Encontro que ten lugar no mes de maio, organizado pola AVV de Sillobre SCDR Agarimo, para render homenaxe ás antigas lavandeiras e revivir como era o lavado máis ancestral na parroquia de Sillobre no século XIX.
Celébrase tódolos anos o primeiro sábado do mes de xullo. A primeira hora da tarde, acompañados de gaiteiros, saen en desfile ata o monumento do Camiñante Descoñecido.
O último sábado do mes de xullo celébrase este evento. O evento comeza na praia de Río Castro, en Limodre, poñendo rumbo cara Río Sandeu en barcos, a pé e no que poden (barreños, plataformas flotantes,…). Unha vez en Río Sandeu, continúa a festa.
A Asociación Etnográfica e da Natureza no mes de agosto recrea como antigamente se realizaba a malla do trigo, dende a súa recollida (sega), secado e mallado, empregando maquinaria e ferramenta tradicional. A xente pode participar vestida de época.
No Muíño do Pombal en Maniños, a asociación Aetna, o primeiro venres do mes de decembro celebra a Esfollada do Millo, onde se pode gozar da recreación desta actividade coma hai moitos anos.
A principal razón da existencia do FELIPOP, que se celebra na parroquia de Limodre dende 1999, normalmente no segundo fin de semana de agosto, é a de dar cabida a proxectos musicais e artísticos principalmente, pero non unicamente, debedores da psicodelia, do power pop e da música dos anos 60 e 70.
A primeira edición tivo lugar no ano 2014, e dende entón celébrase anualmente a comezos do mes de setembro. Cita de gran importancia pola promoción que supón para os produtos da ría e o traballo da Confraría de Barallobre, e tamén pola implicación de todo o tecido asociativo do Concello de Fene, que se implica en cada edición para colaborar nesta festa.
A Romaría do Pote ven celebrándose ininterrompidamente dende o ano 1933, exceptuando os anos da Guerra Civil,e n Maniños o último domingo do mes de agosto. Organizada pola A.C.R.D. O Pote.
A Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene”, organiza tódolos anos no mes de outubro nas instalacións da SCRD Agarimo de Sillobre, unha Xuntanza de Gaiteiros onde os distintos grupos, bandas ou músicos dan a coñecer o mellor do seu repertorio.
Nace coa idea de manterse no tempo, coma un encontro de distintos grupos e de distintas zonas do noso país, onde poidamos non só gozar e coñecer a riqueza do noso canto tradicional, senón que tamén intercambiar ideas e propostas que potencien esta faceta da nosa cultura.