Novas

13-07-2026

A partir deste martes os clubs deportivos de Fene poderán solicitar horas de adestramento de pretempada e tempada 2026-27 nas instalacións deportivas municipais

O martes 14 de xullo abre o prazo para que os clubs de Fene soliciten horas de adestramento para a pretempada no campo de Fútbol Os Pinares e no pavillón polideportivo da Xunqueira, así como para a tempada 2026/2027 no campo de Fútbol e nos dous pavillóns municipais.
Os clubs que estean interesados deben remitir nas datas que se indican na normativa, a relación de horas que soliciten de cada instalación para a pretempada e para a tempada 2026 -2027, especificando o equipo (deporte e categoría) que vai utilizar cada hora. As solicitudes deberán presentarse telemáticamente, na sede electrónica do Concello de Fene (https://sede.fene.gal/sxc/gl/).
03-07-2026

Aprazado o Día do Deporte na Rúa

Perante as elevadas temperaturas previstas para este domingo, con alerta vermella nivel 3, o Concello de Fene anuncia o aprazamento do Día do Deporte na Rúa. A xornada, que inclúe múltiples actividades deportivas e de lecer para todas as idades, adíase previsiblemente para o mes de setembro ao obxecto, segundo explicou a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, “de evitar riscos innnecesarios e de non expoñer nin á poboación nin ao monitoriado e traballadores e traballadoras participantes ás temperaturas extremas que se agardan para a fin de semana”
Con respecto á tirolina xigante que se instalou na Avda do Tarrío (perto do Centro de Saúde)e que ía funcionar durante toda a fin de semana no marco da programación do Deporte na Rúa, o Concello de Fene anuncia tamén a súa cancelación.
01-07-2026

Fene promociona o deporte en familia cunha nova edición do Día do Deporte na Rúa

A Concellería de Deportes de Fene anuncia para este domingo, 5 de xullo, a 32ª edición do Día do Deporte na Rúa. A xornada, que incluirá múltiples actividades deportivas e de lecer para todos os públicos, desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas na Avenida do Tarrío, rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío.
Un dos grandes atractivos desta nova edición do Día do Deporte na Rúa será, sen dúbida, a tirolina xigante que voltará a Fene instalándose na Avda do Tarrío (perto do Centro de Saúde). O horario da mesma será: o sábado, de 17 a 20 horas, o domingo, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00, e o luns, de 17.00 a 20.00 horas.
19-06-2026

Festas acuáticas para festexar o fin de curso das escolas deportivas da piscina municipal de Centieiras

A Concellería de Deportes anuncia as datas e horarios das tradicionais festas acuáticas que organiza para pechar o curso das escolas deportivas municipais da piscina de Centieiras. A primeira cita será este sábado, 20 de xuño, coa festa de natación para bebés, á que seguirán o vindeiro sábado, 27 de xuño, as de Primeira Infancia, Iniciación Infantil e Perfeccionamento Infantil e Xuvenil. A continuación detállase o calendario previsto de actividades para estas dúas fins de semana.
10-06-2026

Fene acollerá este domingo a Andaina Por+Vida con motivo do 18 aniversario do programa de educación física contra a fatiga oncolóxica

 O Concello de Fene colaborará coa asociación Por+Vida na celebración da Andaina Por+Vida, unha iniciativa que terá lugar o vindeiro domingo 14 de xuño e que servirá para conmemorar o 18 aniversario do programa de educación física contra a fatiga oncolóxica.
As actividades desenvolveranse na Praza do Alcalde Ramón Souto González, onde ás 10.30 horas terá lugar a recepción e benvida ás persoas participantes. Entre as 11.00 e as 12.00 horas celebrarase a andaina, mentres que a programación continuará entre as 12.00 e as 13.00 horas coa lectura dun manifesto e cunha clase colectiva de baile impartida por Sandra García, da escola UPA Un Paso Adelante.
A xornada rematará cun xantar solidario consistente nunha churrascada, que se celebrará ás 14.30 horas no CCRD de Perlío e que contará coa actuación musical do grupo Os Tabernícolas.
05-06-2026

A Concellería de Deportes anuncia para este verán un novo campamento lúdico-deportivo no CMI de Fene

O vindeiro martes 9 de xuño abre o o prazo de solicitude de cita previa para formalizar a inscrición no campamento lúdico deportivo que se desenvolverá nas instalacións do CMI Unidade de Fene, do 3 ao 14 de agosto. Organizado pola Concellería de Deportes de Fene, o campus vai dirixido a nenas e nenos nados entre o 2014 e o 2021 e o número de prazas é limitado (30).
Á hora de anotarse a esta actividade, terán preferencia os/as rapaces/as empadroados/as ou escolarizados/as en Fene ao longo do curso escolar 2025-26. Así, os días 9, 10 e 11 de xuño, de 9.30 a 14.30 horas colleranse citas previas (no teléfono 981 340 366) para matricular aos/ás rapaces/as empadronados/as ou escolarizados/as en Fene e, no caso de que queden prazas libres, o día 12 de xuño poderán solicitar cita previa no mesmo horario as familias de nenos/as doutros concellos.
04-06-2026

Reserva de prazas para as escolas culturais e deportivas municipais do Concello de Fene 2026-27

As Concellerías de Cultura e Deportes abrirán o vindeiro 9 de xuño -para o alumnado matriculado no mes de maio´26, nas culturais, ou no mes de xuño´26, no caso das deportivas- o prazo de reserva de prazas para o vindeiro curso nas escolas de música (solfexo, piano e guitarra), piscina, pavillóns, kárate e judo. As solicitudes tramitaranse presencialmente no Pavillón da Xunqueira de luns a venres de 8.30 a 14.00 horas e o 10, 17 de xuño e 1 de xullo, tamén en horario de tarde, de 16.00 a 19.00 horas.
O alumnado de Fene poderá realizar a súa reserva do 9 ao 19 de xuño e o de fóra de Fene ou de Fene terá de prazo do 22 de xuño ao 2 de xullo.
28-05-2026

O vindeiro martes 2 de xuño abre o prazo de inscrición para os cursos de verán do Concello de Fene

Bautismos de mergullo infantil e para persoas adultas e ximnasia de mantemento ao aire libre son as actividades que organiza a Concellería de Deportes para este verán que precisan inscrición previa, xunto co Campamento Deportivo (para o que abrirá o prazo o vindeiro 15 de xuño).
As persoas interesadas en anotarse a calquera destas tres actividades poderán facelo no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais, 44, entrechán, Fene) a partir do martes 2 de xuño, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. No caso dos bautismos de mergullo, as inscricións deberán facerse presencialmente, non sendo necesario solicitar cita previa. Pero, no caso da ximnasia, poderán anotarse por teléfono (981 34 03 66). Todas elas son actividades con límite de prazas.
25-05-2026

Peche temporal e parcial da piscina municipal de Centieiras

Infórmase a todos/as os/as usuarios e usuarias que a Piscina Municipal permanecerá parcialmente pechada desde hoxe por mor dunha avaría nas instalacións. O peche manterase ata novo aviso (previsión inicial dúas semanas), mentres non se poida rematar a reparación.
Debido a esta incidencia técnica, o uso da instalación sufrirá as seguintes modificacións: zona de auga, pechada por completo; servizo e actividades dirixidas no Ximnasio e Pilates, permanece ABERTO e poderá usarse con normalidade; vestiarios e duchas, NON se poderán utilizar as duchas; actividades dirixidas de auga, quedan suspendidas, esperamos poder recuperar as clases logo da reapertura da instalación.
24-04-2026

Aberto o prazo de inscrición para o Obradoiro de Alimentación Saudable que se celebrará o 21 de maio

A Concellería de Deportes de Fene e Aspaneps organizan unha nova xornada informativa, no marco do programa artellado ao redor do Día Mundial da Actividade Física. A cita, impartida pola Escola Galega de Saúde, será o xoves 21 de maio, de 17.00 a 20.00, no salón de actos da Casa da Cultura. Nesta ocasión prográmase un Obradoiro de alimentación saudable, centrándose o encontro en: adquirir coñecementos sobre alimentación que se poidan implementar na vida diaria e coñecer os beneficios dunha boa alimentación. No decurso da charla falarase sobre tipos de alimentos (pirámide alimentaria) e papel dos hábitos alimentarios no crecemento e desenvolvemento, na saúde e na prevención da enfermidade; recomendacións para unha alimentación saudable e etiquetado de nutrición.
O número de prazas é limitado (25) e para asistir cómpre anotarse previamente a través da páxina web municipal www.fene.gal, Concellería de Deportes de Fene (Tfno. 981 340 366) ou da sección de formación do Sergas, facendo click AQUÍ.