. A selección dos paxes reais realizarase por orde de inscrición e o aforo é moi limitado.
16-12-2024

Fauna esencial, unha viaxe enriquecedora a través da diversidade da nosa vida salvaxe

Xa se pode visitar na Casa da Cultura de Fene a exposición Fauna esencial, promovida por Afundación-Obra Social Abanca. A mostra inaugurouse este mediodía con presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo, do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e dos concelleiros Alejandro Dopico, Eloy Rico e María Ares. En representación das entidades organizadoras, asistiron: o coordinador institucional de Abanca, José Manuel Vilariño, a directora de zona de Abanca, Begoña Caamaño, o director da oficina de Abanca Fene, Jesús Valerio e a responsable da sede de Afundación Ferrol, Paula Ferreiro.