Demografía

Inicio   Fene descúbreo   Demografía
Fene atinxirá case os 10.000
habitantes a partir de 1960

Durante a meirande parte do século XX Fene experimentou unha evolución demográfica alcista pasando de apenas 5.388 habitantes en 1900.

Despois de experimentar unha leve contracción demográfica como consecuencia da emigración transatlántica, fundamentalmente cara a Venezuela, Arxentina e Cuba, entre 1910 e 1930 e o andazo de gripe de 1918-1919, o concello recuperará un forte ritmo de crecemento que o leva a sumar 6.540 habitantes nos primeiros anos trinta.

Desde o primeiro terzo do século pasado e até 1981 a poboación de Fene medrará cun ritmo do 2,43% anual, atinxirá os case dez mil habitantes co inicio da década dos anos sesenta e sobrepasará, xa en 1981, os 15.000 habitantes. 

O emprego e o solo urbanizable
foron un foco de atracción
demográfica

A industrialización ferrolá até a Guerra Civil, e a partir de 1941 coa creación do estaleiro de ASTANO, favorecerá o ritmo alcista da poboación ao converterse en polo de atracción de operarios inmigrantes nos anos sesenta e setenta ao abeiro do pulo que recibiu a industria de construción de grandes buques.

Os efectos demográficos da crise do sector naval e a súa reconversión faranse sentir na década entre 1981 e 1991, tempo en que a poboación decreceu en Fene un 0,19%.

Na década dos noventa rexístrase unha tímida recuperación con crecementos do (0.15% anual).

En 2004 Fene sumaba 14.485 habitantes e o Padrón Municipal de 2007 rexistra 14.222.

 

 

Densidade e urbanización

Os menores de 20 anos suma
o 19,7% da poboación de Fene

Un dos trazos demográficos máis salientables de Fene é a súa elevadísima densidade demográfica, que supera os 516 habitantes por quilómetro cadrado. Perlío e Fene teñen, respectivamente, densidades de 2.817 hab/km2 e 2.125 hab/km2; e San Valentín rexistra 1.938 hab/km. As parroquias que presentan unha densidade menor son Magalofes 63,6 hab/km2 e Sillobre 182,7 hab/km2.

No termo municipal pódense diferenciar claramente aquelas parroquias urbanas e periurbanas (Barallobre, Fene, Maniños e Perlío) doutras de traza rural nas que as actividades agrogandeiras seguen a ter unha notable relevancia (Magalofes, Sillobre e Limodre).

O fenómeno de urbanización tomou como eixos as principais vías de comunicación e como nodos artelladores Fene, Perlío e Foxás. Co tempo, e tras a construción do Polígono de San Valentín, conformouse un continuo que integra a Fene, Perlío e San Valentín nunha única área urbana.

Estrutura de idades e sexos

Un de cada cinco fenenses
ten máis de 65 anos

Fene ten unha estrutura demográfica na que a poboación nova, menor de 20 anos, representa o 19,7%; mentres que os maiores de sesenta anos chegan ao 21,1%.

A poboación entre 20 e 65 anos suma 8.497 persoas, o 59,2% do total.

A distribución por sexos indica que a poboación feminina (51,5%) supera lixeiramente á masculina (48,5%).