O domingo 25 de maio é a data escollida pola Concellería de Deportes de Fene para a celebración da II Milla Popular Interxeracional Concello de Fene, proba aberta a persoas de todas as idades, federadas ou non, tanto de Fene coma doutros concellos. As carreiras comezarán as 11.00 horas na Avenida do Mar de San Valentín aínda que, no caso de choiva, as de categorías escolares (desde prebiberón 1, aula de 3 anos, ata cadete, aulas de 3º e 4º da ESO) trasladaranse ao pavillón da Xunqueira, manténdose o resto de carreiras no circuito exterior (categorías sub 23, Senior e Máster). Como novidade nesta edición, as persoas participantes das categorías infantís ata benxamín (Prebiberón 1, Prebiberón 2, Biberón, Prebenxamín e Benxamín) poderán correr acompañadas dunha persoa adulta.